"Ningunha das apps de rastrexo de contactos que se barallan para loitar contra o coronavirus é útil. Desaconsellámolas"

As aplicacións rexistrarán a través de Bluetooth as persoas coas que estivemos en contacto © Iván Rigamonti

Durante as últimas semanas en países de todo o mundo, especialmente en Europa, está a desenvolverse un intenso debate sobre as características que deben ter as aplicacións de rastrexo dixital de contactos para loitar contra o coronavirus e previr contaxios, sobre todo durante o proceso de desconfinamento que estamos a comezar, e tamén na nova normalidade que virá. 

O gran debate nas últimas semanas é se esta aplicación emprega un protocolo descentralizado (os datos só se almacenan no propio teléfono) ou centralizado (os datos chegan a un servidor, xestionado polas autoridades sanitarias)

Estas aplicacións, instaladas nos teléfonos móbiles dunha parte importante da cidadanía, irán rexistrando -a través de Bluetooth- as persoas das que cada individuo estivo suficientemente próximo para poder ter sido infectado pola Covid-19. No momento en que se detecte e se identifique un novo caso positivo, este sistema permitirá enviar un aviso aos teléfonos móbiles de todas as persoas coas que o infectado estivo en contacto, para que se fagan unha proba de coronavirus e comproben se foron contaxiados.

O gran debate nas últimas semanas é se esta aplicación emprega un protocolo descentralizado (os datos só se almacenan no propio teléfono) ou centralizado (os datos chegan a un servidor, xestionado polas autoridades sanitarias). Aínda que nun primeiro momento o modelo centralizado semellaba ser o preferido pola maior parte dos países europeos, nos últimos días cada vez máis Estados van apostando por un modelo descentralizado, que tamén é o promovido por Google e Apple. As dúas compañías están a traballar nunha API conxunta que facilitará a interoperabilidade entre dispositivos Android e iOS, pero que limita a capacidade de información da que as autoridades sanitarias disporán.

O catedratico da UVigo Fernando Pérez © UVigo

O equipo da Universidade de Vigo sinala que ambas as dúas opcións posúen "carencias graves" que as fan "desaconsellables" neste momento

Hai dúas semanas un grupo de investigadores da Universidade de Vigo, encabezados polo catedrático Fernando Pérez González, iniciou un estudo para analizar as vantaxes e desvantaxes de cada un dos dous modelos. O equipo vén de publicar unha conclusións iniciais, nas que sinalan que ambas as dúas opcións posúen "carencias graves" que as fan "desaconsellables" neste momento. O traballo sinala que as aplicacións de seguimento de contactos que están sobre a mesa "non ofrecen unha garantía total de privacidade aos usuarios, nin son 100% robustas fronte a ataques maliciosos".

O estudo conclúe que "as tecnoloxías de base non son suficientemente fiables, robustas nin estendidas como para acadar as taxas desexables de detección de contactos". E os seus autores afirman que "a súa adopción, sen consciencia destas limitacións, pode conducir a unha falsa seguridade que, unha vez refutada, se converta nun elemento desincentivador para o seu uso". "Dende unha perspectiva meramente técnica, desaconsellamos firmemente a adopción inmediata de aplicacións de rastrexo de contactos en tanto non se solucionen satisfactoriamente os problemas identificados", engaden. 

"As tecnoloxías de base non son suficientemente fiables, robustas nin estendidas como para acadar as taxas desexables de detección de contactos"

"A nosa primeira intención era analizar a documentación que existía e os debates que se estaban dando, para chegar á conclusión de cal dos dous modelos é o máis razoable. E fixémolo dende a máis absoluta neutralidade e agnosticismo científico. Pero o que ía ser un informe sobre as vantaxes e desvantaxes de cada un dos dous modelos acabou tendo como conclusión que as dúas opcións son desaconsellables. Ningunha das apps de rastrexo de contactos que se barallan para loitar contra o coronavirus é útil", explica Fernando Pérez González.

"Podíase ter deseñado de xeito que cada persoa puidese decidir que grao de utilidade e que grao de privacidade quere, pero foise cara ao extremo de privacidade, e ao final a utilidade da aplicación vai ser moi limitada", di o catedrático da Universidade de Vigo

De entrada, o informe amósase crítico coa principal ferramenta que estas aplicacións prevén utilizar para rexistrar a proximidade doutros dispositivos e persoas, o Bluetooth Low Energy (BLE), "unha tecnoloxía que nunca foi concibida para este fin" e que polo tanto "non pode cumprir esta función con eficacia". "A tecnoloxía BLE está inherentemente limitada na fiabilidade dos datos que pode proporcionar, cuestionando a súa validez como mecanismo de detección de contactos de risco. Ademais, o grao de adopción de BLE, sendo apreciable, dista moito de alcanzar o nivel necesario para ser efectivo na contención da epidemia", sinalan. 

