'Urbtopías' en Pontevedra: á procura dos seguintes pasos dunha cidade a escala humana

Un momento da conversa entre Teresa Táboas e Ramón Marrades, moderados pola xornalista Susana Regueira © Lamarela/Concello Pontevedra
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-po2-2898c6e.png

Os encontros de 'Urbtopías' puxeron o foco na Cultura como motor do desenvolvemento e na recuperación do espazo público de convivencia das cidades despois da COVID

"Ningunha vitoria é irrevogable", dixo a poeta portuguesa Ana Luisa Amaral no marco dos encontros Urbtopías. As cidades posibles que acolleu de volta, despois dun parón pola pandemia da COVID-19, a cidade de Pontevedra. "Temos que seguir avanzando cara a novas formas urbanas. E ese avance ten que ser multidisciplinar desde o punto de vista da súa propia ordenación, apostar por termos cidades limpas e combativas contra o cambio climático, coa cultura como estratexia principal de desenvolvemento. Cidades máis acolledoras e en rede porque ningunha vitoria se consolida se se deixa ao libre albedrío", debulla concelleira de Promoción Cidadá, Anabel Gulías.

"Temos claro, dende a nosa experiencia, que calquera proxecto de transformación urbana tense que traballar dende varios eidos", defende Gulías. "Non vale simplemente facer unha ordenación do tráfico, unha peonalización parcial, unha programación cultural ou contar con espazos verdes illados. Todo ten que estar imbricado e artellado para conseguir que a cidade funcione". Isto é unha lección aprendida en Pontevedra, que nesta ocasión centrou o foco do debate na Cultura, unindo a persoas destacadas das artes con especialistas en urbanismo e economía social.

"Creo que rachar con ese borde rural/urbano e campo/cidade é o gran reto que temos diante de nós os arquitectos, urbanistas, sociólogos... É un tema multidisciplinar", di Teresa Táboas

Urbtopías propón unha reflexión demorada nuns tempos nos que todo pasa moi rápido. Pero "repensar as cidades significa repensar o modelo produtivo", como salienta Teresa Táboas, membro do Consello da Unión Internacional de Arquitectos e ex-conselleira de Vivenda e Solo (2005-09). "A pandemia tivo que servir para decatarnos das grandes problemáticas das cidades, quizá non das nosas en Galicia, pero si das grandes urbes de 20 ou 30 millóns de persoas que temos no Planeta", advirte. 

"O 2% da superficie do planeta Terra está ocupado por cidades e o resto do territorio está aí para dar resposta ás necesidade desas cidades. Creo que rachar con ese borde rural/urbano e campo/cidade é o gran reto que temos diante de nós os arquitectos, urbanistas, sociólogos... É un tema multidisciplinar. De que maneira ruralizamos as cidades? Nese momento tamén seremos máis conscientes da importancia dos ecosistemas", continúa Táboas.

"Pontevedra recuperou o espazo público, polo que está a crear capital humano", salienta a arquitecta

Por iso ve interesante esta iniciativa do concello de Pontevedra, pois estes debates adoitan producirse en centros estratéxicos do mundo. "Que se faga en Pontevedra me parece un avance porque permite que a cidadanía poida ir, escoitar e cavilar despois na casa. O feito de ver que hai diferentes maneiras de asentarse no territorio, tamén permite escoller entre as distintas opcións políticas nunhas eleccións", apunta Teresa Táboas.

Para a arquitecta, nos últimos meses a vivenda se converteu en espazo de consumo: "Decatámonos de que xa vivimos illados polas novas tecnoloxías, que nos van acantoando ao espazo privativo, por moito que tamén nos permitan vivir con certas comodidades e traballar dende espazos territoriais nos que antes non se podía". 

"Convivir significa entendernos, saber cales son as problemáticas que temos en común", afirma Táboas

Neste sentido, Táboas aposta por recuperar o espazo público de convivencia. "O espazo público sempre é o lugar onde xorden as grandes revoltas, o lugar da resistencia", afirma, para lembrarse de movementos como o 15-M ou a revolución da praza Tahrir do Cairo. "Temos que convivir e non coexistir. Convivir significa entendernos, saber cales son as problemáticas que temos en común. De aí saen os grandes movementos sociais, por iso o espazo público é tan importante. E Pontevedra recuperouno, polo que está a crear capital humano. A todos [os que participaron en Urbtopías] nos encantaría que a cidade do futuro fose un pouco como Pontevedra, que tivese esa escala humana", asegura.

"Hai que entender a seguridade como a estrutura progresista que nos permite 'ser' nun contexto compartido", sinala Ramón Marrades

Pola súa banda, o economista urbano Ramón Marrades fai fincapé no dereito á cidade: "O dereito das persoas a definir o entorno construído, que acaba por definirnos a nós mesmos". "Espero que a pandemia nos faga aprender que a cidade vai de estarmos xuntos e que iso dificilmente pode ser deseñado por unha soa persoa ou unha empresa", razoa. 

Hai unha cuestión clave, a seguridade: "Sentirnos seguros significa que poidamos 'ser', participar. Non significa o mesmo a seguridade para unha nai solteira nun barrio dunha favela que para un home que viaxa en coche ao traballo. Nunca poderás desenvolverte plenamente como cidadán se tes medo a un desafiuzamento. Hai que entender a seguridade como algo máis que unha cuestión policial, senón como a estrutura progresista que nos permite 'ser' nun contexto compartido. E neste sentido non hai metáfora máis indicativa que a dos nenos que poden ir camiñando ao colexio".

"Pontevedra está nun momento súper interesante para recibir a seguinte urbtopía", asegura o economista urbano

Marrades conta que Pontevedra é unha cidade que todo urbanista coñece. Así, asegura que lle resulta curioso que non todo o mundo no Estado español sabe das súas políticas públicas e como foi pioneira en tantas cousas que tardaron en copiarlle. "Pontevedra mostra unha resposta non estritamente infraestruturista ás necesidades humanas desde o punto de vista do urbanismo social. Teño moita curiosidade por ver o que vén despois", avanza.

"Que pasa despois de ser unha cidade marabillosa a escala humana? Que especialización pode ter? Cal é a súa posición no mundo?", pregúntase Ramón Marrades, consciente de inercias de peso como a importancia do coche e da industria: "A sobredimensión da importancia do coche ten un elemento de xénero, que ao final ten un elemento de poder. Seguramente, o feito de conseguir unha cidade a escala humana para nenos, mulleres, migrantes e persoas maiores non tivo tanto peso no debate ata o de agora e ensombreceu as solucións de políticas urbanas de Pontevedra, que ninguén pode dubidar de que son exitosas".

"Pontevedra está nun momento súper interesante para recibir a seguinte urbtopía", asevera Marrades. E cal pode ser? Pois o director da fundación Placemaking Europe, que reunirá en Pontevedra a urbanistas de toda Europa no seu encontro anual de 2022, sinala que "pode ser recibir a máis persoas migrantes, dar un paso máis para un envellecemento activo ou centrarse na industria ligada ás súas políticas urbanas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.