Na rolda de prensa do pasado domingo, Feijóo advertiu de que en Galicia faríaselle unha proba PCR (Polymerase Chain Reaction), a máis fiable de todas, a aquelas persoas que desen positivo no test de anticorpos que o Sergas comezou a facer a pasada semana e abranguerá 100.000 persoas co obxectivo de trazar un mapa epidemiolóxico do coronavirus no país. O presidente da Xunta fixo esta afirmación malia que o protocolo enviado pola Consellería de Sanidade aos centros de saúde non indica que ese sexa o proceder.
Feijóo di que calquera persoa que dea positivo no estudo epidemiolóxico do Sergas será sometido a unha proba PCR, malia que o protocolo non o ordena
"Nin iso é o que nos mandaron facer nin tería moito sentido", explica a Praza.gal persoal sanitario encargado de realizar as probas. No protocolo, o Sergas explica que no caso de que o test dea positivo será necesario, primeiramente, "incidir na anamnese para a detección de síntomas de Covid-19". Xa que logo, revisar a historia clínica do paciente e os seus antecedentes para comprobar se sufriu sintomatoloxía.
No caso de que tivese síntomas dentro dos 14 días anteriores á proba, o protocolo do Sergas indica que se debe illar o paciente no seu domicilio e buscar os seus contactos. Se os síntomas foron hai 15 días ou máis, non será necesario facer "ningún procedemento adicional" porque a posible infección foi "pasada e curada".
As palabras de Feijóo volveron deitar dúbidas sobre os tests rápidos masivos, ao non ter, como recoñece o propio presidente da Xunta, "unha fiabilidade diagnóstica do 100%". Nin moito menos. Son probas serolóxicas e, neste caso, non detectan o virus de maneira directa, senón que identifican os anticorpos.
Os tests rápidos dos estudo identifican anticorpos pero non diferencian entre os dous tipos e non son quen de determinar se a persoa segue enferma
No caso destes 100.000 tests enviados polo Goberno central e usados pola Xunta para o mapa epidemiolóxico, identifican os anticorpos totais, polo que non diferencian entre os IgM, que non duran máis de dúas semanas, e os de tipo IgG, que permanecen durante anos e reflicten inmunidade.
Xa que logo, e como explica persoal sanitario encargado de realizalos, os casos positivos reflicten que a persoa analizada pasou a enfermidade ou a está pasando, pero non será capaz de determinar se está enferma nesa altura. Cousa distinta son as probas de anticorpos de dobre banda, que tamén emprega a Xunta, e que si diferencian entre os IgM e IgG, polo que poden aclarar se o paciente está a sufrir ou non o virus nese momento.
Sexa como for, profesionais sanitarios da Atención Primaria auguran a Praza.gal que a porcentaxe de infectados que sairá desa testaxe masiva será "ridícula e mínima". "Arredor do 1%, ben seguro", atrévese a vaticinar unha das enfermeiras encargada de realizar as probas. Ela, como moito outro persoal, engade á escasa fiabilidade do test o método empregado polo Sergas, que reduce aínda máis esa fiabilidade.
Segundo explican, os tests rápidos realizados en Galicia fanse obtendo a mostra de sangue por vía capilar (cunha gota extraída da punción dun dedo) e non mediante a extracción dunha vía venosa, tal e como recomendan os propios fabricantes das probas. Este método provocará, segundo denuncian, "moitos falsos negativos" pola súa escasa fiabilidade.
Persoal que fai as probas advirte de que o método, con mostras de sangue por vía capilar e non venosa, provocará que se dean "moitos falsos negativos"
De feito, tal e como denunciou o sindicato de enfermería SATSE noutras comunidades, dúas probas diferentes, unha por vía capilar e outra por vía venosa, realizadas a unha mesma persoa adoitan dar resultados diferentes. Iso explicaría tamén, segundo advirte persoal do Sergas, casos como algún recollido pola prensa dunha muller de Ourense que, logo de máis de 20 días en corentena tras contaxiarse por coronavirus, foi unha das elixidas para o test rápido da Xunta. Deu negativo, malia a presenza obvia de anticorpos IgG.
"A solución neses casos é facer unha seroloxía venosa, nun laboratorio, porque seguro que se atoparían anticorpos", explica persoal do Sergas, que cre que pode haber moitos máis casos de xente contaxiada que dea negativo neste tipo de probas.
O estudo de seroprevalencia do Sergas, que comezou o xoves pasado, coincidirá no tempo co que realizará o Ministerio de Sanidade e cuxo procedemento explicou este luns a directora do Instituto de Salud Carlos II, Raquel Yotti. Farase a 36.000 familias, o que se traducirá nunha mostra estatística na que se convidará a particiar a 90.000 persoas e que se calcula que estará "composta por un mínimo de 60.000".
O estudo de seroprevalencia que agora inicia o Ministerio de Sanidad abranguerá 36.000 familiase un mínimo de 60.000 persoas
O estudo permitirá "ter unha información de gran valor" e ten como principal obxectivo "coñecer a verdadeira dimensión da enfermidade en España" ao realizarse "unha estimación das persoas que desenvolver anticorpos". Igual que co do Sergas, pero neste caso a nivel galego e con máis detalle.
Como explica Ricardo Cao, matemático galego presidente do comité de expertos da Acción Matemática contra o Coronavirus, a mostraxe é máis que suficiente no caso galego se o obxectivo é coñecer o impacto da enfermidade a nivel autonómico, pero necesaria se o propósito é afondar mesmo concello a concello. "Gustaríanos saber cal é o obxectivo preciso dos estudos epidemiolóxicos da Xunta e do Goberno central, pero en ningún dos casos temos os datos", denunciaba en Praza.gal.
Con todo, en ambos casos os estudos serán claves para adoptar as sucesivas medidas de desconfinamento, tal e como advertiu Feijóo e tamén o Ministerio. "A información vai permitir tomar as decisións máis axeitadas", di Raquel Yotti.
Varias probas ás mesmas persoas ou probas para todos
No caso do estudo a nivel estatal, á proba inicial engadiráselle, "sempre que sexa posible", unha extracción de sangue cunha punzada nun brazo que se analizará nun laboratorio "con probas máis precisas". Ademais, e a diferenza do estudo galego, do que Feijóo anunciou que os 100.000 tests abranguerían 100.000 persoas, as probas realizaranse en tres ocasións a cada cidadán: unha primeira vez, unha segunda ás tres semanas e unha terceira ás seis, para coñecer "a evolución do desenvolvemento dos anticorpos".
Preguntado por este diario, o Sergas está pendente de aclarar se ten previsto mudar a intención inicial e repetir o test aos positivos detectaados para ever a evolución da enfermidade e detallar tamén se, como dixo Feijóo en rolda de prensa, esas persoas que dean positivo van ser sometidas a unha proba PCR.
Segundo o Ministerio de Sanidade, ata o 23 de abril Galicia realizara 81.201 probas PCR -ese día o Sergas informaba en Galicia de que xa fixera 78.822 e para o día seguinte indicou 82.993- e 14.630 tests de anticorpos. O total de probas era daquela, segundo os datos manexados polo Estado, de 95.831 probas da covid-19 feitas en Galicia. Isto suporía 35,51 probas por cada 1.000 habitantes, a oitava maior proporción e un chisco por riba das 28,57 da media estatal.