Un premio máis ao modelo urbano de Pontevedra, exemplo desde Galicia para todo o mundo. Desta vez, foi a Unión Europea quen concedeu ao municipio o Premio de Seguridade Viaria Urbana, convocado pola Comisión Europea en recoñecemento das boas prácticas de mobilidade sostible.
A Comisión Europea recoñece o modelo pontevedrés e a redución "consistente" das mortes na estrada desde hai máis de dúas décadas
A Comisión destaca que a cidade do Lérez logrou reducir as mortes na estrada de maneira "consistente" desde hai máis de dúas décadas, alcanzando a "impresionante cifra" de cero falecidos nos últimos nove anos. Ademais, o xurado recoñece que as medidas implantadas polo goberno municipal permiten unir seguridade e sustentabilidade e que quedou "impresionado" con datos como que o 80% da rapazada acuda soa á escola ou que os límites de velocidade se sitúen entre os 10 e os 30 km/hora.
Pontevedra obtivo este galardón por diante das cidades de Jaworzno (Polonia) e Ordu (Turquía), as outras dúas finalistas na súa categoría.
Desde o Concello, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, cre que o galardón recoñece "un modelo urbano de éxito e que moitas cidades están mirando para tomar decisións sobre como conformar os espazos públicos das cidades”. Para o rexedor, o premio é de especial interese nesta altura ao ser a cidade outra vez un "referente mundial" pola recuparación dos espazos urbanos e “pola facilidade que teñen os pontevedreses para cumprir as normas despois deste confinamento”.
"O premio recoñece un modelo urbano de éxito e que moitas cidades están mirando para tomar decisións", di o alcalde Fernández Lores
Fernández Lores manifistou a súa “gran satisfacción" e agradeceu o comportamento de todos os pontevedreses "porque todas as decisións que tomamos serven para que os espazos urbanos sexan seguros e a xente non teña que terlle medo aos coches".
Pontevedra optaba a este premio logo de disputalo a outros 26 proxectos de toda
Europa, dez deles de España. "É unha gran satisfacción porque neste momento todas as cidades teñen que posicionarse no mundo, e Pontevedra cremos que se está posicionando ben”, destacou Lores.