O Sergas apenas detecta contaxios no seu estudo do coronavirus e usará a mostra elixida polo Estado para reforzalo

Un test rápido da covid-19, nunha imaxe difundida polo Goberno de Navarra © Goberno de Navarra

A Consellería de Sanidade prevé rematar esta semana a primeira vaga de tests do estudo de seroprevalencia co que pretende trazar un mapa epidemiolóxico do coronavirus en Galicia. Unhas 16.000 probas están pendentes para finalizar as 51.000 da primeira fase dun proceso que abranguerá máis de 100.000 persoas e que segue a erguer moitas dúbidas ante a ínfima cantidade de positivos detectados entre a cidadanía

A Xunta pretende rematar esta semana a primeira vaga do estudo epidemiolóxico, que segue a erguer moitas dúbidas pola ínfima porcentaxe de positivos

"Arredor do 1% de positivos", atreveuse a vaticinar sobre o resultado final do estudo persoal sanitario encargado das probas, mesmo antes de comezar con elas e ante a escasa fiabilidade que lle presupoñen aos tests. Outros profesionais inclínanse pola posibilidade de que o virus circulase pouco en Galicia e que se concentrase, sobre todo, en focos moi determinados que non están a ser analizados en detalle. 

Sanidade recoñece que semella que o resultado final do estudo dará unha porcentaxe de prevalencia de menos do 15%. Diversas fontes do Sergas insisten que o resultado final roldará o 1% ou mesmo menos. De ter en conta os resultados que se están a dar en diferentes centros de saúde, non van moi desencamiñados. 

Un test rápido da covid-19, nunha imaxe difundida polo Goberno de Navarra © Goberno de Navarra

Así, rematada a primeira vaga do estudo nun centro de saúde dun barrio dunha gran cidade galega, a porcentaxe non acada o 0,6% ao detectarse un único positivo (0,57%), segundo puido coñecer Praza.gal. Noutro ambulatorio, situado nunha vila media da área metropolitana desa mesma urbe, a cifra sobe ao 0,76%, mentres que noutro do mesmo Concello queda no 0,83%. En ambos casos tamén cun único positivo. Noutras localidades, máis rurais e menos poboadas, profesionais do Sergas informan de porcentaxes aínda menores, mesmo do 0,1%.

Os resultados do estudo en varios centros de saúde urbanos, de vilas medias e do rural consultados por Praza.gal sitúanse entre o 0,1% e o 0,83% de positivos

Os máis de 100.000 tests, enviados polo Goberno central e usados pola Xunta para o mapa epidemiolóxico, identifican os anticorpos totais, polo que non diferencian entre os IgM, que non duran máis de dúas semanas, e os de tipo IgG, que permanecen durante anos e reflicten inmunidade. Xa que logo, non permiten determinar se a persoa está en fase de infección ou xa curada e só son quen de aclarar se estivo en contacto co virus. 

O Goberno central asegurou a súa fiabilidade e destacou unha sensibilidade dun 80% a partir dos sete días de infección e superior ao 64% en todos os casos. O Sergas asegura que "a sensibilidade aprobada en Europa para o test é do 84,43%" e que a especificidade sitúase no 99,57%. En ambos casos, "absolutamente válidas para realizar unha enquisa de seroprevalencia". 

Aínda que ao principio no protocolo enviado ao persoal do Sergas --que tivo xa tres versións-- non indicaba a necesidade de facer test PCR --os máis fiables-- a quen dese positivo, agora cada médico de cabeceira "avaliará particularmente cada caso" e reclamará esta proba "se así o precisa para axustar as medidas de ilalmento, prevención ou tratamento", segundo aclara o Sergas. Feijóo, no entanto, asegurara en rolda de prensa que todos os positivos pasarían o devandito test adicional. 

Queda por ver que fai a Xunta para probar a fiabilidade, logo de recoñecer Feijóo a súa "preocupación" polo baixo número de positivos, o que sería unha boa noticia agora pero mala a medio e longo prazo, ao revelar unha poboación moi vulnerable ante un posible rebrote da epidemia

A Xunta usará a mesma poboación que o Goberno central no seu estudo, que engade probas adicionais e máis fiables que o do Sergas

A mediados da pasada semana, o presidente da Xunta deixaba caer unha posibilidade: a de cruzar cunha mostra significativa de probas un segundo test máis fiable que poida detectar os falsos negativos que algúns profesionais dan por feitos a esgalla. O pasado domingo, anunciaba en rolda de prensa que utilizaría o mesmo grupo de poboación escollido polo Goberno central a través do INE para o seu propio estudo para así "confrontar" resultados. 

"Á vez que facemos o estudo epidemiolóxico do Goberno ás 6.000" persoas que lle corresponden a Galicia --dun total de máis de 60.000 persoas en todo o Estado--, a Xunta realizarlles tamén o test de anticorpos usados para o proxecto do Sergas.

Desinfección nun centro de saúde galego polo coronavirus CC-BY-SA Xunta

"Así confrontamos a fiabilidade", dixo Feijóo, dos tests masivos da Xunta co resultados "da extracción sanguínea" que inclúe o estudo de seroprevalencia do Executivo central. Aí está a diferenza. Mentres que en Galicia se abre a posibilidade de facer unha proba PCR a aquelas persoas que dean positivo, no proceso levado a cabo polo Ministerio de Sanidade prevense obter de maneira adicional mostras de sangue por venopunción en todos aqueles pacientes que dean o seu consentemento

O obxectivo é, segundo o Ministerio, "asegurar a fiabilidade dos resultados e aplicar o máximo rigor metodolóxico" ante a sensibilidade dunha proba que, cunha única picada nun dedo, como no caso da do Sergas, "ten unha sensibilidade superior ao 80%", unha "información relativa á súa precisión diagnóstica obtida en grupos moi concretos de pacientes", polo que "se descoñece se pode extrapolarse ao conxunto da poboación". 

O estudo do Ministerio engade unha mostra de sangue por venopunción para aumentar a fiabilidade dun estudo que avalía tamén a evolución da epidemia

Xa que logo, o estudo do Goberno central engade outra proba máis fiable e sofisticada. Ademais, mentres que o da Xunta se basea nunha análise de cada persoa a través da punción nun dedo e unha pequena enquisa, ao do Ministerio inclúe varias visitas a cada un dos fogares seleccionados para "avaliar de forma dinámica a evolución da epidemia" e determinar así se todas as persoas que conviven no mesmo domicilio "desenvolven anticorpos ao longo do período de estudo". 

A elección de 36.000 fogares en todo o Estado e a decisión de facer a proba a varios membros da familia en todos os casos débese, segundo o Goberno central, a que "facilita a representatividade da mostra e pode permitir diferenciar entre as novas infeccións que se producen por transmisión comunitaria e as que se poidan estar producindo dentro das casas". É un deseño, segundo engade, "insipirado nas recomendacións da OMS para estudos de seroprevalencia fronte ao SARS". 

É, tamén, unha forma de controlar os contactos das persoas analizadas e das que dean resultado positivo, unha opción que non é tan detallada no estudo da Xunta e que foi unha eiva criticada tamén por profesionais do Sergas que se preguntan se non sería máis útil centrarse nos infectados e a súa contorna e non "en tantos milleiros de tests para o que non deixa de ser unha enquisa".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.