"Se no 2015 non atopamos propostas para o territorio, que tipo de paisaxe teremos no 2020?"

Un dos exemplos de 'canibalismo' denunciados por Carlos Fernández © Canibalismo urbanístico, tamén chamado Feísmo

Carlos Henrique Fernández Coto é arquitecto e dende o 2011 impulsa as páxinas e contas sobre Maltrato da Paisaxe e Canibalismo Urbanístico tamén chamado Feísmo, coa que busca “concienciar o pobo das desfeitas que levamos tempo facendo no noso país, coa depredación do territorio (canibalismo), sen respecto polo noso Patrimonio, nin polo traballo no que os nosos devanceiros deixaron o seu suor e a saúde”. O pasado ano Fernández Coto presentoulle ao Goberno galego, a través da súa secretaria xeral do Territorio e Urbanismo, un documento con “40 medidas para minimizar o feísmo”.

Como poderiamos definir o feísmo? É axeitado o termo?

Persoalmente non me gusta o termo feísmo -cuxo antónimo sería guapismo- pero xa é unha acepción que toda a cidadanía acepta e entende de que falamos. Na súa defensa hai que dicir que é moi rechamante e mediaticamente funcionou moi ben, sobre todo para crear debate público. Con independencia dese debate que recentemente se puxo de moda, eu levo máis de trinta anos de análise do fenómeno e mesmo impartín charlas concienciadoras en distintos foros. Con coñecemento técnico pola miña profesión e pola experiencia persoal, bauticeino con dous nomes que eu mesmo deseñei: Canibalismo urbanístico primeiro e Maltrato da Paisaxe máis tarde.

A primeira das acepcións ten máis relación co consumismo innecesario do territorio, non tanto coas grandes urbanizacións importadas do Mediterráneo español –que tamén- senón coa constante colonización das terras de labor con novas edificacións, moitas veces inconclusas, abandonando as vellas aldeas tradicionais asentadas con experiencia e no lugar máis acaido. Tamén coa invasión das nosas rías con edificacións de segunda residencia, pendellos ou pavillóns industriais espallados pola nosa paisaxe. Son exemplos de canibalismo, de devorar espazos sen ter en conta a repercusión paisaxística, tamén económica, que temos que pagar pola dispersión. Tamén lle teño chamado Gula inmobiliaria, exceso de construción sobre a que necesitamos.

No fondo, conflúe con outras actitudes que se identifican máis co feísmo vinculadas ao uso das máquinas e novos materiais, co rexeitamento dos oficios tradicionais. En síntese, maltratamos a nosa paisaxe, por non sabermos crear construcións acordes coa nosa terra, por non aprender o que nos foron transmitindo durante xeracións. Non falamos unicamente de casas, senón de pendellos, valados, pistas, canais, plantacións, explanacións, canteiras, etc.. que baten coa riqueza herdada.

“No noso país hai un menor respecto pola cultura en xeral, e o patrimonio (tanto o arquitectónico coma o natural) é unha peza fundamental da cultura dun país”

Hai en Galicia un menor respecto cara ao patrimonio e á paisaxe que noutros territorios próximos? É o feísmo un fenómeno exclusivo de Galicia? Como se explican certas actuacións que aquí son habituais e que non o son en Asturias, Cantabria ou Euskadi?

O que coñecemos como feísmo non é un fenómeno que unicamente se dá na nosa terra. Pobos enteiros sófreno no mundo, pero estigmatizamos o noso por estarmos na Unión Europea, lugar de “supremacía cultural” no que ten escasa implantación: apenas no sur de Italia, en Grecia ou en Romanía, tamén no norte de Portugal. Respecto doutros territorios próximos como Asturies, Cantabria, Euskadi ou Navarra, no noso país hai un menor respecto pola cultura en xeral, e o patrimonio (tanto o arquitectónico coma o natural) é unha peza fundamental da cultura dun país. Conforme nos achegamos a Francia o respecto pola cultura propia é superior, e non hai máis que ver como os vascos loitan polo mantemento das súas tradicións, dos deportes autóctonos, da lingua. Pero o que parece, en principio, que garda relación co afastamento de centro de Europa esvaécese ao comprobar que en Portugal vólvese a dar a mesma fórmula consonte avanzamos cara ao sur.

