"Fálase moito de feísmo, pero non se lles deu voz ás persoas que habitan estes espazos"

Dous tipos de feísmos © Feísmos?

"Todo na miña terra é paisaxe, menos traxe, paxe e garaxe", escribiron os Ronseltz. A paisaxe está definida tamén, necesariamente, pola intervención humana e define á súa vez a identidade dunha sociedade, como destacou por exemplo María López Sández en Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio. Nas últimas décadas tense falado moito ao redor dun concepto, o do feísmo, que serviría para definir un tipo de prácticas arquitectónicas afastadas da norma e dos cánones estéticos, e ligadas sobre todo a un choque escasamente harmónico entre tradición e modernidade na construción, por exemplo nos materiais empregados. Un concepto, no entanto, polémico, e que non acadou aínda un consenso sobre a súa definición e extensión.

Entre abril e xullo Feísmos? levará a cabo tres accións na Agra do Orzán (A Coruña), Ardemil (Ordes) e Malpica. E o obxectivo final do proxecto, á volta do verán, é a realización dun documental interactivo

Antía Ameixeiras, Alejandro Gándara e David Fontán, son estudante do último curso de Comunicación Audiovisual, no primeiro caso, e de Xornalismo nos outros dous. Para o seu proxecto de fin de grao decidiron lanzar Feísmos?, un proxecto colaborativo sobre urbanismo, territorio, paisaxe e estética, que busca afondar neste debate, a través dun traballo de campo "para coñecer o que a xente pensa sobre este termo, para saber se cre que a súa paisaxe está realmente maltratada". "É un tema do que se fala moito, principalmente arquitectos ou xornalistas, pero poucas veces intervén no debate as persoas ás que esta cuestión lles afecta máis, que son os propietarios desas vivendas, ou a veciñanza desa contorna", destacan. Entre abril e xullo Feísmos? levará a cabo tres accións na Agra do Orzán (A Coruña), Ardemil (Ordes) e Malpica. E o obxectivo final do proxecto, á volta do verán, é a realización dun documental interactivo no que intentarán tirar unha serie de conclusións

O proxecto ábrese cun vídeo de presentación que ofrece algunha das primeiras preguntas e dúbidas que Feísmos? quere poñer riba da mesa. E tamén cunha enquisa aberta na que queren ir configurando unha definición colectiva de feísmo, das súas causas e das súas posibles solucións. "Son o mesmo unha urbanización pantasma e un hórreo de ladrillo? Unha leira pechada con somieres e unha ringleira de edificios de distintas alturas? Onde remata a reciclaxe e comeza a chapuza?", pregúntanse, destacando que o termo podería ter penalizado en exceso certas prácticas habituais no rural galego, esquecendo outras agresión á paisaxe máis graves coma os numerosos casos de urbanizacións ou edificios sen rematar e sen habitar, froito da burbulla inmobiliaria.

"Non cremos que sexa un fenómeno exclusivamente galego" -din- "Cremos que se deu aquí por determinadas circunstancias sociais, económicas e históricas, pero hai exemplos semellantes noutros lugares do mundo". Citan o exemplo do proxecto Pride and Concrete (Orgullo e Cemento), que analiza o caso dunha zona no norte de Romanía "semellante a Galicia en moitas cousas, rural, que sufriu moita emigración, e que recibiu moitos cartos da xente que marchaba fóra; con eses cartos construíronse casas que, ademais de ir facéndose aos poucos, querían imitar certos modelos dunha suposta modernidade que estas persoas viran polo mundo".

"Somos un país que sufriu un choque cultural enorme, que pasou en poucas décadas practicamente do medievo á modernidade. E iso ten as súas consecuencias"

Din non querer fixar aínda, á espera da realización do seu traballo de campo, unha definición sobre o feísmo ou unha tese sobre as súas causas, pero apuntan que "somos un país que sufriu un choque cultural enorme, que pasou en poucas décadas practicamente do medievo á modernidade, dunha cultura precapitalista a unha cultura capitalista de finais do século XX. E iso ten as súas consecuencias". Ademais, sinalan que "o caciquismo tivo tamén unha influencia grande, condicionando as regulacións urbanísticas, o que tamén tivo un impacto grande".

Unhas reflexións semellantes ás que hai uns meses facía Consuelo Castro Rey nun artigo publicado na revista Kardo, no que escribía que a paisaxe "é un libro que fala de nós, que conta a nosa historia; un espello que reflicte a imaxe debuxada polos procesos políticos, económicos, sociais e culturais que se desenvolveron no pasado e que se están a desenvolver no presente". "A emigración, o abandono, a perda das referencias e a desestruturación de familias e comunidades son feas; e feos son tamén o caciquismo, a usura e a inxustiza que durante séculos touparon calquera anceio de desenvolvemento e prosperidade no noso agro", engadía. "Así pois -concluía- "non val botarlle a culpa aos outros. O feísmo é responsabilidade de todos nós, dos labregos, dos que somos fillos e netos deles, e tamén –faltaría máis- das elites sociais, económicas, políticas e culturais coa súa imprescindible contribución a este país".

Feismos? quere ser unha achega máis a un debate necesario e que vén xa de vello, unha achega que quere ser, sobre todo, aberta e colaborativa

Feismos? quere ser unha achega máis a un debate necesario e que vén xa de vello, unha achega que quere ser, sobre todo, aberta e colaborativa. O debate deu lugar a algúns textos ben interesantes, e que deben ser sempre tidos en conta, coma a publicación Feísmo? Destruír un País, froito do primeiro Foro do Feísmo, realizado no ano 2004. Esa cita, na que participaron exprertos de distintos ámbitos, dende Antón Baamonde, Xosé Manuel Beiras, Manuel Gallego, Xosé Lois Martínez, Teresa Táboas, Chus Pato, Rubén Lois a Xosé Otero Pombo, preguntábase no seu texto introdutoriol: "Que é realmente o feísmo, de onde vén e até onde chegan as súas consecuencias? Hai moitos feísmos diferentes? É un fenómeno único ou multipolar? Despréndese dunha situación socio-política? Aliméntase de orografías imposíbeis? Pódese rastrexar historicamente? É endémico ou inducido? Coñecemos outras sociedades que o padezan? Debe chamarse feísmo?"

Dous tipos de feísmos © Feísmos?
Urbanización sen rematar en Miño © Feísmos?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.