O Sergas ordena agora facer PCR aos positivos asintomáticos logo de que Feijóo advertise de que se farían a todos aínda que o protocolo negaba esa posibilidade
O pasado domingo, en rolda de prensa, Feijóo advertiu de que en Galicia faríaselle unha proba PCR (Polymerase Chain Reaction), a máis fiable, a todas aquelas persoas que desen positivo no test de anticorpos totais que o Sergas comezou a facer a pasada semana e que abranguerá 100.000 persoas para trazar un mapa epidemiolóxico do coronavirus no país. O presidente da Xunta fixo esta afirmación malia que o protocolo enviado pola Consellería de Sanidade aos centros de saúde non indicaba que ese fose o proceder. Ata este mesmo luns. Durante esa xornada, a Dirección Xeral de Asitencia Sanitaria trasladou ás direccións de Atención Primaria un cambio no protocolo que modificaba a actuación a seguir no caso dun positivo. Na nova versión, indícase que esas persoas serán sometidas a unha proba PCR, pero non en todos os casos, como dixera o xefe do Executivo galego un día antes, senón naqueles pacientes "con clínica dubidosa ou asintomáticos".
A modificación é a terceira respecto de que facer cos positivos dentro do protocolo de actuación do Sergas, que vai tamén pola terceira versión desde que empezara a ser enviado aos centros de saúde, entre un e dous días antes de que se iniciasen os tests para o estudo de seroprevalencia.
En resposta a Praza.gal, o Sergas aclara que a decisión será "clínica". "Cada médico de cabecera avaliará particularmente cada caso e, se así o precisa para axustar as medidas de illamento, prevención ou tratamento, poderá pedir unha PCR".
"A abordaxe da pandemia da Covid-19, obriga a estar constantemente actualizando a información que se está trasmitindo en función das novas evidencias e novos protocolos asistenciais", xustifica o Sergas na nova actualización deste pasado luns, á que tivo acceso Praza.gal, tras a remitida o venres 24. Neste caso, non só se incorpora a solicitude de PCR aos positivos "sempre que se cumpra cos criterios establecidos".
A nova versión do protocolo para o estudo de seroprevalencia engade tamén unha guía de interpretación da proba elaborada polo Instituto de Salud Carlos III
Ademais, na nova versión tamén se engade unha guía de interpretación do resultado positivo da proba de anticorpos totais elaborada polo Instituto de Salud Carlos III xunto coa Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (SEIMC) publicada xa o 22 de abril --un día antes do comezo dos tests masivos en Galicia-- e para "un maior esclarecemento da actuación asistencia no casos dos pacientes con positivo".
Tamén se inclúe nesta terceira versión a "estandarización das medidas de protección individual para a realización da toma de mostra por punción dixital".
Xa que logo, e respecto ao proceder no caso de que unha persoa dea positivo, o Sergas engade unha posibilidade ás dúas que establecía ata este pasado luns. No caso de que a persoa tivese síntomas dentro dos 14 días anteriores á proba, Sanidade indica que se debe illar o paciente no seu domicilio e buscar os seus contactos para sometelos a unha corentena. Se os síntomas foron hai 15 días ou máis, non será necesario facer "ningún procedemento adicional" porque a posible infección foi "pasada e curada". Agora, no caso de que dese positivo pero non tivese síntomas ou teña clínica dubidosa, deberá tamén ser illado, ademais de sometido a unha proba PCR.
O Sergas fará probas PCR aos positivos asintomáticos ou con clínica dubidosa e illará aqueles que tivesen síntomas dentro dos 14 días anteriors ao test
Persoal do Sergas encargado da realización das probas pregúntase a que se deben estas mudanzas "de un día a outro" cando o pasado domingo á tarde, tras a rolda de prensa de Feijóo, desde o Sergas aínda se negaba calquera cambio. Critican, ademais, un estudo "mal deseñado" e presentado ás présas pouco antes de iniciarse un estudo cuxo protocolo de actuación xa vai pola terceira versión. "Semella que o propósito fose presentar as conclusións antes que o que leva a cabo o Goberno central", insisten as mesmas fontes.
Ademais, profesionais sanitarios da Atención Primaria auguran a Praza.gal que a porcentaxe de infectados que sairá desa testaxe masiva será "ridícula e mínima". "Arredor do 1%, ben seguro", atrévese a vaticinar unha das enfermeiras encargada de realizar as probas. Ela, como moito outro persoal, engade á escasa fiabilidade do test, que detecta anticorpos totais pero non diferencia, o método empregado polo Sergas, que reduce aínda máis esa fiabilidade.
O sindicato SATSE esixe os tests PCR para todo o persoal sanitario logo de que , segundo denuncia, se detectasen positivos en áreas non Covid dos hospitais
Por outra banda, o sindicato de enfermería SATSE-Galicia esixe os tests PCR para todo o persoal sanitario logo de que, segundo denuncia, se detectasen positivos en áreas non Covid de complexos hospitalarios galegos. O colectivo pide que estas probas se "estendan de forma inmediata a todos os profesionais" do Sergas e pregúntase "por que un hospital é un lugar diferente" a aqueles onde se establecen distancias sociais, normas de confinamento e medidas de protección.