O que si é certo é que territorios que na súa orixe histórica foron análogos ao noso, ben en folclore, arquitectura ou paisaxe, manteñen maior respecto e maior protección que nós (Bretaña, Gales, ...). Algo que aínda está por determinar fica nos xenes dos galegos e condúcenos a desprezar a nosa propia identidade cultural. Moita da culpabilidade atribúese á volta da emigración, sobre todo da europea, en concreto ao rexeitamento daqueles galegos a todo o que se identificaba coa pobreza, coa miseria e illamento, fronte aos novos mundos que chegaron a coñecer, máis modernos, máis ricos, menos illados.

“Moita da culpabilidade atribúese á volta da emigración, sobre todo da europea, en concreto ao rexeitamento daqueles galegos a todo o que se identificaba coa pobreza”

Como se combaten estas intervencións arquitectónicas non acaidas? Son máis útiles as medidas coercitivas e a imposición de multas ou debe apostarse por outras vías coma a concienciación, educación, incentivos...?

Hai que deterse no tempo, reflexionar e tomar decisións, e é este o mellor momento para facelo, pola situación económica que vivimos. Non o estamos a facer, semella que agardamos a que flúa o crédito para seguir maltratando o noso país. Tal e como recollín no documento 40 medidas para minimizar o Feísmo, que lle entreguei ao presidente da Xunta, hai que abordar o problema en dúas frontes: a corrección do mal feito e a prevención para o futuro.

Para a corrección –no posible- do mal feito hai que coordinar todas as administracións baixo a tutela da Xunta, obrigando os propietarios a corrixir moitos dos feísmos do noso país, baixo a supervisión de arquitectos. A propia administración autonómica, por medio das Oficinas de Rehabilitación pode facilitar os trámites e ofrecer subvencións a fondo perdido para as familias sen recursos. Actuando con determinación poderiamos crear 15.000 postos de traballo do ferido sector da construción. Sei que é un esforzo inversor importante, pero similar ao dos cursos de formación para os ninis ou ao da construción de grandes infraestruturas que poden ser prescindibles.

“Para a corrección do mal feito hai que coordinar todas as administracións baixo a tutela da Xunta, obrigando os propietarios a corrixir moitos dos feísmos do noso país, baixo a supervisión de arquitectos”

Pero tamén hai que actuar na prevención, e neste senso habería que modificar moitos planeamentos municipais e a propia Lei do Solo, evitando eses casos de maltrato que produce a propia normativa (modelos urbanísticos caducos). A fixación de sancións para os alcaldes que desatendan a disciplina e o cumprimento das leis urbanísticas tamén sería unha medida preventiva. E tamén hai que facer un esforzo en formación e información: incidir no amor polo territorio, pola paisaxe e pola arquitectura dende a infancia, impartindo materias obrigatorias nas escolas e institutos, como o Proxecto Terra do COAG. Para os maiores é preciso manter campañas de concienciación nos medios de comunicación, tanto nos xornais como na televisión, en horario de máxima audiencia.

“Foi na transición das construcións tradicionais ás “modernas” cando non soubemos dar unha resposta de continuidade reflexionada”

Que parte de responsabilidade teñen as distintas administracións? Falla a normativa ou a aplicación desta normativa?

Sóbranos normativa e fáltanos que se cumpra a que hai. Hai mesmo normas que facilitan o maltrato: moitos planeamentos, leis urbanísticas copiadas doutros lugares, e outras que non permiten o mantemento das características tradicionais, como a de habitabilidade –en parte-, pero nas épocas nas que careciamos de normas tamén se maltratou a paisaxe.