Para o catedrático da Universidade de Vigo, "en Europa púxose a privacidade como o elemento esencial, sen entrar a valorar se nunha situación de emerxencia como a que vivimos non se pode ceder un pouco de privacidade a cambio dunha maior utilidade. E ao final o que acabas tendo é unha ferramenta de moi dubidosa utilidade". "Podíase ter deseñado de xeito que cada persoa puidese decidir que grao de utilidade e que grao de privacidade quere, pero foise cara ao extremo de privacidade, e ao final a utilidade da aplicación vai ser moi limitada", engade, resumindo esta idea nunha pregunta: "cal é o equilibrio óptimo entre privacidade e utilidade 
epidemiolóxica?".

"Os requisitos de privacidade fan que estas aplicacións nin sequera poidan servir de complemento ao rastrexo manual", sinala Fernando Pérez

En termos xerais, o modelo descentralizado ten máis privacidade, pero é máis vulnerable a ataques externos. Ademais, achega menos información ás autoridades sanitarias. "Non somos expertos en epidemioloxía, pero parece evidente que cantos máis datos se manexen no que se denomina 'grafo de contactos' mellor se vai poder combater un potencial rebrote. Esa información no sistema centralizado era un dos obxectivos, pero no modelo descentralizado ese obxectivo déixase de lado, para evitar que exista unha instancia central que manexe todos os datos, polo que esa información deixa de estar dispoñible para a súa análise por parte dun epidemiólogo", indica Fernando Pérez. Ademais, lembra que "os requisitos de privacidade fan que estas aplicacións nin sequera poidan servir de complemento ao rastrexo manual", pois as autoridades sanitarias non coñecerán a identidade das persoas ás que o sistema enviou a mensaxe de que poden estar contaxiadas.

O equipo da Universidade de Vigo sinala que ambas as dúas opcións posúen "carencias graves" que as fan "desaconsellables" neste momento CC-BY-SA Talter

Lembra que "nos lugares nos que de verdade se contivo a epidemia, como Corea do Sur e outros países asiáticos, fixéronse grandes esforzos no rastrexo manual" e non se puxeron en marcha aplicacións como as que se se discuten en Europa

O catedrático da Universidade de Vigo lembra que "nos lugares nos que de verdade se contivo a epidemia, como Corea do Sur e outros países asiáticos, fixéronse grandes esforzos no rastrexo manual" e non se puxeron en marcha aplicacións como as que se se discuten en Europa. Este rastrexo manual baseouse en entrevistas, rastrexo de usos de tarxetas de crédito, análise de gravacións de cámaras de videovixilancia..., que despois se complementou cunha app gobernamental, que vixía mediante GPS se os infectados cumpren a corentena, e outras aplicacións que alertaban os cidadáns da presenza de infectados en zonas próximas, detallando mesmo os seus percorridos en transporte público.

O informe chama a atención, ademais, sobre a incapacidade de Europa de achar unha resposta tecnolóxica aceptable para dar resposta á alerta sanitaria sen depender de compañías estadounidenses ou chinesas

"Estase terxiversando como funcionan esas aplicacións de rastrexo de contactos nalgúns países asiáticos, nos que ademais hai que lembrar que se puxo o obxectivo de frear a epidemia por riba do obxectivo de garantir a privacidade dos individuos", di Fernando Pérez, que igualmente critica que "se están presentando as aplicacións que están a debate en Europa como algo que pode ser complementario ao rastrexo manual, que é algo que funcionou noutros países, pero non é así".

Fernando Pérez engade unha reflexión: "Estaría a xente disposta a que unha aplicación incorporase máis información, mesmo a custa de perder privacidade se así se garante unha maior seguridade e utilidade? Non me sorprendería de que moita xente o aceptase". "Aínda que a porcentaxe de xente que participase fose menor, se a información é boa, a app podería ser compatible co rastrexo manual, e aí si que se estaría emprestando un bo servizo, aforrando moito traballo", di.

"Buscando evitar un Grande Irmán, os europeos estamos a pór a nosa privacidade en mans dun Irmán Meirande", alerta, en referencia a Google e Apple

O informe chama a atención, ademais, sobre a incapacidade de Europa de achar unha resposta tecnolóxica aceptable para dar resposta á alerta sanitaria sen depender de compañías estadounidenses ou chinesas. "As rifas entre os defensores dos dous modelos propostos non só complicaron a existencia dun sistema europeo interoperable, senón que puxeron en mans de Google e Apple a solución, renunciando unha vez máis á soberanía tecnolóxica e abrindo moitos máis interrogantes sobre a privacidade. Buscando evitar un Grande Irmán, os europeos estamos a pór a nosa privacidade en mans dun Irmán Meirande".

"Preocúpanos ademais o tema da interoperabilidade entre países, e pensamos que é algo que debería preocupar especialmente en Galicia, por estar a carón de Portugal. Parecería lóxico que se ti te trasladas a Portugal a aplicación de seguimento siga funcionando e recolla as persoas coas que te atopas alí e iso non está garantido, porque cada país está desenvolvendo as súas aplicacións propias. É un fracaso de Europa como ente", advirte Fernando Pérez. "É desalentador que en España as administracións non promovesen o máis mínimo debate sobre esta cuestión", conclúe en relación coa situación no Estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.