A poucos días de que mesmo os locais de hostelería, con moitas restricións, poidan reabrir as súas portas, veciñanza de Sada prepárase para adquirir por fin os produtos ou gozar dos servizos que mercou por adiantado durante este confinamento. Foron moitas as persoas que quixeron axudar os seus negocios favoritos, aos de toda a vida, a superar a crise provocada polo coronavirus. E puideron facelo grazas á plataforma Voltaremos, que agora medita poñer fin ao seu labor tras varias semanas e "un obxectivo máis que cumprido".
Voltaremos permite mercar produtos e servizos do pequeno comercio ou a hostelería, principalmente en Sada, para consumir despois do confinamento
Roberto Amor, publicista sadense e un dos impulsores da idea, detalla que Voltaremos superou xa os 6.000 euros en vendas e o medio cento de locais asociados --a maioría de Sada pero algúns doutras localidades achegadas--, conseguindo así o propósito co que el, Sara Freire e o equipo de Ensilabs (Eugenio Novás, Modesto González e Adrián Brañas) puxeron en marcha a plataforma: axudar o tecido comercial mercando durante a pandemia os produtos que se comprometían a consumir coa volta á normalidade.
"A xente está moi contenta, sobre todo os pequenos comercios, porque o que era unha mostra de apoio e solidariedade transformouse tamén en vendas, nunha importante axuda económica", conta Amor, que explica que o equipo de Voltaremos decidirá en breve se continúa coa iniciativa ou a dá por rematada ante a inminente apertura --aínda que con moitas limitacións-- de tendas, bares e restaurantes.
"Axuda os teus negocios favoritos a superar a crise provocada pola covid-19 mercando agora os seus produtos ou servizos para consumilos cando isto remate. Entre todos conseguiremos que todo volva ser coma antes", explica Voltaremos na súa web sobre unha iniciativa sen ánimo de lucro e na que toda ganancia a maiores iría destinada a Unicef.
Voltaremos superou xa os 6.000 euros en vendas e o medio cento de locais asociados
A iniciativa, semellante á tamén impulsada en Lugo -o proxecto Abrindo Lugo facturou algo máis de 14.000 euros nos seus primeiros dez días-, contou co apoio do Concello de Sada, que asumiu os catro euros de inscrición para os locais sadenses que se sumaron á iniciativa, así como os gastos de mantemento da web. "A idea pretendía axudar de forma solidaria ao tecido comercial e pareceunos moi ben", conta Laura Rodríguez, concelleira de Promoción Económica e Turismo, que cre que aínda que o proxecto ten como principal función "a económica", tamén serviu de apoio "anímico" para "demostrar aos comercios e locais de Sada que a veciñanza segue aí e que os ten en conta para agora e para o futuro".
"É apoio económico pero tamén anímico; demostrar aos comercios que a veciñanza segue aí", di Laura Rodríguez, concelleira de Promoción Económica
Ademais, Rodríguez considera que iniciativas como Voltaremos serven tamén de aprendizaxe e estímulo para todos, tanto para as administracións como para os negocios. "Moito comercio viu que no mundo virtual, na Rede, ten tamén moitas portas abertas; de feito, houbo xente que fixo consultas e propostas e estamos impulsando tamén a creación dun mercado online e ideas que, adaptándoas a unha nova situación, poden ser moi útiles máis adiante", explica.
Durante semanas, ducias de persoas mercaron a través de Voltaremos os seus plans e bonos en bares, restaurantes, tendas de moda, de tatuaxes, perruquerías... En breve, volverán a eles para tomar esas cervexas, comprar aquela camisa pendente ou cear aquel prato que levaba días agardando. Porque dixeron que volvían. E volverán.