Foi na transición das construcións tradicionais ás modernas cando non soubemos dar unha resposta de continuidade reflexionada. Durante os primeiros retornos dos emigrantes galegos en Europa deuse unha situación na que se combinaron múltiples factores que conseguiron divorciar os galegos do territorio e da arquitectura popular. A teima dos que volvían ao país para implantar o modelo arquitectónico dos lugares nos que traballaban atopou pouca base técnica que soubese dar unha resposta de continuidade e coherencia coa tradición. Era mínima a presenza de arquitectos galegos, que unicamente tiñan as súas oficinas nas principais cidades, polo que xurdiron axentes intermedios que foron os que dirixiron esa transición: novos construtores sen formación e técnicos de grao medio que tampouco estaban formados para proxectar esas novas edificacións.

A maior parte das obras dunha vasta época foron realizadas sen proxecto, sen supervisión experta ningunha, e foron moitos os concellos que permitiron construír incluso sen licenza municipal, ata hai ben pouco tempo, ata que os bancos lles comezaron a pedir documentos aos promotores. Nos casos nos que había licenza municipal, a maior parte dos proxectos redactábaos o propio técnico municipal ou algún amigo e eran asinados por un arquitecto da cidade, pero non chegaba a intervir no deseño, moitas veces nin coñecía aos propietarios nin a leira.

Outra das eivas foi a ausencia case total de planeamento municipal e dun modelo urbanístico territorial –que aínda hoxe non o hai-, polo que se foi colonizando o rural e foron medrando as vilas sen control urbanístico ningún. O tamaño dos municipios e o seu espallamento tamén contribuíron: concellos pequenos sen arquitecto superior, sen medios técnicos, sen disciplina, gobernados por alcaldes próximos aos veciños que manteñen o seu posto de traballo grazas aos seus votos.

"Non pensemos que é unicamente un modelo errado de xestión urbanístico, foi o modelo de comportamento municipal en todas as áreas, polo que as mañas foron parecidas"

Pero non pensemos que é unicamente un modelo errado de xestión urbanístico, foi o modelo de comportamento municipal en todas as áreas, polo que as mañas foron parecidas. Houbo un reiterado incumprimento das normas no tempo, tanto por parte dos propietarios como polos propios concellos. É xa un clásico a frase típica de “Ti vai facendo” coa que moitos alcaldes foron ignorando o sucesivo incumprimento da lei, “Se ninguén te denuncia, non che vai pasar nada” tamén é outra das frases saídas dos despachos municipais. Son dúas actitudes difíciles de erradicar do noso xeito de ser.

Estigmatizar os veciños que denuncien e deixar nas súas propias mans a responsabilidade da disciplina é unha irresponsabilidade. É un sistema complexo e á vez, corrupto. Unha trama na que todos miramos para outro lado cando estragamos o propio hábitat que habitamos. É necesario un pacto polo territorio, que involucre as distintas administracións, pero que faga responder aos distintos responsables co seu patrimonio persoal, mirando pola responsabilidade sobre o territorio.

“É necesario un pacto polo territorio, que involucre as distintas administracións, pero que faga responder aos distintos responsables co seu patrimonio persoal”

Estamos en campaña electoral. Entendo que precisamente nestas datas os Gobernos Municipais son aínda máis remisos a facer cumprir a lei, non si?

En campaña electoral poucos responsables políticos van adoptar medidas disciplinarias sobre as infraccións: son votos perdidos que poden facerlle perder o seu posto de traballo. Pero tamén é un acto de responsabilidade do propio pobo que durante a campaña electoral esixa dos candidatos que expoñan os seus plans e propostas para acabar con esta lacra que xa case nos identifica, para preguntarlles polas medidas que van adoptar para reducir e corrixir as infraccións urbanísticas. Tamén para votar en consecuencia.

