Unha das sensacións que pairan sobre a actual situación, na que imos deixando atrás os efectos máis duros da pandemia de coronavirus e nos internamos nun longo camiño cara á unha "nova normalidade" é que moitas cousas serán distintas a como eran antes de marzo. Os problemas motivados pola crise económica xerada pola Covid-19, a necesidade de contar con máis espazo en vilas e cidades para garantir a distancia social ou a constatación das consecuencias máis negativas da globalización económica obrigan a que as nosas sociedades leven a cabo cambios temporais ou permanentes.
O documento da FEMP inclúe medidas relativas a mobilidade, ao impulso do comercio local e o consumo de proximidade ou á mellora dos servizos públicos
O pasado 22 de maio a Xunta de Goberno da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) , presidida polo alcalde vigués Abel Caballero, aprobou ao redor de trescentas propostas de medidas extraordinarias destinadas a facilitar e impulsar desde os Gobernos Locais tanto o actual proceso de desescalada como a posterior recuperación social e económica. Unhas propostas que a FEMP difundiu neste documento e que abranguen dende medidas relativas a mobilidade, á necesidade de impulsar o comercio local e o consumo de proximidade, o avance na transición cara a unha economía máis sustentable ou á mellora dos servizos públicos e das estruturas de apoio á persoas con maiores necesidades.
Algunhas destas medidas, que en materia de mobilidade van no mesmo sentido que as propostas realizadas por Greenpeace ou pola rede Cidades que Camiñan, están xa sendo aplicadas ou propostas en varias cidades e vilas galegas.
A FEMP reclama peonalizacións, pacificación do tráfico ou a redución da velocidade máxima permitida
O documento da FEMP dedica unha parte importante das súas propostas á mobilidade, tendo en conta as actuais necesidades de espazo para peóns e tamén pensando nas vantaxes de promover cidades nas que as persoas e os métodos de desprazamento sustentables teñan preferencia sobre os coches. A FEMP reclama "recuperar canto antes" a Lei de Mobilidade Sustentable, que dote de financiamento suficiente ao transporte público urbano, tamén a implementación do carril bus ou a redución da velocidade máxima a 30 Km/h, "redistribuíndo o espazo público para priorizar a mobilidade activa (peonil e ciclista)".
Isto faríase a través de peonalizacións, da creación de "itinerarios peonís", da redución dos tempos dos semáforos para ampliar o verde peonil nos pasos de peóns e, tamén, da "pacificación" dun carril a 30km/h nas avenidas e rúas de máis de 2 carrís "para compartir con seguridade o espazo bicis, patíns e resto de vehículos, sen necesidade de segregar o limitado espazo público.
A Coruña ou Lugo anunciaron xa que algunha das medidas de peonalización ou de redución da velocidade máxima permitida se manterán unha vez superada a pandemia
É segumente en materia de mobilidade onde as cidades e vilas galegas están a realizar propostas máis ambiciosas nestas semanas, en parte motivadas pola necesidade de garantir a distancia social nas rúas. Son moitas as medidas anunciadas e postas en marcha, aínda que unha parte importante teñen simplemente un carácter provisional, ligado ás necesidades do proceso de desconfinamento. Cidades como Compostela, Ourense, Ferrol ou Vigo aprobaron, por exemplo, reservas de espazo para peóns e peonalizacións temporais de moitas rúas.
Pero, ademais, A Coruña ou Lugo anunciaron xa que algunha das medidas de peonalización ou de redución da velocidade máxima permitida se manterán unha vez superada a pandemia. Todas elas teñen a Ponteveda como referente, unha cidade que hai anos fixo xa unha aposta pola mobilidade sustentable, recoñecida cun gran número de premios internacionais.
En materia comercial, o documento da FEMP propón un impulso dos pequenos establecementos locais mediante campañas de promoción, compra local (km 0) e/ou produto de orixe, en coordinación con asociacións de comerciantes e áreas comerciais urbanas de zona. Ademais, recomenda impulsar os servizos de venda ou reparto a domicilio e implantar o uso da bicicleta como mellor forma de entrega en envíos pouco voluminosos. Así mesmo, aposta por accións para o fomento da dixitalización do comercio polo miúdo e por promocionar as feiras, abastos, mercados e lonxas municipais, "para pór en valor a súa importancia no tecido comercial dos nosos concellos e cidades".
