O sector cultural está a sufrir como poucos os efectos económicos da pandemia de coronavirus. O obrigado confinamento paralizou por completo a actividade da maior parte dos ámbitos da cultura e a pesar de que a normalidade (ou nova normalidade) vai chegando aos poucos, aínda estamos lonxe de regresar aos grandes eventos públicos. E iso afecta directamente aos festivais de música.
A medida afecta aos sete festivais de música agrupados na marca #RíasBaixasFest (PortAmérica, Atlantic Fest, Sinsal, SonRías Baixas, Revenidas e Vive Nigrán)
Ao igual que outros espazos culturais, os festivais apostaban dende o comezo por "adiar" en lugar de "cancelar", de xeito que o evento se puidese celebrar finalmente, aínda que nunha nova data, garantindo así os ingresos necesarios para garantir o sustento do persoal que moven ao seu redor. Porén, finalmente os festivais previstos para o verán tiveron que asumir que non quedaba outra alternativa que a suspensión definitiva neste ano 2020 e agardar ata o vindeiro verán do ano 2021.
A Deputación asinará contratos bianuais vinculados á celebración do evento no próximo ano 2021
Porén, para apoiar a supervivencia destas iniciativas, algunhas institucións están apostando por manter o patrocinio previsto para ese ano. É o caso da Deputación de Pontevedra, que manterá os patrocinios deste ano dos sete festivais de música agrupados na marca #RíasBaixasFest (PortAmérica, Atlantic Fest, Sinsal, SonRías Baixas, Revenidas e Vive Nigrán). Farao a través de "fitos promocionais", eventos en pequeno formato, de promoción do festival e do seu emprazamento e valores como as súas tradicións, gastronomía, cultura ou natureza.
A Deputación de Pontevedra establecerá con cada un dos festivais contratos bianuais vinculados á celebración do evento no próximo ano 2021, mantendo deste xeito o orzamento previsto para este ano 2020 para os festivais.
Neste 2020, o ente provincial organizará actuacións musicais para emitir a través de internet e concertos en espazos de capacidade reducida
Finalmente, co obxectivo de facer ver ao público que os RíasBaixasFest volverán, a Deputación propón a celebración este verán de microconcertos nas redes sociais, cun grupo de sona nacional ou internacional; tamén, microconcertos nos meses de setembro e outubro en espazos provinciais con aforo reducido para manter o vínculo coas persoas visitantes; e finalmente, en decembro, a organización dun sorteo de entradas para os concertos de cada festival do próximo ano 2021.
A presidenta do ente provincial, Carmela Silva, cualificou o programa “como eixo clave da nosa estratexia para minimizar o impacto da crise, especialmente dura no turismo e nos eventos como os festivais de música”. E destacou que “con esta proposta garantimos os recursos deste ano e o noso compromiso para 2021 a fin de que todos os festivais se manteñan como unha grande referencia desta provincia”.