A xornada co maior número de probas PCR rexistradas, segundo o Sergas, dende o inicio da pandemia do coronavirus en Galicia -3.924 nas últimas vinte e catro horas, ata 67.639- non varía de xeito significativo a moderación do ritmo da pandemia no país, atendendo ás súas principais cifras. Pero atenúao. Os datos divulgados por Sanidade para este luns, 20 de abril, sinalan que o número de positivos activos chega a 6.296, un aumento de case o 1,5% (91 máis) que é o maior en sete días nunha xornada na que, non obstante, o número de casos novos detectados, 114, é semellante ao de xornadas anteriores.
As 3.924 PCR rexistradas nas últimas vinte e catro horas son o maior incremento nun día e sáldanse con 114 positivos novos e unha suba dos activos do 1,5%, ata os 6.296; as persoas falecidas son xa 455
A presión da pandemia nos hospitais galegos segue en descenso se ben o ritmo de incremento de altas si cae este luns por baixo do incremento de positivos activos. Son apenas unha ducia máis que no día anterior e chegan a 1.548, un incremento do 0,78% en vinte e catro horas e sempre co matiz -como sinalou o Ministerio de Sanidade a pasada fin de semana- que a estatística recolle unicamente as altas hospitalarias e non posibles recuperacións nos fogares.
Mentres, o incremento dos falecementos segue un chisco por riba do 2% diario e son xa 455, once máis que un día antes e deles todos agas dous son de persoas que viviran en residencias en residencias de maiores. Cinco aconteceron nos propios centros: 2 na DomusVi San Lázaro de Santiago e un en Nuestra Señora de La Esperanza, da Fundación San Rosendo en Ourense; en DomusVi Cangas e na residencia Moledo de Vigo. Outras catro sucederon en hospitais ou residencias medicalizadas, segundo indica o Sergas, que nestes casos non detalla o centro de procedencia.
Con estes datos sobre a mesa, a porcentaxe de falecementos de residentes en centros de maiores e dependentes sobre o total de persoas que morreron en Galicia pola covid-19 ascende xa por riba do 44%. Mentres, no que atinxe aos positivos activos nestas instalacións, son 1.379 entre residentes e persoal.
Estabilidade nos hospitais con tendencia á baixa
As persoas na UCI seguen baixando e quedan en 108
O incremento de positivos activos derivado da realización de máis probas PCR non se traduce nunha maior presión nos hospitais. O total de persoas infectadas pola covid-19 en Galicia que require hospitalización aumenta este luns moi levemente, apenas un 0,1%, e faino polo incremento de cinco persoas ingresadas en unidades ordinarias, ata as 601. Mentres, as persoas na UCI por esta doenza minguan unha xornada máis, como nas últimas dúas semanas e quedan en 108, un 3,57% menos.
Neste contexto, o número de persoas que están illadas nos seus lugares de residencia -xa sexan domicilios particulares ou centros de maiores e dependentes- seguen achegándose ao 90% do total de positivos activos. Sanidade rexistra este luns 5.587 persoas nesta situación.
O maior aumento, en Vigo
Por áreas sanitarias, o incremento de positivos activos detectados percíbese especialmente na de Vigo, con 38 máis que nas últimas vinte e catro horas que supoñen un incremento que racha coa estabilidade das anteriores xornadas. Os seguintes maiores incrementos danse na Coruña e tamén Santiago, Lugo e Ourense. A área ourensá continúa, en calquera caso, padecendo a maior incidencia -máis casos por cada 100.000 habitantes- de Galicia. A liña de positivos activos continúa practicamente plana en Pontevedra e Ferrol.