Galicia é a oitava autonomía en probas de coronavirus feitas por cada mil habitantes

CC-BY-NC-SA Praza Pública

A Xunta ofrece dende mediados de marzo o número de probas PCR -as máis precisas- que realiza para detectar os casos de coronavirus. Non obstante, ata agora non divulgara o número de test de anticorpos -os coñecidos como test rápidos- que xa realizara e o Ministerio de Sanidade, á súa vez, non publicara o número total de probas realizadas no conxunto do Estado, información que lle achegan as comunidades autónomas. Aínda que Alberto Núñez Feijóo si ofreceu verbalmente algunhas cifras ao respecto en rolda de prensa, as cifras e a súa evolución non figuran nas bases de datos oficiais que o Sergas publica e actualiza a diario.

O Sergas divulga o número de probas PCR que leva feitas pero segue sen publicar o número de test de anticorpos, que agora son coñecidos a través do Ministerio de Sanidade

Este 27 de abril o Ministerio de Sanidade si fixo pública esta información e a través del foi posible coñecer a cifra que o Sergas aínda non divulga, o do número de test rápidos feitos -aínda que sen detallar de que tipo de test se trata-. A información, datada no pasado 23 de abril, permite coñecer ademais que en termos xerais Galicia non é das autonomías que máis probas realizou, nin tampouco das que menos: sitúase na banda intermedia, como oitavo servizo de saúde con máis probas feitas por cada 1.000 habitantes e un chisco por riba da media estatal.

Segundo o Ministerio, ata o 23 de abril Galicia realizara 81.201 probas PCR -ese día o Sergas informaba en Galicia de que xa fixera 78.822 e para o día seguinte indicou 82.993- e 14.630 test de anticorpos. O total de probas era daquela, segundo os datos manexados polo Estado, de 95.831 probas da covid-19 feitas en Galicia. Isto suporía 35,51 probas por cada 1.000 habitantes, a oitava maior proporción e un chisco por riba das 28,57 da media estatal

Das primeiras en PCR, das últimas en test rápidos

Sempre segundo a información divulgadas polo Ministerio -que, subliña o ministro Illa, é a fornecida polas comunidades autónomas-, Galicia situaríase na banda alta no que atinxe á cobertura da poboación con probas PCR e na baixa no que atinxe aos test rápidos. Así, o Sergas xa levaría realizadas ata eses días o equivalente a unhas 30 probas PCR por cada 1.000 habitantes -cada paciente adoita precisar de máis dunha-, a sexta maior cobertura do Estado.

Mentres, no que atinxe aos test rápidos, a cobertura galega apenas pasaba ata ese día dos 5 test por cada 100.000 habitantes. Os test rápidos, precisamente, estiveron nas últimas semanas no centro da disputa entre a Xunta e o Goberno central porque parte destes equipamentos foron remitidos a Galicia polo Ministerio de Sanidade entre queixas do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por non ofreceren resultados "definitivos", dixera apenas dez días antes de anunciar que, finamente, o Sergas os utilizaría para realizar o estudo epidemiolóxico sobre o coronavirus que ten en marcha dende finais da pasada semana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.