Os resultados preliminares do estudo Enecovid de seroprevalencia do coronavirus levado a cabo polo Goberno central deitan algo de luz sobre o impacto da Covid-19. As cifras feitas públicas este mércores, e detalladas logo nun informe máis amplo, estiman que un 2,1% da poboación galega tería sufrido a doenza. Esta porcentaxe sitúa Galicia por baixo da media estatal (do 5%) e da incidencia en territorios como Madrid (11,3%), Castilla-La Mancha (10,8%) ou Castilla y León (7,2%), pero tamén con valores máis altos que Murcia (1,4), Asturias (1,8) ou Canarias (1,8).
O estudo do Goberno central estima que o 2,1% da poboación galega pasou o coronavirus, arredor de 56.700 persoas
Así, e tendo en conta as estimacións do estudo, algo máis de 56.700 persoas en Galicia tiveron xa contacto co virus, unha cifra considerable --máis tendo en conta que as probas para detectar anticorpos das que se derivan os datos foron realizadas en pleno confinamento-- pero escasa de situar a inmunidade de grupo como unha estratexia axeitada de cara ao futuro.
Por provincias, en Lugo teríanse contaxiado xa algo máis de 7.000 persoas (un 2,3% da poboación da provincia); en Ourense, unhas 8.500 (2,8%); na Coruña, arredor das 20.000 (1,8%) e en Pontevedra, máis de 21.000 (2,3%). Unhas cifras con escasas diferenzas segundo o territorio, pero moito máis distantes das de outras provincias como Soria (14,2%) ou Cuenca (13,5%).
De cada cen persoas infectadas en Galicia, unha falece; a taxa de letalidade do 1% é idéntica á do conxunto do Estado, segundo o estudo de seroprevalencia
Onde non hai tanta variación, no entanto, é na taxa de letalidade, que se sitúa no conxunto de España en arredor do 1%, a mesma porcentaxe que en Galicia. Xa que logo, e tendo en conta os datos de contaxiados que se tiran do estudo do Goberno central e das cifras medias de falecidos acumulados na altura na que se levaron a cabo as probas, de cada cen persoas infectadas polo virus no país, unha falece.
Se tal e como sinala o estudo, contraeu o coronavirus un 2,1% da poboación galega --unhas 56.700 persoas-- e o número de falecidos acumulados durante a etapa na que se realizaron os tests --entre o 27 de abril e o 11 de maio-- situábase nas 567, as contas son claras.
Galicia, ao contrario do que advertiu Feijóo ao principio da pandemia, non tería a taxa de letalidade máis baixa do Estado, senón unha idéntica á media
As cifras son importantes, tendo en conta que estimacións anteriores falaban dunha mortalidade de entre o 0,5% e o 1% de infectados pola Covid-19. Ademais, e ao contrario do que defendía Feijóo nas primeiras semanas da pandemia, Galicia non estaría entre as comunidades con menor taxa de letalidade, senón nun nivel semellante ao do resto de autonomías e case idéntico á media estatal, aínda que por baixo de Andalucía, Cantabria, Balears, Murcia ou Canarias, con menor porcentaxe de persoas falecidas de entre as contaxiadas.
"Galicia ten a taxa de letalidade máis baixa de todas as comunidades autónomas de España", advertiu varias veces Feijóo a principios de abril, tirando dos datos que reflectían a porcentaxe de falecidos respecto dos contaxiados, pero non tendo en conta as estimacións dun estudo a nivel estatal e homologable en todos os territorios.
Daquela, a Xunta comparaba os datos de infectados comunicados por cada autonomía, pero a dificultade para coñecer esa cifra exacta en cada territorio restaba credibilidade a estatísticas que, no último día nas que foron ofrecidas polo Sergas, situaban Galicia cunha letalidade do 3,9% fronte ao 10,5% da media do Estado.
Con todo, a taxa de letalidade agora estimada do estudo do Ministerio de Sanidade sería algo diferente de ter en conta os últimos datos de exceso de mortalidade difundidos polo Sistema de Monitorización da Mortalidade (Momo), tal e como sinala Carlos Fernández Balseiro, matemático e ex-coordinador do Departamento de Investigación e Predición Numérica de MeteoGalicia. Nese caso, a taxa en Galicia roldaría o 1,2%, fronte ao 1,5% do Estado.
Ademais, segundo os últimos datos feitos públicos pola Xunta, o número de positivos detectados e acumulados desde principio da pandemia en Galicia é de 10.832, cun total de 601 falecidos confirmados polo coronavirus. Con estas cifras, a taxa de letalidade, sen ter en conta estimacións, sería do 5,5%. No conxunto do Estado, extrapolando os mesmos datos, situaríase no 11,9%.