O dilema é evidente. Compaxinar a protección da saúde pública coa reactivación económica que permita, con todas as limitacións, a actual pandemia. O turismo, sector do que depende máis do 10% do PIB galego, é un dos máis importantes pero tamén dos máis afectado polas medidas de seguridade ou peche e de limitación xeográfica derivadas da irrupción do coronavirus. Ante a inminente chegada do verán, a Xunta intenta navegar en augas difíciles e evitar discursos contraditorios.
Feijóo e a Xunta navegan en augas complexas, animando á chegada masiva de turistas pero advertindo á vez dos "problemas" e o "risco" sanitario que iso suporía
Non semella doado. Neste pasado venres, Feijóo volveu mesturar dous desexos complexos de cumprir tendo en conta as súas propias advertencias, as do Sergas ou as dos expertos que aconsellaron ao presidente da Xunta a convocatoria de eleccións o 12 de xullo. "Pode haber problemas a medio e longo prazo, sobre todo cando veña moita xente a Galicia... E nós queremos que veña, se vén, loxicamente, de lugares epidemiolóxicos semellantes ao noso", dixo nunha entrevista na Cadena SER.
Desde o Goberno central, pola contra, Pedro Sánchez pediu este sábado aos turistas que preparen as súas vacacións en España xa que está previsto que a súa chegada desde o estranxeiro se permita xa desde o mes de xullo. Ademais, garantiu seguridade para o sector e para os visitantes. "O turismo necesita seguridade en orixe e destino non correrán ningún risco e tampouco traerán risco", dixo tras anunciar dous selos: un sanitario e outro ambiental.
Desde a Xunta, non é a primeira vez que se expresa a idea que combina o desexo dunha entrada importante de turistas e a advertencia do risco sanitario que Galicia correría nese caso, máis aínda tendo en conta a escasa circulación do virus e o ínfimo número de persoas inmunizadas no país. "O maior risco que temos agora mesmo en Galicia é a chegada de turistas, que espero que sexan moitos este verán", dixo Feijóo tamén hai pouco máis dunha semana.
"O maior risco que temos agora mesmo en Galicia é a chegada de turistas, que espero que sexan moitos este verán", di Feijóo
A Xunta sabe da importancia do turismo, máis no ano previo ao Xacobeo 2021, evento que centra boa parte da estratexia económica do Goberno galego nos vindeiros meses. Segundo datos do propio Executivo, o sector supuxo durante o pasado ano un 11,3% da poboación activa e arredor de 123.000 empregos. A maioría, no eido da restauración e asalariados. Supón unha décima parte da riqueza do país, pero o coronavirus parouno todo. O número de turistas aloxados e a cifra de visitantes estranxeiros do pasado mes de marzo, cando a mediados se declarou o estado de alarma, descendeu máis do 63% con respecto ao marzo anterior. O número de peregrinos caeu case un 80%. Desde hai semanas, como é lóxico, non chega ningún a Santiago.
En 2019, chegaron a Galicia 5,1 millóns de viaxeiros. O Clúster do Turismo en Galicia calcula que haberá entre 2,5 e 3,3 millóns menos de visitantes este ano e estima unha destrución de non menos de 30.000 empregos, aínda que todo depende das medidas de desescalada que se apliquen tanto en Galicia como naqueles lugares de onde proceden os visitantes.
O turismo supón unha décima parte da riqueza de Galicia e máis do 11% da poboación activa, con arredor de 123.000 empregos
Segundo explica o propio Feijóo, entre xullo, agosto e setembro chegaron a Galicia o ano pasado 1,8 millóns de persoas, o 80% delas españolas, "maioritariamente de Madrid e Castilla y Léon", aclara, precisamente dúas das comunidades máis afectadas polo coronavirus e con maior porcentaxe de infectados. "Precisamos seguridade e intentaremos ofrecela", di o presidente da Xunta.
Como xa fixera no pasado mes de abril, Feijóo insiste en que os turistas poderán vir se proceden de comunidades autónomas "con situacións epidemiolóxicas factibles e compatibles con Galicia". "Se non é compatible, entendemos que non deben vir", di. En definitiva, poderían vir se o seu territorio estivese na mesma fase que Galicia e se lles é permitida a saída.
Con todo, o Sergas teno claro. Non oculta a súa "preocupación" pola chegada de visitantes. "A posibilidade de rebrote coa entrada de turistas é un elemento que nos preocupa", advertiu Xurxo Hervada, subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía. "Canta máis xente de fóra veña, máis posiblidades de introdución do virus na poboación hai", insistiu.
"A posibilidade de rebrote coa entrada de turistas preocúpanos; canta máis xente de fóra veña, máis posiblidades de introdución do virus hai", di o Sergas
Ademais, de entre os informes que a Xunta esgrimiu para xustificar a convocatoria electoral na primeira quincena de xullo, un deles é tamén claro. Trátase do elaborado polo doutor Enrique Míguez Rey, xefe da Unidade de Enfermidades Infecciosas do complexo hospitalario da Coruña. As súas conclusións apuntan a dous rebrotes da pandemia neste 2020. O primeiro "sería esperable" nas vindeiras semanas. Concretamente, sitúao "nas 2-3 semanas próximas" e defíneo como "pequeno". O segundo, de "amplitude non predicible", estímao contra finais de xullo.
Así, ademais de todas as variables que poden provocar eses abrochos do virus no verán, Míguez advirte do impacto que suporía "introducir nesta ecuación as posibles chegadas [de turistas] ao principio de verán, coa relaxación das medidas [de confinamento] aínda máis alá". O resultado, di, é que é "facilmente esperable" un "rebrote máis duro do actual" cun "impacto pouco predicible" e no que "todo o logrado no ascenso (confinamento) se perda na baixada deste porto de montaña".
Noutro informe, asinado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, advírtese de que "a entrada mútiple e descontrolada de presoas procedentes doutros territorios cun nivel de infección superior poden iniciar cadeas de tranmisión que pasen desapercibidas", polo que "a afluencia de turistas pode multiplicar, nunha cifra imposible de determinar neste momento, as posibilidades de entrada de novas infeccións na comunidade".
O Sergas advirte da chegada de viaxeiros e de posibles "agrupacións de casos en territorios concretos de Galicia que obriguen a novas medidas de mitigación"
O informe vai máis aló ao alertar de que" no mes de xullo, ante o previsible aumento de contacto entre as persoas" e ante "a posible entrada de persoas infectadas co aumento do número de viaxeiros, podería xurdir "un repunte da transmisión do virus, que podería dar lugar, ao cabo de varias semanas, a agrupacións de casos en territorios concretos de Galicia que obriguen a novas medidas de mitigación xa abandonadas".
Feijóo apela ao traballo cons diferentes sectores "para ofrecer a seguridade que necesitamos para nós mesmos pero tamén para a xetne que nos visita". Ademais, a Xunta di prever investir "máis de 25 millóns de euros para, entre outras medidas, deseñar accións de promoción unha vez remate a crise". Tamén, segundo avanzara o conselleiro Román Rodríguez nunha xuntanza extraordinaria do Consello Galego de Turismo, para elaborar "un plan de seguridade sanitaria no eido turístico" que "permita reforzar a confianza neste sector unha vez rematen as restricións". "O futuro desta actividade debe pasar por garantir a máxima seguridade e saúde dos viaxeiros e facer de Galicia un destino 100% seguro", sinalaba o Executivo. Con todo, como insiste o presidente do Executivo galego, o Sergas e mesmo informes de expertos, o aumento do risco é evidente. Difícil dilema.