O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expuxo este 13 de maio ás claras a intención política que o PP galego viña deixando entrever nas últimas semanas: celebrar as eleccións galegas o mesmo domingo de xullo que as vascas. Para facelo, o tamén líder do PPdeG reiterou que os informes sanitarios sobre a evolución do coronavirus en Galicia que manexa o Goberno galego sinalan que o "principio do verán" é "o momento de menor risco para facer as eleccións" nun contexto no que "o risco do rebrote vai crecendo" a medida que remate o verán, segundo as estimacións.
Os informes que a Xunta remitiu este mércores aos partidos políticos da actual oposición -e despois, tamén á prensa- son cinco: un da Asesoría Xurídica e outros catro, médicos. Un dos que abordan a materia sanitaria está datado neste 13 de maio e asinado polo doutor Enríque Míguez Rey, xefe da Unidade de Enfermidades Infecciosas do complexo hospitalario da Coruña. As súas conclusións apuntan a dous rebrotes da pandemia neste 2020. O primeiro "sería esperable" nas vindeiras semanas. Concretamente, sitúao "nas 2-3 semanas próximas" e defíneo como "pequeno". O segundo, de "amplitude non predicible", estímao contra finais de xullo.
Nun dos informes que manexa a Xunta para convocar as eleccións, o xefe de Enfermidades Infecciosas do CHUAC prevé un "pequeno" rebrote en "2-3 semanas" e estima o seguinte cara a finais de xullo por, entre outros motivos, o "comportamento da poboación" no desconfinamento
O doutor Míguez Rey basea as súas estimacións no coñecemento que actualmente existe sobre os contaxios do virus, pero tamén no "comportamento da poboación" fronte á pandemia. Sobre este aspecto, explica que ao hospital da Coruña está a achegar "máis dun caso" cada semana de "portadores asintomáticos" que dan positivo por covid-19 en proba PCR, a máis precisa, cando llela realizan antes dunha intervención cirúrxica.
"Se extrapolamos isto á poboación xa desconfinada" que "en xeral, non usa a máscara, non garda a distancia de seguridade" e "onde algúns/moitos non quererán facer corentena por motivos persoais ou económicos", indica, "enfrontámonos a un futuro inmediato incerto". "Simplemente", reflexiona o doutor, "malia á baixa circulación do virus na nosa poboación", haberá "lugar" para "rebrotes que non sexamos capaces de atallar en tempo e forma" e que propiciarán "pequenas ondadas".
Trataríase, especifica, dunha "situación en acordeón". Para ilustrala, o doutor Míguez Rey cita un modelo matemático publicado nun informe do Imperial College de Londres o pasado 16 de marzo -na súa páxina 12- sobre os efectos de medidas como o confinamento na resposta á covid-19 en Gran Bretaña. Tamén apunta a unha presentación -páxina 38- de Paolo Surico e Andrea Galeotti, profesores da London Business School, igualmente datada no pasado marzo.
O doutor Míguez Rey ve "facilmente esperable" un "rebrote máis duro" de "amplitude non precidible" e considérao "previsible" a partir "da terceira semana de xullo"
Míguez Rey achega neste punto unha reflexión adicional. "Non sabemos por que uns pacientes case non contaxian" aínda que estean enfermos da covid-19 mentres que outros "actúan como hipercontaxiadores". Existen "exemplos" ao respecto, cita como un de Corea do Sur, país que cita como "modélico no control de brotes" e que, malia todo, "non foi quen de atallar un" no que "en quince días, tiveron a raíz duns casos un brote con varios milleiros e só unha paciente contaxiou a máis de mil". Ademais cómpre ter en conta, advirte, de que o número reprodutivo deste coronavirus -as persoas ás que contaxia cada persoa infectada" é "controvertido", sinala citando un artigo de Thomas V. Inglesby, profesor da Escola de Saúde Pública da Universidade Johns Hopkins, dos Estados Unidos.
"Se en toda esta ecuación introducimos as posibles chegadas ao principio do verán, coa relaxación das medidas aínda máis alá", o doutor Míguez Rey considera "facilmente esperable" un "rebrote máis duro do actual" cun "impacto pouco predicible" e no que "todo o logrado no ascenso (confinamento) se perda na baixada deste porto de montaña". Segundo a conclusión dese informe, daquela, "a partir do próximo mes de xullo podería haber un rebrote de amplitude non predicible" e "en función do expresado" sobre os portadores asintomáticos e os comportamentos cidadáns, "sería previsible a partir da terceira semana de xullo".