Pagar agora un viño por internet e tomalo nun bar de Lugo despois da pandemia

Viandantes polo centro de Lugo durante as festas do San Froilán © Turismo de Galicia

Entre as múltiples incógnitas que comercios e locais de hostalaría teñen ante si pola crise do coronavirus está a situación que atoparán "ao erguer a persiana" tras a pandemia. "O que nos dá medo é ter que volver empezar", comentan responsables de pequenos negocios mentres reclaman apoios públicos en forma de axudas directas e liquidez para pasar este transo, pero tamén promoción para o día despois.

A estas inquietudes pretende contribuír a responder a campaña Cos de sempre que se dispón a comezar o Concello de Lugo da man da Federación de Comercio da Cidade e mais da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería, cuxos responsables pediran publicamente nas últimas semanas combinar medidas públicas co fomento da "conciencia" cidadá para apoiar os pequenos negocios. En breve, a veciñanza que o desexe poderá adquirir e pagar por internet produtos ou servizos en comercios e locais de hostalaría da cidade e obter un bono co que consumilos tras a emerxencia sanitaria.

A veciñanza que o desexe poderá adquirir produtos ou servizos de pequenos comercios e locais hostaleiros participantes na campaña 'Cos de sempre' para consumilos cando poidan reabrir tras a pandemia do coronavirus

Nunha presentación por videoconferencia para a prensa, a alcaldesa lucense e o edil de Desenvolvemento Local da cidade, Mauricio Repetto, presentaron xunto aos representantes de comercio e hostalaría un proxecto que, avanza Lara Méndez, terá "funcionamento sinxelo". O consistorio, avanza, activará o sitio Abrindo Lugo, "ao que se poden adherir xa comerciantes e hostaleiros interesados", e a web amosará "un listado de establecementos" para que a veciñanza elixa "un bono para consumir neles" o abone "sen comisión" a través dunha pasarela de pagamento seguro.

Lara Méndez e o edil Mauricio Repetto, cos representantes de hostalaría e comercio na presentación do proxecto 'Cos de sempre' á prensa por videoconferencia © Concello de Lugo

O proxecto pretende "implicar a veciñanza nos negocios que sustentan o tecido económico da cidade"

"Imos pagar agora, na época de confinamento", produtos e servizos para "consumilos unha vez se restableza a normalidade" e os negocios poidan abrir, resume a rexedora, que encadra o proxecto na vontade de "implicar a veciñanza" no apoio "aos negocios que sustentan o tecido económico da nosa cidade" e "darlles liquidez" mentres non poden volver abrir. A iniciativa, subliña, é "complementaria" coas axudas directas do Concello que as pequenas empresas poden solicitar dende este 15 de abril.

"As administracións teñen que tomar nota, agora é cando a sociedade civil precisa apoio"

Tanto a APEHL como a Federación de Comercio ven con bos ollos a iniciativa. "É magnífico, vai dar liquidez aos nosos negocios agora, que é cando precisamos o apoio", sinala o presidente da asociación hostaleira lucense, José Francisco Cheché Real, dende cuxo punto de vista "en circunstancias coma esta é onde se ve aos dirixentes políticos e empresariais". "Todas as administracións teñen que tomar nota, agora é cando a sociedade civil precisa apoio", agrega.

Nun sentido semellante, o tamén presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, di ser "optimista" cun proxecto "novidoso" que chega cando os negociso "xa levamos un mes coas portas pechadas, pero os pagos corren todos os días e os ingresos son cero". Por iso, di, "precisamos toda a axuda" e "a mellor axuda que podemos ter é que toda a cidadanía se conciencia" de que "haberá negocios aos que lles vai ser moi custoso erguer a persiana" e de aí, que sexa importante que a veciñanza que poida adquirir xa produtos e servizos, teña unha vía para facelo dende a casa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.