Rianxo impulsa un pioneiro programa de rehabilitación de vivendas

Vivenda abandonada en Rianxo © Rehabilita Casa en Rianxo

O Concello de Rianxo puxo en marcha recentemente un programa que trata de poñer a disposición de calquera persoa unha bolsa de casas unifamiliares na localidade, tanto no ámbito urbano como no rural, para que poidan ser rehabilitadas e rehabitadas, como primeira ou como segunda residencia. A iniciativa que -destacan- é "pioneira e única" en Galicia, pon en común aos propietarios dos inmobles baleiros ou abandonados e aos posibles interesados en recuperar esas vivendas, en beneficio das dúas partes. Ademais, durante o proceso de rehabilitación ofrece asesoramento técnico e información sobre posibles axudas da administración.

O proxecto foi impulsado polo arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto, responsable de Canibalismo Urbanístico tamén chamado Feísmo, con quen falamos en Praza a pasada semana, e está apoiado por unha ordenanza municipal que foi aprobada por unanimidade no pleno, xerando consenso entre todas as forzas políticas. O obxectivos da iniciativa son múltiples, destaca Carlos Fernández, comenzado polo "impulso á conservación e recuperación do patrimonio construído", contribuíndo ademais a "deter a sangría demográfica, sobre todo nas zonas rurais, a que volva haber vida nas vilas e nas aldeas". "Habitando núcleos que hoxe están quedando deshabitados, loitas tamén contra o maltrato da paisaxe" -destaca- "pois unha casa abandonada crea ao seu redor unha paisaxe degradada". Entre os outros beneficios que pode xerar este proxecto, cita o impulso económico e para o emprego que estas obras poden posibilitar, e a "aposta por un modelo turístico distinto ao do Mediterráneo español ou Sanxenxo".

A Lei de Vivenda de Galicia establece a creación do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda, na que este rexistro se inspira, pois a norma establece a posibilidade de creación doutras seccións para inscrición dos demandantes acollidos a outros programas de acceso á vivenda con axudas públicas. A campaña de rehabilitación está aberta a calquera inmoble deshabitado que teña máis de trinta anos, polo que nela entran tamén vivendas non estritamente tradicionais, mesmo de ladrillo. Porén, os seus responsables destacan a importancia de que tamén este tipo de edificacións se rehabiliten e se ocupen, contribuíndo a contarmos con núcleos máis compactos.

O modelo de crecemento produciu que moitas vivendas tradicionais foran abandonadas polos seus propietarios ou deixaran de exercer nelas os labores de mantemento e conservación necesarios para mantelas en condicións de habitabilidade, destacan, engadindo que "respectar o patrimonio arquitectónico popular e poñelo en valor é un dos alicerces de unha sociedade civilizada", apostando por "mellorar antes que medrar".

"Para un concello de tamaño medio supón un esforzo pequeno, é máis a intención que o custe", destaca. "Os medios que pon Rianxo son os da oficina de rehabilitación, que existe noutros 40 concellos de todo o país. E os custes de xestión ou promoción páganse cunha taxa de 50 euros que deben aboar os propietarios para entrar no rexistro", comenta o arquitecto, que salienta a importancia do asesoramento que ofrecen as oficinas de rehabilitación dos Concellos: "pode aforrar moitos cartos, porque moitas reformas son innecesarias, hai elementos das vivendas que moitas veces se desbotan e son perfectamente válidos".

"Este un traballo que os concellos deberían facer en tanto en canto queiran manter o patrimonio galego e a paisaxe. Moitos concellos se cadra non están preparados economicamente, pero poderían asociarse con outros para emprestar este servizo", afirma Carlos Fernández. "Pretendemos que o exemplo se siga noutros concellos. Sobre todo nas provincias de Ourense e Lugo isto sería impagable, para loitar contra o abandono e o despoboamento", conclúe.

O centro de Rianxo © farosdegalicia.wordpress.com
Vivenda abandonada en Rianxo © Rehabilita Casa en Rianxo
Vivenda abandonada en Rianxo © Rehabilita Casa en Rianxo
Espazo exterior dunha das casas que xa oferta o programa © Rehabilita Casa en Rianxo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.