Pontevedra fixa os 10 km/h como velocidade máxima nas rúas de plataforma única no centro histórico

Pontevedra implanta a zona 10 nas rúas con plataforma única do centro histórico © Concello de Pontevedra

Dende este mércores a velocidade máxima nas rúas de plataforma única (sen diferenza de nivel entre a calzada e a beirarrúa) do centro de Pontevedra é de 10 km/h, tanto para coches como para bicicletas, patinetes e outros vehículos. A medida ponse en marcha naquelas rúas de rodean a améndoa da cidade histórica (Arcebispo Malvar, Praza de España, Michelena, Riestra, Gutiérrez Mellado, Praza da Peregrina e o comezo de Benito Corbal) e, ademais, nas zonas reformadas do Camiño De Santiago: Virxe do Camiño e Gorgullón.

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, explica que o obxectivo é aumentar "a sensación de seguridade", que é "algo fundamental para a autonomía dos nenos”

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, explica que o obxectivo é aumentar "a seguridade das rúas e a sensación de seguridade", que é "algo fundamental para a autonomía dos nenos” e para que "as persoas con mobilidade comprometida que teñan a sensación de son espazos seguros".

Gómez sinala que ao tratarse dunha medida pioneira “temos que estudar o seu funcionamento”. Ademais, anticipou que, en función do resultado, se decidirá "se se implanta noutras zonas da cidade con plataforma única, pero que non son espazos tan compactos como o centro histórico". A xeito de exemplo, o concelleiro falou do ámbito de Ferreiros, Rúa Nova de Arriba e de Abaixo ou Concepción Arenal.

Indicación dunha zona peonil en Pontevedra © Cidades que Camiñan

Ata agora, o límite máximo nestas vías de plataforma única e naqueles espazos que comparten usos peonís e rodados era de 20 km/h. Ese límite de 20 km/h é tamén o máximo que está a fixar o Goberno central nas súas recomendacións para reducir a sinistralidade. Porén, Pontevedra vai máis alá, reducindo aínda máis a velocidade máxima.

O límite fixado nestes espazos é de 20 km/h, pero Pontevedra vai máis alá, reducindo a velocidade máxima e protexendo máis o peón

A sinistralidade nas vías urbanas non fixo máis que aumentar nos últimos anos en Galicia, pasando de 600 ou 700 accidentes anuais ata os 1.770 no ano 2017. Entre os máis prexudicados por estes sinistros están os peóns, os máis febles entre todos os usuarios das vías públicas. Non contamos con datos actualizados sobre o número de atropelos que se producen anualmente en Galicia, pero as cifras as nivel estatal amosan un claro crecemento nos últimos anos. Dos ao redor de 10.000 atropelos anuais que se producían entre o 2008 e o 2012 pasamos a cifras que roldan os superan os 14.000. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.