O pasado martes, 21 de abril, non foi o día no que o Sergas procesou máis probas PCR, as máis precisas para a detección da covid-19. O que a Consellería de Sanidade sinala como "un erro na transmisión de datos" sumou en vinte e catro horas 6.780 novos test cando en realidade eran 1.425, segundo aclarou o Goberno galego este mércores, 22 de abril. Daquela, o incremento de novos casos de coronavirus detectados nesa xornada non está vinculado cun número disparado de probas, como foi interpretado a partir do dato erróneo.
Tras a detección de 166 casos novos, o cómputo de positivos activos medra en 118 e queda en 6.534; os falecementos chegan a 475 con nove mortes máis, seis de persoas que viviran en residencias
Con esta corrección sobre a mesa, os casos novos da covid-19 en Galicia seguen por riba do centenar. Concretamente, encadearon catro días á alza, de 71 novos detectados o pasado sábado a 169 novos o martes, e este mércores seguen por riba dos 160 novos en vinte e catro horas. Son 166 máis, cifra que así e todo non dispara o total de positivos activos, que segue medrando por baixo do 2% (un 1,84% máis nesta ocasión) e quedan en 6.534, 118 máis que un día antes. [Consulta aquí polo miúdo a diferenza entre casos novos e novos positivos activos]
Polo que sinala como "un erro na transmisión de datos", Sanidade indicou o pasado martes que incorporara 6.780 novas probas PCR cando en realidade eran 1.425 máis
Os incremento de novos positivos activos segue a ser menor que o aumento das altas hospitalarias de persoas afectadas pola pandemia. Chegan este mércores ás 1.625, o que supón un avance do 2,33% mentres os falecementos chegan a 475, un 2,37% máis. As persoas falecidas son 9 máis ca onte e delas, seis viviran en residencias de persoas maiores ou dependentes. Tres faleceron nas propias residencias, segundo Sanidade; concretamente, dúas na residencia Santa Teresa Jornet e unha, en DomusVi Matogrande, ambas na Coruña.
O dato deste 22 de abril si é resultado dun número relevante de probas PCR, 3.794 máis que o día anterior para un total de 72.858, segundo as cifras corrixidas polo Sergas. O erro no cómputo do pasado martes implica que nesa xornada a porcentaxe de novos positivos en relación ao número de probas realizadas si se disparase ata superar o 11% despois de varias xornadas nas que caera por baixo do 3%.
Este mércores ese indicador sitúase no 4,38%, o máis alto nunha semana sen ter en conta a distorsión do día 21. Estas oscilacións deixan esa relación entre probas realizadas e novos positivos, de calquera xeito, moi lonxe dos niveis de pasados de marzo, cando os novos casos de covid-19 detectados equivalían a arredor do 30% de probas PCR realizadas en Galicia.
Menos de cen persoas na UCI pola covid-19
As UCI non rexistraban menos de cen ingresos polo coronavirus dende finais de marzo
Mentres que os datos das últimas xornadas apuntan a unha certa moderación no enlentecemento da pandemia observado a pasada semana en Galicia, os indicadores que seguen a evolucionar favorablemente son os que amosan a presión sobre os hospitais galegos a causa do coronavirus. As persoas hospitalizadas por esta causa no país descenden este 22 de abril a un dos maiores ritmos -en termos porcentuais- dende o inicio da pandemia e, por primeira vez dende o 27 de marzo, as que precisan asistencia na UCI polo coronavirus son menos dun centenar.
Concretamente, os datos deste 22 de abril indican que 96 persoas permanecen nas unidades de coidados intensivos por esta causa, un 4,95% menos. En unides hospitalarias ordinarias -en planta- os ingresos polo coronavirus son 585, un descenso de case o 3% ata a menor cifra dende o 26 de marzo.
Fronte ás 681 persoas hospitalizadas en Galicia a causa do coronavirus -un 3,26% menos que no día anterior-, as persoas que permanecen illadas nos seus lugares de residencia -na casa e tamén as 978 persoas usuarias de centros de maiores nesta situación- chegan xa ás 5.853. Supón un incremento do 2,47%.
Forte incremento na área da Coruña
Por áreas sanitarias, o maior incremento nas últimas vinte e catro horas rexístrase na que máis positivos activos ten en termos absolutos, a da Coruña, que chega a 1.485 tras sumar 68 novos casos. A maior incidencia -casos por cada 100.000 habitantes- continúa, en calquera caso, sendo a que sofre a área sanitaria de Ourense, que con 8 positivos activos máis chega aos 1.301 e rexistra xa 426 casos por cada 100.000 habitantes. A seguinte maior incidencia é a da Coruña e queda en 269 casos por cada 100.000 habitantes.