En 2007 construíronse en Galicia 8.485 edificios de nova planta, a cifra máis elevada rexistrada na historia. Era o tempo dunha burbulla inmobiliaria que supuxo a construción de case 73.000 novos inmobles nunha década (1998-2007). Nese mesmo decenio rehabilitáronse algo máis de 15.000 edificios en Galicia, cinco veces meses.
Porén, o número de inmobles de nova planta construídos anualmente descendeu rapidamente: 6.242 en 2008 e 2.989 en 2009, acadando o seu mínimo en 2013 (1.229). O que case non variou foi a cifra de edificios rehabilitados, que acadara o seu máximo en 2008 (1.786) e que nos peores anos da crise se mantivo por riba do nivel dos 1.200.
Entre 2013 e 2016 construíronse 5.329 novos edificios en Galicia e rehabilitáronse 5.157
Tralo estalido da burbulla inmobiliaria Galicia leva catro anos rehabilitando case o mesmo número de inmobles que edificios de nova planta se levantan. Entre 2013 e 2016 construíronse 5.329 novos edificios en Galicia e rehabilitáronse 5.157. O pasado ano as cifras volveron a estar moi próximas (1539 e 1482), rexistrándose un incremento dos dous indicadores.
Hai algunhas iniciativas, coma a posta en marcha polo Concello de Rianxo, que buscan fomentar a recuperación de inmobles, poñendo en contacto a propietarios de edificios baleiros con posibles interesados en habitar unha nova vivenda. A rehabilitación, destacan os responsables do rexistro de Rianxo, supón "respectar o patrimonio arquitectónico popular e poñelo en valor, un dos alicerces de unha sociedade civilizada", apostando por "mellorar antes que medrar". E recollendo en certa forma o escrito polo arquitecto catalán Jeroni Martorell i Terrats en 1935: "O viño novo fermenta mellor entre madeiras vellas. A vida moderna entre paredes antigas semella distinguirse, mellorarse".
Galicia incorporou 73.000 novos inmobles nunha década (1998-2007), na que se construíron máis 300.000 vivendas novas
Se atendemos á estatística de vivendas construídas e rehabilitadas anualmente, si atopamos maiores diferenzas, aínda que tamén se advirte con claridade como nos últimos catro anos (de 2013 a 2016) as cifras de construción e rehabilitación se atopan moito máis próximas que nas dúas décadas anteriores. Entre 1998 e 2007 construíronse máis de 300 mil vivendas novas en Galicia e rehabilitáronse algo menos de 11 mil. O pasado ano as cifras (1223 e 407) achegáronse moito.