Deixo un dato ben preocupante: Preocupeime de facer unha sondaxe sobre programas electorais para estas eleccións e, agás en grandes cidades galegas, non atopei propostas serias de índole urbanística nas vilas e no rural, ningunha medida concreta para atallar o Maltrato da Paisaxe ou velar pola protección do patrimonio. Tampouco as candidaturas que se presentan levan arquitectos nas súas listas, cando o urbanismo e o patrimonio son materias estruturais nas competencias municipais.

“É un acto de responsabilidade do propio pobo que durante a campaña electoral esixa dos candidatos que expoñan os seus plans e propostas para acabar con esta lacra que xa case nos identifica”

Se no ano 2015 non se atopan propostas para o noso territorio, que tipo de paisaxe teremos no 2020? Seguiremos na fondura do túnel urbanístico no que nos atopamos no país? Como aínda hai concellos de certa entidade que non dispoñen de arquitecto municipal, nin sequera o inclúen nos seus programas de goberno? Se os candidatos responden a preocupacións cidadás, seguimos os galegos sen nos preocupar polo modelo de crecemento ou desenvolvemento? A estas preguntas non lles atopo resposta coherente.

“Se no ano 2015 non se atopan propostas para o noso territorio, que tipo de paisaxe teremos no 2020?”

Unha excesiva énfase en certas intervencións máis ou menos anecdóticas (criticables, por suposto), como fai La Voz de Galicia a través de Chapuzas Gallegas desvía a atención de actuacións de maior impacto, dende as vivendas sen rematar ás construcións ilegais?

Na miña opinión, calquera xornal que queira publicar as verdadeiras ilegalidades ten que facelo avalado por unha fonda investigación sobre o que denuncia e probas contundentes se non quere ficar permanentemente nos tribunais. Moitas das veces é o propio infractor o que contradenuncia ao denunciante, en moitos dos eidos, e exemplos hainos relacionados con casos de corrupción. Non vexo probable que un xornal publique ilegalidades que nin sequera están denunciados polos cidadáns

A meirande parte das chapuzas galegas que publica o xornal son, dentro do maltrato da paisaxe, asuntos de pequeno calado, moitas veces reversibles ou de sinxela solución para recuperar o estado inicial, son case anecdóticos, ás veces mesmo simpáticos. Persoalmente non me preocupan tanto estas pequenas accións humanas, moitas veces ata de fácil comprensión, como as grandes desfeitas dos promotores inmobiliarios ou os miles de casos de maltrato dos propios cidadáns por casas sen rematar, ilegais ou que atacan ao patrimonio do país.

“Non me preocupan tanto estas pequenas accións humanas, moitas veces ata de fácil comprensión, como as grandes desfeitas dos promotores inmobiliarios ou os miles de casos de maltrato dos propios cidadáns por casas sen rematar”

Nunha entrevista recente, Pablo Ramil dicíame que "falla a socialización da paisaxe" e que “a xente non ten capacidade para incidir sobre o que debe ser a paisaxe que ten na súa contorna”. Tamén os responsables do proxecto Feísmos? sinalaban que "fálase moito de feísmo, pero non se lles deu voz ás persoas que habitan estes espazos". Estás de acordo?

Na Idade Media deixaban pasar algún tempo antes de colocar as estatuas das prazas e facíano nos lugares nos que medraba a herba, é dicir, os que non se utilizaban para cruzar a praza. Con tempo suficiente, era a propia cidadanía a que decidía –se preguntarllo- onde se situaban as fontes ou pezas esculturais. É unha combinación de socialización e reflexión da que temos que aprender. A participación dos cidadáns é imprescindible para que acaben facendo súa a paisaxe e coidándoa, como o seu lugar vital no exterior.