A Deputación de Lugo puxo en marcha a campaña EN LUGO, SI co obxectivo de “reactivar o comercio local, a hostalería, o turismo, e o conxunto dos sectores produtivos da provincia"
En relación con isto, a entidade que agrupa ás entidades locais de todo o Estado, reclama "o fomento dos circuítos curtos de comercialización para favorecer aos produtores locais" e, en xeral, o "fomento da agricultura e a gandaría de proximidade". Neste senso, na súa aposta por apoiar os espazos locais, recomenda a posta en marcha de "campañas de promoción da vida no medio rural e dos produtos de calidade que neste medio se producen".
A Deputación de Lugo, por exemplo, puxo en marcha a campaña EN LUGO, SI co obxectivo de “reactivar, dunha maneira estable e eficaz, o comercio local, a hostalería, o turismo, e o conxunto dos sectores produtivos da provincia, para saír o máis rápido e da mellor maneira posible da crise provocada polo coronavirus”. De igual xeito, o Concello da Coruña puxo en marcha a campaña de apoio ao comercio local #euvouseguro, destacando os valores de "proximidade, honestidade, confianza e calidade" destes establecementos. E a Deputación de Pontevedra lanzou a campaña 'Elixe Comercio Local', destacando as súas características distintivas: "identidade, territorio, confianza, sustentabilidade e calidade".
A promoción turística é outra das preocupacións dos concellos, sobre todo nun momento no que este sector se ve especialmente prexudicado polos efectos da pandemia de coronavirus
A promoción turística é outra das preocupacións da FEMP, sobre todo nun momento no que este sector se ve especialmente prexudicado polos efectos da pandemia de coronavirus. Entre as medidas propostas hau campañas de comunicación e promoción turística, sobre todo dirixidas "aos mercados de proximidade e doméstico", incentivar as visitas guiadas por parte da poboación local e de turistas a espazos naturais ou elementos do patrimonio histórico, ou a promoción de xornadas gastronómicas, temáticas, de produto ou con prezos pechados en restaurantes e bares (tapas), en colaboración coas asociacións de hostalaría.
Fóra das cidades, concellos como Padrón, Ribadeo ou Allariz puxeron en marcha plans para reactivar o turismo e o comercio local, mediante iniciativas de promoción e impulso e buscando consolidar as respectivas 'marcas', recoñecidas a nivel galego e estatal.
O documento aposta igualmente polo impulso do uso de enerxías renovables e do autoconsumo
O documento aposta igualmente polo impulso do uso de enerxías renovables e do autoconsumo, por políticas "que axuden á transición cara a unha economía circular" e por iniciativas nas que converxan o avance cara a unha transición ecolóxica coa xeración de postos de traballo produto destas transformacións. Por exemplo, a través da posta en marcha de instalacións para o tratamento da materia orgánica de residuos en cidades ou da plantación e coidado de árbores e plantas nas cidades e espazos periurbanos.
A FEMP inclúe medidas, así mesmo, para asegurar o sostemento do sector cultural e dos seus traballadores e traballadoras
A FEMP inclúe medidas, así mesmo, para asegurar o sostemento do sector cultural e dos seus traballadores e traballadoras, recomendando unha "política de cancelación 0" e o mantemento dos contratos vixentes cos creadores, unha reivindicación que as entidades profesionais do sector realizaron xa a comezos de abril e que algunhas administracións escoitaron, tomando a decisión a Deputación de Pontevedra de asegurar o patrocinio para este ano e o que vén para os festivais de música da provincia, canceladas as edicións deste verán.
Recomenda igualmente a promoción dos servizos sociais públicos, sobre todo nestes momentos, priorizando as actuacións nos ámbitos sanitario, educativo e de atención á dependencia e incrementar a partida orzamentaria destinada a axudas económicas que palien as situacións emerxentes de precariedade económica e vulnerabilidade social, unha situación que xa está a ser denunciada por ONG como Agaxes.
Recomenda igualmente a promoción dos servizos sociais públicos, sobre todo nestes momentos, priorizando as actuacións nos ámbitos sanitario, educativo e de atención á dependencia
En Lugo, por exemplo, o pleno da Deputación aprobou destinar 13,6 millóns de euros de remanentes ao Plan Único e a reforzar a cooperación cos concellos e o tecido asociativo “coa fin de que poidan impulsar medidas que melloren o benestar social e que favorezan a reactivación económica e o emprego".
Finalmente, pide "promover a dimensión de xénero e incorporala de forma transversal a todas as políticas locais", como tamén recomenda o Instituto da Muller, cun seguimento especializado para aquelas mulleres soas con fillos que perderon o seu posto de traballo, para aquelas que teñen que coidar a persoas enfermas ou dependentes e para as vítimas de violencia de xénero.