O estudo da Xunta estima que ningunha área sanitaria superou o 2% de poboación co coronavirus

A primeira ondada do estudo de seroprevalencia da Xunta detecta escasas porcentaxes de exposición ao virus CC-BY-NC-SA Praza Pública

Calcaron practicamente o resultado. Persoal sanitario encargado das probas vaticinou nos primeiros días que a porcentaxe de positivos roldaría o 1%. A escasa fiabilidade que lle atribuían aos tests, a ínfima proporción de infectados e a posibilidade de que o virus tivese circulado pouco e en focos moi determinados en Galicia levou mesmo a profesionais a reclamar a paralización do estudo epidemiolóxico do que a Xunta presentou este mércores os datos. Só dunha primeira parte, a que abrangueu finalmente 44.832 persoas dun proceso que pretende chegar a 100.000. 

O estudo do Sergas estima que o 1,15% da poboación pasou o coronavirus, unhas 30.000 persoas, a metade das que estima o estudo do Ministerio de Sanidade

É, finalmente, o 1,15% da poboación galega a que tería pasado xa o coronavirus segundo o estudo de seroprevalencia do Sergas, un punto menos do impacto que advertiu o estudo levado a cabo polo Ministerio de Sanidade, que apuntaba a que o 2,1% da cidadanía galega tivo contacto coa Covid-19, unhas cifras, con todo, moi afastadas da media estatal do 5% e das porcentaxes superiores ao 10% en Madrid e outras provincias interiores da Península. 

A provincia máis afectada polo virus foi a de Ourense, cun 1,88% da poboación infectada. Por cidades, Vigo foi a que sufriu maior impacto, cun 2,08%

Así, serían arredor algo máis de 30.000 persoas (algo máis de 17.000 mulleres e algo máis de 13.000 homes) as que terían sido contaxiadas por coronavirus e estarían --teoricamente-- inmunizadas en Galicia segundo o estudo do Sergas, practicamente a metade das arredor de 60.000 que estimaba o estudo levado a cabo polo Ministerio de Sanidade. En total, e tal e como vaticinaba o persoal sanitario, foron escasos os positivos detectados cos tests masivos: 385 en total de case 45.000.

Os datos feitos públicos polo Sergas insisten na "baixa inmunidade" creada entre a poboación galega, cunha seroprevalencia escasa (0,56%) na franxa de entre 0 e 18 anos (algo máis de 2.000 persoas terían pasado o virus), dun 1,09% entre os 19 e os 64 (sobre 17.000) e algo máis alta, 1,64%, entre os maiores de 65 (unhas 11.000 persoas contaxiadas), unha afectación neste último colectivo tres veces superior á que sofren os menores de idade. 

A porcentaxe de contaxiados é "tan pequena", advertiu Xurxo Hervada, subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, que "non frea o virus". De feito, asegurou que mesmo alcanzando un nivel de seroprevalencia do 3 ou do 5%, a efectividade para deter a difusión da epidemia seguiría a ser insuficiente. 

O impacto do coronavirus non alcanzou nin o 2% da poboación en ningunha das áreas sanitarias de Galicia

Por territorios, a provincia coa maior prevalencia é Ourense, cun 1,88% da poboación afectada, seguida de Pontevedra, co 1,49%; Lugo, co 0,79%; e A Coruña, co 0,77%. Ademais, e en canto ás áreas sanitarias, a de Ourense-Verín-O Barco sería a máis afectada pola pandemia, cun 1,88% de cidadanía afectada, seguida pola de Vigo (1,64), Pontevedra-O Salnés (1,35), Santiago-Barbanza (1,02), Lugo-A Mariña-Monforte (0,79), Ferrol (0,65) e A Coruña-Cee (0,62). Xa que logo, o impacto do coronavirus non alcanzou nin o 2% en ningunha das áreas sanitarias e quedou por baixo do 1% en tres delas. 

O estudo, elaborado entre o 23 de abril e o 8 de maio, dividiuse en 38 comarcas ou grupos de comarcas e as sete urbes. De ter en conta os grandes concellos, destaca o maior impacto que tería a doenza en Vigo, cun 2,08% de afectados, unhas cifras que o Sergas atribúe á "maior densidade de poboación" e a unha "circulación intensa" do virus no inicio da pandemia "facilitada pola mobilidade laboral antes do confinamento". Para Hervada, a "sorpresa", xa que logo, é A Coruña, a segunda cidade de Galicia e cunha altísima densidade poboacional, con só o 0,83% de prevalencia, unicamente por riba de Ferrol (0,4%) e Lugo (0,61%). Ademais, Ourense alcanza o 1,79%, Pontevedra o 1,24% e Santiago o 1,11%.

En canto á afectación comarcal, tal e como se aprecia no mapa que acompaña esta información, destaca o maior impacto que o coronavirus tivo nas zonas que conforman o trazado da autovía das Rías Baixas ou achegadas, como a área de Vigo, Allariz, Viana, Ourense, Carballiño ou Tabeirós. 

Así, e malia que na maioría dos caso se cumpre coa hipótese de que a maior concentración poboación e maior mobilidade, maior incidencia do virus, destacan casos como o de Valdeorras, onde o 3,35% da cidadanía tería tido contacto co virus

Respecto da actividade, tamén é maior a afectación nas persoas que se dedican ao sector servizos (1,54%) que aos que traballan na construción (o,82%) ou na agricultura e a pesca (0,29%), mentres que nos traballadores de servizos esenciais o impacto sobre ao 1,79%.

Prevalencia da covid-19 por comarcas ou agrupacións de concellos, segundo o estudo da Xunta CC-BY-SA Sergas

Por outra banda, o estudo excluíu na elección de persoas para participar na mostra a aquelas ingresadas en centros e residencias sociosanitarias, o que pode diminuír un chisco a estimación da incidencia do virus que achegan as cifras ao ser os espazos con maior afectación da covid. Segundo explicou Jorge Aboal, director xeral de Asistencia Sanitaria, os tests nestes lugares foron obivados porque o obxectivo era coñecer "a circulación do virus en Galicia" e non en lugares pechados. 

Ademais, e en canto á diferenza que os datos deste estudo do Sergas ten respecto do realizado polo Ministerio de Sanidade, o Sergas explica que os obxectivos "eran diferentes", xa que mentres o autonómico céntrase "na circulación do virus nun territorio", o estatal baséase "no seu comportamento na unidade familiar". Esta última característica puido, segundo Hervada, "sobrerrepresentar" algo a afectación da covid nos datos facilitados polo Goberno central que, segundo di e unha vez corrixidos, deberían achegarse aos do informe da Xunta. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.