Rehabilitación enerxética: illar a túa casa para loitar contra o quecemento global

Vivendas unifamiliares nunha localidade galega CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A loita contra o cambio climático leva anos no centro da axenda política doméstica e internacional. Os esforzos para reducir as emisións de gases efecto invernadoiro adoitan poñer o foco na industria e o transporte pero deixan nun segundo plano o outro grande acaparador do consumo enerxético: a vivenda.

De acordo cun informe publicado o pasado ano pola Comisión Europea, as vivendas e os edificios en xeral son responsables do 40% do consumo enerxético da Unión Europea (UE) e do 36% das emisións de gases de efecto invernadoiro, xeradas principalmente durante a súa construción, utilización, renovación e demolición. En España, un estudo de 2016 da Universidade Politécnica Superior de Madrid estimaba que só o consumo enerxético diario do parque de vivendas representa o 18% do total do país e o 8% das emisións.

“Un programa así non só reduciría o consumo enerxético, senón que convertería as casas en lugares máis confortables e salubres"

Por ese motivo, a mellora da eficiencia enerxética das vivendas está a converterse nun cabalo de batalla nalgúns países da nosa contorna. Un deles é o Reino Unido, onde o think tank New Economics Foundation (NEF) vén de poñer en marcha unha campaña para reclamar ao Goberno británico un plan de investimento para illar 19 millóns de casas en 8 anos, comezando polo parque de vivendas públicas.

“Un programa así non só reduciría o consumo enerxético, senón que convertería as casas en lugares máis confortables e salubres para vivir e axudaría a aforrar aos inquilinos na factura da electricidade e o gas todos os meses”, asegura Aydin Dikerdem, xefe de campaña da NEF.

Edificios de vivendas en Vigo Dominio Público Xunta

Un investimento deste estilo tamén podería ter efectos positivos no plano laboral, segundo este think tank, creando milleiros de postos de traballo directos e indirectos e desenvolvendo un sector da construción “máis verde” e especializado neste tipo de illamentos.

A decana do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Elena Ampudia, cre que a mellora da eficiencia enerxética das vivendas será un dos grandes retos dos próximos anos en Galicia

A decana do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Elena Ampudia, cre que a mellora da eficiencia enerxética será un dos grandes retos dos próximos anos en Galicia, un país onde os problemas de illamento son habituais en vivendas antigas erguidas en tempos onde os estándares de construción eran menos esixentes.

Ao seu xuízo, as administracións deberían aproveitar os fondos Next Generation da UE para impulsar o financiamento deste tipo de reformas nos fogares de particulares, así como incentivar entre a mocidade o interese pola construción como saída profesional, dada a escaseza de man de obra que vén padecendo este sector nos últimos tempos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.