Os casos positivos detectados por coronavirus en Galicia e aínda activos superaron este 1 de abril os 4.000. Fixérono, segundo os datos fornecidos polo Servizo Galego de Saúde, na xornada en que a estatística oficial constata que xa se superou o limiar do centenar de falecementos ligados á covid-19, pero tamén no día en que o ritmo de altas semella acelerar mentres continúa a moderarse o incremento das hospitalizacións, en ritmo descendente dende comezos da semana e que este mércores rexistra, por primeira vez, unha diminución en termos absolutos.
O Sergas contabiliza 4.058 casos activos e 115 falecementos, pero tamén un incremento das altas ata as 259
O rexistro divulgado pola Consellería de Sanidade reflicte este 1 de abril un total de 4.058 casos positivos de coronavirus aínda activos, un incremento diario por baixo do 8% que fai que a senda descendente na detección dure xa tres días malia continuar á alza o número de probas realizadas, que xa son 19.332 -o martes, 31 de marzo, eran 17.276-. Un maior ritmo é o experimentado no incremento de falecementos, que xa son 115, un 22% máis.
Estes números totais danse nun contexto no que a Consellería de Sanidade, ao contrario que en días anteriores, inclúe no seu balance oficial unha comparación da letalidade da covid-19 en Galicia con relación a outras autonomías. Así, tras superar o limiar do cento de persoas falecidas, o Sergas chama a ter en conta que "Galicia ten a taxa de letalidade máis baixa" do Estado segundo os datos coñecidos, un 2,32% fronte "á media do Estado, que é dun 8,86% [9 gráficos para coñecer a evolución da epidemia e a situación dos hospitais en Galicia]
Primeiro descenso nas hospitalizacións
Mentres Sanidade confirma que se dispón a abrir senllos hospitais de campaña na Coruña e Santiago sen "descartar" un terceiro en Vigo, a información diaria do Sergas sobre pandemia trae consigo este 1 de abril un novo descenso no ritmo de persoas hospitalizadas que precisan atención en unidades de coidados intensivos e, por primeira vez dende o inicio da crise sanitaria, un descenso global das persoas ingresadas. Mentres, as altas aumentan un 38% e xa son 259, 72 máis que o día anterior.
Así, sempre segundo o Sergas, as persoas que precisan de asistencia en UCI por mor do coronavirus chegan a 157, un aumento do 6,80% que supón acumular oito días de moderación do ritmo de entradas nestas unidades. Ademais, din os datos, as persoas hospitalizadas en unidades ordinarias son 807, isto é, 15 menos que na xornada previa, un descenso do 1,82%.
Esta variación implica que o peso das persoas que deron positivo en coronavirus e son tratadas en illamento domiciliario aumente sobre o total. Por primeira vez, superan as tres mil e chegan a 3.094 e supoñen o 76% do total. [9 gráficos para coñecer a evolución da epidemia e a situación dos hospitais en Galicia]
As áreas de Vigo e da Coruña achéganse aos mil casos
Por áreas sanitarias, os datos fornecidos polo Sergas este 1 de abril acreditan que as contornas das dúas meirandes cidades do país están a piques de superar os 1.000 casos detectados de coronavirus e aínda activos. Un día máis, a área de Vigo é a que máis positivos ten, con 955, seguida moi de preto pola coruñesa, con 906.
Tanto Santiago como Ourense aproxímanse aos 600 casos e en Lugo a área achégase ao medio milleiro. A maior distancia están as áreas de Pontevedra e Ferrol, con 382 e 219 casos detectados, respectivamente.