A fotografía estatística que temos do impacto da covid-19 é incompleta e está intimamente ligada ao número de probas que as autoridades sanitarias son quen de realizar para detectalo. Mesmo ao xeito de computar os casos positivos, os falecementos e as altas. O número de probas PCR está a aumentar nos últimos días en Galicia, atenuando o enlentecemento de positivos activos que se viña observando.
Nesta segunda quincena de abril, mentres aumentan as probas realizadas, detéctanse en Galicia arredor dun cento de novos casos diarios; a finais de marzo, con menos probas, eran máis de 400
Así e todo, cando menos de momento este maior volume de probas -eran xa 67.639 ata este 20 de abril, segundo o Sergas- non dispara o número de casos novos. Nesta recta final de abril agroman en Galicia arredor dun cento de novos positivos do coronavirus, a cuarta parte que a finais de marzo.
Cómpre ter en conta que non é o mesmo o incremento de positivos activos -cifra que actualiza diariamente o Sergas e que manexa publicamente como principal indicador- que de novos casos. Os positivos activos son a diferenza entre todos os positivos dunha xornada e os da anterior, pero restando tamén os falecementos e as altas que se producisen nesas vinte e catro horas. Por exemplo, entre o 19 e o 20 de abril rexistrouse un incremento de 91 positivos activos, pero os casos novos detectados foron 114.
A tendencia na detección de casos novos foi claramente á alza ata finais de marzo, chegando a rexistrarse nun só día -o 30 dese mes- máis de 580 positivos novos en relación ao día anterior. Os datos medios de cada tres días, que permiten evitar as distorsións de incrementos puntuais dun só día, tamén sitúan en finais de marzo os maiores incrementos, cunha media de máis de 400 casos novos ao día. Durante o mes de abril a tendencia é descendente, malia aos picos cada certos días, e a media rolda nos últimos días o centenar de casos novos.
Diversas voces expertas veñen advertindo nos últimos días de que cómpre non relaxar as medidas de precaución pola mellora de indicadores coma estes. Así o advertía en declaracións a Praza.gal o profesor Francisco Caamaño Isorna, experto en Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, e tamén o sinalaban os autores do modelo matemático
Máis probas, menos porcentaxe de positivos
Contra o remate de marzo o número de novos positivos equivalía a un terzo das probas realizadas; nos últimos días esa proporción baixa do 3%
Existe outro indicador que apunta a que a pandemia tende a remitir. O número de probas PCR aumenta progresivamente e faino especialmente dende a pasada semana cando, sempre segundo datos do Sergas, pasaron de realizarse algo máis de 2.000 ao día a rexistrarse máis de 3.000 en cada xornada. O dato máis alto ata o momento foi o deste luns, 20 de abril, con máis de 3.900 PCR incorporadas ao rexistro.
A mediados de marzo, cando a Xunta comezou a divulgar datos das PCR que levaba feitas, a relación entre novas probas e novos positivos cada día roldaba o 20%. Contra finais de mes, con algo menos de 2.000 probas ao día, chegou a haber xornadas en que o número de novos positivos equivalía a practicamente un terzo das novas PCR feitas -cómpre ter en conta que o número de probas non é equivalente ao número de persoas ás que lle foi realizada, xa que en ocasións cómpre máis dunha por paciente-.
Dende a primeira quincena de abril, cando as novas probas por día comezaron a superar as 3.000, a tendencia tamén virou descendente. Así, os novos positivos equivalen dende mediados de mes a arredor do 5% das probas PCR realizadas. Este indicador caeu por baixo do 3% nos últimos días.
Fernando Simón: "Isto, en termos epidemiolóxicos está asociado a unha diminución da incidencia da enfermidade"
A esta baixada da porcentaxe de novos casos en relación ao número de PCR realizadas referíase este luns o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, Fernando Simón. En rolda de prensa, Simón apuntaba a esta tendencia, con diferentes intensidades, en múltiples puntos do Estado.
"Se facemos case catro veces máis PCR iamos ter un incremento no número de pacientes, pero non foi así", congratulouse antes de sinalar que na primeira semana de abril ese "grao de positividade" roldaba o 20% no conxunto do Estado e que na pasada semana xa se situaba na contorna do 3,2%. "Isto, en termos epidemiolóxicos, se os criterios son máis ou menos homoxéneos, está asociado a unha diminución da incidencia da enfermidade", sintetizou.
A incidencia en Ourense segue á alza, moi por riba do resto de Galicia
Con estes datos sobre a mesa que apuntan a unha moderación da pandemia, que mesmo semella comezar a remitir no conxunto de Galicia, a área sanitaria que continúa a presentar unha evolución máis preocupante é a de Ourense. Sobre todo no que atinxe á incidencia da covid-19, isto é, ao número de casos positivos activos por cada 100.000 habitantes.
Para o conxunto de Galicia, a incidencia rolda os 200 casos por cada 100.000 habitantes; na área ourensá supéranse os 400
Mentres que este dato, para o conxunto de Galicia, rolda os 200 casos por cada 100.000 habitantes e na área sanitaria con máis casos activos, a da Coruña, se sitúa nos 255, a incidencia ourensá supera xa os 407 casos por cada 100.000 habitantes. Este indicador está moi por riba tamén da área sanitaria máis equiparable, a de Lugo, que tamén abrangue toda a provincia. Cunha demografía relativamente semellante, a área lucense situaba a súa incidencia na contorna dos 189 casos este 20 de abril.
A incidencia da pandemia na área sanitaria de Ourense é a maior de Galicia dende finais de marzo e disparouse de vez a comezos de abril, con abrollos especialmente preocupantes como os que atinxen a varias residencias de maiores. Dende os grupos da oposición galega sinalouse nos últimos días a necesidade de poñer o foco na disparidade da evolución ourensá con relación ao resto de Galicia, indicador que alén do estritamente sanitario pasa a cobrar especial importancia nun contexto no que o Goberno de España, como avanzou Pedro Sánchez a pasada fin de semana, traballa co escenario dun levantamento do confinamento "por territorios".