Nos vindeiros días, 100.000 galegas e galegos participarán no estudo epidemiolóxico encargado pola Xunta para testar o influxo do coronavirus na cidadanía. Serán os centros de saúde os que atendan aquelas persoas seleccionadas e que voluntariamente se presten a unhas probas que tamén se farán a domicilio no caso de problemas de mobilidade. A Atención Primaria, unha vez máis, como primeira liña malia a saturación e falta de recursos que leva meses denunciando. E en especial, a enfermería, que cargará con practicamente todo o traballo.
O persoal dos centros de saúde galegos ocuparase de levar a cabo as probas a 100.000 persoas para o estudo epidemiolóxico encargado pola Xunta
Logo do anuncio a pasada semana de Núñez Feijóo, o persoal dos ambulatorios recibiu entre este martes e mércores o protocolo de actuación dun estudo cos test enviados polo Goberno central do que se enteraron primeiro polos medios de comunicación. Desde este xoves terán que empezar a traballar nel e durante dúas semanas, ademais de seguir atendendo as consultas habituais diarias e o seguimento de cadanseus pacientes afectados polo coronavirus. Será na primeira das fases. A segunda vaga, segundo informa o Sergas, levarase a cabo dentro dun mes.
As pautas que deberán seguir, ás que tivo acceso Praza.gal, indican que os directores de Atención Primaria e os de Enfermaría recibirán unha listaxe das persoas seleccionadas previamente polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para realizar esta proba de estudo, co que se deseñará un mapa epidemiolóxico de Galicia a través de dúas mostras de 50.925 persoas distribuídas entre as diferentes comarcas e concellos galegos. Para facelo, o IGE seleccionou en primeiro termo un mínimo de 600 persoas en 38 áreas territoriais que agrupan a todas as comarcas e, de seguido, distribuíu proporcionalmente os restantes test segundo a súa densidade de poboación, até chegar as 50.925 mostras por fase.
O obxectivo é "estimar a prevalencia da inmunidade fronte ao Covid-19 nas diferentes localidades galegas, definir cal é a súa repercusión de acordo ás variables de sexo e idade, e monitorizar a evolución da epidemia durante o período de tempo en que se produza a recollida da información". Nas sete grandes cidades galegas, a realización de probas desta primeira vaga que comeza este xoves será de 4.800 en Vigo, 3.500 na Coruña, 2.800 en Ourense, 2.150 en Lugo, 1.900 en Pontevedra, 1.650 en Santiago e 1.500 en Ferrol.
A enfermaría cargará coa maior parte do traballo: contactar coas persoas, convencelas para participar, realizar a enquisa e levar a cabo a proba
Serán as enfermeiras as que se encarguen fundamentalmente de todo, tamén da localización das persoas, aínda que os profesionais da área administrativa "darán soporte cando sexa necesario". Deberán chamar por teléfono e facer "seis intentos de contacto, en tres días diferentes e a diferentes horas antes de descartalo". No primeiro día, realizaranse tres chamadas. Tal e como se ve na imaxe anterior, do esquema que as xerencias sanitarias envían aos centros de saúde sobre o labor da enfermería, o seu traballo abrangue todo o proceso.
Unha vez contactado, o persoal de enfermería convidará a persoa a participar no estudo e deberá "transmitirlle a importancia da súa aceptación para acadar os obxectivos propostos" e advertirlle da "confidencialidade" dos datos e do tipo de proba, que consiste "nunha pequena picada nun dedo" que lle permitirá "coñecer se xa tivo contacto co virus". Como labor extra, en varios centros de saúde deben atender tamen chamadas de quen, pensando que a proba é voluntaria para calquera, contacta ofrecéndose para que lle realicen o test.
A continuación, o mesmo persoal sanitario deberá cumprimentar unha enquisa "fundamental na decisión asistencial a tomar con ese paciente unha vez se dispoña do resultado da proba de anticorpos totais". O inquérito valora a presenza de síntomas de infección respiratoria na actualidade, nos 14 días anteriores e entre finais de xaneiro e a primeira semana de abril.
