O Servizo Galego de Saúde rexistrou durante a fin de semana que vén de rematar ata 33 falecementos ligados ao coronavirus, 15 deles de persoas que viviran en residencias. É a parte máis negativa duns datos que, segundo a actualización ofrecida polo Sergas para este luns, 27 de abril, veñen marcados por unha notable redución dos novos casos da covid-19 detectados en Galicia, aínda que tamén por unha mingua no número de probas PCR -as máis precisas- incorporadas á estatística oficial.
Nunha xornada con 60 casos novos, os positivos activos chegan a 6.891, un incremento de 35, e os falecementos son xa 531. O Sergas contabiliza 1.816 persoas que recibiron a alta hospitalaria
Os datos oficiais da pandemia suman este luns os resultados de 2.134 novas probas PCR, un número aínda menor ao incorporado o domingo -as procedentes do sábado-, cando foron 2.697 e moito máis baixo que o sumado o sábado, cando chegou a información de 4.171 PCR do venres, o maior número nun só día ata agora. Coa cautela de que o número de test (cada persoa pode precisar máis dun) é clave para obter a fotografía real da expansión da doenza, este 27 de abril abrollan en Galicia 60 casos novos da covid-19 -dous menos que o día previo-.
O número de positivos activos chega a 6.891; 35 máis que o domingo. Isto supón un incremento do 0,51%, a terceira xornada nos últimos catro días en que a suba é menor ao 1%. Mentres, as altas hospitalarias non se disparan pero si seguen a un ritmo un chisco superior; chegan ás 1.816 tras aumentar un 0,72%. [Podes repasar aquí polo miúdo as diferenzas entre novos casos e o aumento de positivos activos]
O 45% dos falecementos son de persoas que viviran en centros de maiores
Nos últimos días o incremento de falecementos rolda a decena ao día. Son 33 máis que o venres, 12 máis nas últimas vinte e catro horas. Desta ducia de falecementos só dous corresponden a persoas que viviran en residencias de maiores -unha delas faleceu no propio centro, o DomusVi Barreiro de Vigo-. Non obstante, das 33 persoas cuxo falecemento ligado á covid-19 foi rexistrado durante a fin de semana, 15 viviran nestas residencias de maiores e dependente. No total das 531 persoas falecidas ata agora pola pandemia en Galicia, o 45% eran persoas que viviran en residencias de maiores.
A media diaria de novos casos volve roldar o cento
A diminución de casos dos últimos días, condicionada pola devandita diminución de probas PCR rexistradas na fin de semana, fai regresar a media de casos detectados por xornada en Galicia á contorna do centenar. A esa cota descendera tamén a fin de semana anterior -cando se fixeron máis probas-, pero durante a pasada semana a tendencia foi á alza durante varios días, ata roldar a media de 170 novos casos diarios.
Así e todo, as cifras actuais están lonxe das acadadas no que ata agora foi o pico da pandemia, a finais de marzo, cando Galicia chegou a detectar maís de 400 casos por día nun momento en que o número de probas PCR era menor ao actual. Así, se a finais de marzo os novos casos de coronavirus detectados equivalían a arredor do 30% de probas PCR feitas, agora ese indicador está en arredor do 3%. Durante a pasada semana, por mor dos devanditos ascensos, chegou a superar o 5%.
As UCI volven á tendencia á baixa, lixeira repunta da hospitalización total
As persoas que precisan atención en unidades de coidados intensivos volven baixar e quedan en 83; no pico da pandemia chegaron a ser 176
Estas cifras danse nun contexto no que o número de persoas ingresadas nas unidades de coidados intensivos, indicador clave para o eventual levantamento gradual das medidas de confinamento, regresou nos últimos dous días á senda descendente que viña experimentando durante máis de dúas semanas, interrompida cun leve incremento o pasado sábado. As persoas que precisan atención en UCI a causa da covid-19 en Galicia son agora 83, dúas menos que na xornada previa e xa cunha cifra afastada da máxima ocupación, a principios de abril, cando chegaron a ser 176.
A diminución da ocupación das UCI por parte de persoas afectadas polo coronavirus non vai acompañada, este 27 de abril, cunha caída no número total de persoas hospitalizadas, toda vez que os ingresos en unidades ordinarias -en planta- aumentan un 3,47% e quedan en 507, o que supón unha suba do total da hospitalización dun 2,6%.
De calquera xeito, a ampla maioría das persoas con positivos pola covid-19 aínda activos en Galicia seguen en illamento domiciliario -incluíndo residencias de maiores e dependentes-. Esa cifra chega este 27 de abril ás 6.301 persoas, un 0,32% máis -o menor incremento dende o comezo da pandemia e máis do 90% do total.
Case a metade da suba de positivos activos, na área da Coruña
Un día máis, o groso do incremento no número de positivos activos concéntrase na área sanitaria da Coruña-Cee, aínda que a suba é menor que as da pasada semana, moito máis pronunciadas. Esta área sanitaria suma 15 positivos activos máis, chega aos 1.659 e supera por primeira vez os 300 casos por cada 100.000 habitantes.
A área da Coruña supera por primeira vez os 300 casos por cada 100.000 habitantes pero a súa incidencia segue moi por baixo da de Ourense, con 430
A incidencia da pandemia na área coruñesa segue, en calquera caso, moi lonxe da que padece á área da provincia de Ourense, que suma nesta ocasión 8 casos máis, ata os 1.315, e segue cunha incidencia moito máis elevada que a da media de Galicia, agora con 430 casos por cada 100.000 habitantes. As áreas de Vigo, Santiago e Pontevedra experimentan tamén leves ascensos, a de Lugo mantense plana e Ferrol rexistra tres menos.
As áreas sanitarias, que a Xunta prefire ter como referencia para as eventuais medidas de desconfinamento, son o límite territorial máis concreto dentro dos datos públicos do Servizo Galego de Saúde sobre a pandemia. Na súa comparecencia ante a prensa e na televisión do pasado domingo, o presidente da Xunta asegurou que nuns 140 concellos galegos non se rexistra ningún caso de coronavirus, pero esta información non é pública.