Pero tamén é certo que durante décadas foise perdendo o oficio e a participación, sobre todo no rural. Técnicas burocráticas alleas ao noso territorio foron anulando as decisións comunitarias. A forza das máquinas utilizada con criterios importados, irracionais e sen ter en conta as agras e as augas ou os valados, foron modificando as nosas contornas. Á par, os novos materiais e a substitución da sabedoría ancestral por novos construtores sen criterio nin reflexión fixeron o resto do traballo. Nas áreas urbanas de pequenas vilas é unha administración mal asesorada e impulsada pola cultura da subvención amiga a que toma as decisións sen ter en conta os cidadáns, creándose novos tipos e novas imaxes coas que os galegos nos imos identificando por adhesión.

Claro que hai que darlles voz aos habitantes dos inmobles, pero tamén hai que formalos e informalos da responsabilidade sobre os seus actos, tamén da irresponsabilidade e falla de respecto perante aos seus veciños por unha obra sen rematar, que ven indicando que “o que pasa fóra da casa non lles importa”. Con isto non quero esquecer que moitas das aberracións que se observan non o son por desleixo ou falla de cartos, senón por saturación, pola construción de verdadeiros esperpentos por exceso de ornamentación innecesaria, illados de toda adaptación á contorna.

“Claro que hai que darlles voz aos habitantes dos inmobles, pero tamén hai que formalos e informalos da responsabilidade sobre os seus actos, tamén da irresponsabilidade e falla de respecto perante aos seus veciños por unha obra sen rematar”

Falta reflexión en Galicia sobre a paisaxe, como é e debe a nosa contorna? Que falla para que pasen os anos e as décadas e sigamos a voltas -ou iso paréceme a min- cos mesmos debates que, ademais, moitas veces quedan na superficie?

É necesario actuar con determinación contra o problema, dende a Xunta de Galicia sobre todo, pero coa implicación forzosa dos concellos. Casos como os que coñecemos de Compostela, Pontevedra ou Allariz reforzan esta tese, xa que foron conseguidos con certa tensión cidadá inicial, pero agora son modelos de comportamento premiados e apreciados polos que nos visitan. É unha mágoa que teñan que vir de fóra para dicirnos o que está ben ou mal, pero se non estamos formados e informados, non podemos ter criterio para poder determinar o que está ben feito ou o que está mal feito.

“É imprescindible controlar, en cada momento, o custo das nosas accións, evitando paisaxes inacabadas, casas sen rematar. É preferible construír menos, pero facelo ben”

Que temos que habitar o noso territorio non se dubida, pero o que temos é que facelo con responsabilidade, como o fixeron os galegos doutro tempo, como o fan outros pobos. Falta a reflexión sobre como cubrir unha necesidade respectando a paisaxe, pero non unicamente para os particulares, senón tamén para as propias administracións públicas. Son necesarias as autovías, pero haberá que proxectalas sobre a terra e non dende o despacho. Os estudos de impacto ambiental que coñezo son puros tratados de ecoloxía que apenas se axustan á realidade, son máis un trámite para xustificar a obra, igual que sucedía noutrora cos proxectos dos arquitectos.

É imprescindible controlar, en cada momento, o custo das nosas accións, evitando paisaxes inacabadas, casas sen rematar. É preferible construír menos, pero facelo ben. Hai que escoitar aos máis vellos, hai que coñecer as nosas paisaxes. Medrar con sentidiño, en todas as escalas, dende unha grande infraestrutura ata un pasal sobre un regato. Sempre co mesmo criterio: consumindo a menor cantidade de territorio e lendo cada palmo que se ocupa.

Un dos exemplos de 'canibalismo' denunciados por Carlos Fernández © Canibalismo urbanístico, tamén chamado Feísmo
Os inmobles sen rematar, outro dos problemas denunciados © Canibalismo urbanístico, tamén chamado Feísmo
'Rañaceos' en Betanzos © Canibalismo urbanístico, tamén chamado Feísmo
Exemplo de 'adiantado' © Ibader

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.