Logo, citarase a persoa para unha data e lugar de extracción --no centro de saúde ou no domicilio-- e farase avaliación da listaxe para incorporar suplentes no caso de que algún dos candidatos non lograse ser contactado ou rexeitase participar. E
Dúbidas entre as enfermeiras
Malia o protocolo enviado aos centros de saúde, as preguntas son moitas entre o persoal, especialmente entre as enfermeiras. De feito, supervisoras de enfermería reuníronse neste mércores coa xerencia en diferentes áreas sanitarias de Galicia co obxectivo de aclarar dúbidas a só unhas horas de comezar o proceso. A principal preocupación, segundo contan algunhas das implicadas, é a escaseza de equipos de protección individual (EPI) nalgúns centros, o desprazamento a domicilios e a posibilidade de infectarse ou contaminar os seus propios vehículos ou a ausencia de salas libres para illar aquelas persoas que realicen as probas.
O persoal dos centros de saúde advirte da escaseza de equipos de protección, da posibilidade de contaxio e da imposibilidade de seren sometidos a test
A principal queixa, no entanto, e na que coinciden todos os profesionais, é que mentres se expoñen ao contaxio levando a cabo estes test ou calquera consulta, eles seguen sen ter a posibilidade de facerse as probas que confirmen se sofren ou non de coronavirus.
No casos das enfermeiras, ademais, son moitas as voces que expresan a súa queixa ante a saturación de traballo que pode supor esta nova encomenda ao tempo que Feijóo di estar disposto a "ampliar os horarios dos centros de saúde".
Porque o protocolo enviado pola Xunta recomenda "designar equipos específicos para a toma de mostras, xa que isto minimiza a exposición dos profesionais", ademais de citar a xente de maneira que se "eviten as aglomeracións nos centros e saúde", onde se habilitará unha zona para a toma de mostras "que estará separada máis de 2 metros do resto de usuarios, con medidas físicas de separación, e preferiblemente, se as condicións do centro así o permiten, nunha área o máis próxima posible á porta de entrada".
O Sergas recomenda "equipos específicos" para a toma de mostras, "evitar as aglomeracións" e illar un espazo para realizar os test
Serán, de novo, as enfermeiras, segundo a idea que manteñen os responsables dos centros de saúde, as que se encarguen de facer as probas ante a necesidade de liberar os médicos, pendentes das consultas habituais e do seguimento dos seus pacientes afectados por coronavirus.
Obviamente, indícase a necesidade de equipos de protección ou de solucións hidroalcólicas e recoméndase que as persoas ás que se lle vaia realizar a proba acudan soas e poñan a máscara que se lles facilitará no centro, ademais de acudir no seu coche se é posible, xa que en moitos ambulatorios instalaranse carpas que eviten xa entrar no interior do edificio.
O resultado das probas indícase no aparello facilitado nos test (Wondfo SARS-CoV-2 Antibody Test Lateral Flow Method) en tan só quince minutos e comunícase ao paciente mediante chamada telefónica, a través da cal se lle indicará as actuacións a seguir en función do devandito resultado e da súa situación clínica.
No caso das persoas con síntomas compatibles coa Covid-19, de ter resultado positivo procederase ao seu illamento e busca dos seus contactos. No caso de ser negativo, tamén se illará e se procurará aos contactos, ademais de realizárselle unha proba PCR se cumpre os criterios definidos polo Sergas.
En canto ás persoas asintomáticas, e no caso de dar positivo, avaliarase se puido ter algún síntoma nos 14 días anteriores, polo que se procedería ao seu illamento e á busca tamén dos seus contactos. De ter amosado síntomas hai máis de 14 días, o máis probable é que fose infectado pero xa estea curado, polo que non sería necesario ningún procedemento adicional. De dar negativo, certificaríase que a persoa non tivo contacto co virus.