As probas diarias de coronavirus duplícanse en Galicia e o número de novos positivos é o maior en dez días

CC-BY-NC-SA Praza Pública

A base de datos do impacto do coronavirus en Galicia incorporou para este martes, 21 de abril, os resultados de 6.780 probas PCR, as que resultan concluíntes sobre o diagnóstico do coronavirus. Esta cantidade de test supón duplicar nunha semana as realizadas cada vinte e catro horas e un dos seus efectos é que provocan o maior número de novos positivos dos últimos dez días. Son, concretamente, 169 novos, o cal así e todo non provoca que se disparen os positivos activos, que fronte ao incremento do 10% de probas realizadas, aumentan un 1,91% (120 máis) e chegan aos 6.416. [Un cento de novos casos de coronavirus agroma cada día en Galicia, a cuarta parte que en marzo]

As PCR acadan un novo máximo e fan aflorar 169 casos novos; os activos aumentan un 1,91% e chegan aos 6.416 nunha xornada con 9 falecementos máis, tres de persoas que viviran en residencias

Ao contrario do que sucedera na xornada anterior, os datos fornecidos este martes por Sanidade si reflicten un incremento de altas superior ao de positivos activos. As altas hospitalarias de persoas afectadas pola covid-19 chegan xa a 1.588, un 2,58% máis, nunha xornada na que os falecementos chegan aos 464. Este dato implica un aumento do 1,98% no número de persoas falecidas; son nove máis que un día antes e delas, tres eran persoas que viviran en residencias de maiores e dependentes. Unha faleceu na propia residencia, a Concepción Arenal da Coruña. [Consulta aquí polo miúdo a diferenza entre novos casos e o aumento de positivos activos]

Cos datos incorporados este 21 de abril, as probas PCR realizadas en Galicia xa foron, segundo o Sergas, 74.419. Cómpre ter en conta que o número de PCR non equivale ao número de persoas ás que se lles fixo a proba, xa que cada paciente pode precisar máis dunha.

Dos novos positivos, 17 corresponden a persoas residentes en centros de maiores (977 en total, segundo Sanidade). As persoas infectadas entre o seu cadro de persoal pasan de 419 a 406.

Maior descenso nas UCI dende o inicio

As persoas na UCI seguen baixando e son 101 tras a maior redución porcentual en vinte e catro horas dende o comezo da pandemia

Fronte ao afloramento de novos casos que acompaña o incremento de probas, a presión da pandemia nos hospitais, un dos maiores temores das autoridades sanitarias dende o inicio, continúa á baixa. O total de persoas hospitalizadas por mor da covid-19 en Galicia descende nesta xornada un 0,7%, pero a mingua concéntrase sobre todo nas UCI. 

As persoas que precisan de asistencia en unidades de coidados intensivos en Galicia por mor do coronavirus son agora 101, unha redución do 6,48% que é a maior en termos porcentuais dende o inicio da pandemia. Mentres, as persoas ingresadas en unidades ordinarias, en planta, aumentan en apenas dúas e chegan a 603.

Con este descenso da hospitalización, o groso dos casos novos segue a concentrarse na poboación que deu positivo e está illada no seu lugar de residencia. Están nesta situación 5.712 persoas, case o 90% do total, un 2,24% máis. Cómpre ter en conta que neste apartado tamén se inclúen as persoas con diagnóstico positivo que viven en residencias de maiores e persoas dependentes.

O maior incremento, na área máis afectada: Ourense

A incidencia ourensá xa chega a 423 positivos activos por cada 100.000 habitantes; na área con máis casos, a da Coruña, sitúase nos 257

Nesta xornada o incremento de positivos activos non se distribúe de xeito homoxéneo. Case a metade dos incremento de positivos activos -120 en toda Galicia- está na área que destaca por riba de todas as demais pola súa alta incidencia da pandemia, Ourense. A área ourensá, que abrangue toda a provincia, suma 50 casos novos e xa conta con 423 casos por cada 100.000 habitantes para un total de 1.293. A área con máis casos totais, a da Coruña, suma nove positivos activos este martes e chega 1.417 e nela a incidencia está en 257 casos por cada 100.000 habitantes.

Tamén é significativo o incremento de positivos activos na área de Vigo, que chega a 1.162 tras sumar 20 máis, un número semellante aos 17 activos que se engaden en Santiago. En calquera caso, ningunha destas áreas chega -nin de lonxe- á incidencia que sofre Ourense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.