Unha carreira de fondo que transita por un val con pequenas costas e que albisca novas subas no horizonte. Os datos de impacto do coronavirus en Galicia actualizados este 14 de maio polo Ministerio de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde -a fonte é en ambos casos a Consellería de Sanidade, pero a Xunta segue sen divulgar toda as cifras que transmite ao Estado- reflicten que unha xornada despois de rexistrar o menor número de casos novos nun día dende o inicio da pandemia, este indicador volve aumentar un chisco, pero sen dispararse, no día en que o país cruza a barreira das 600 vítimas mortais.
Aos 16 novos diagnósticos da covid-19 detectados mediante probas PCR engádese o reporte de 34 positivos en test de anticorpos
Os partes deste 14 de maio indican que nas últimas vinte e catro horas foron abrollaron en Galicia 16 novos diagnósticos da covid-19 detectados mediante probas PCR, as máis precisas e cuxa cantidade volve remontar tras tocar fondo hai dous días. Foron 1.759 as realizadas na última xornada, informa o Sergas, aínda lonxe das máis de 3.000 diarias de finais de abril. O total chega ás 120.424 nun día en que a Xunta tamén reportou ao Estado outros 34 casos positivos mediante test de anticorpos, que non teñen por que ser da última xornada e son menos precisos. [Un doutor que asesora á Xunta prevé "un pequeno rebrote" do coronavirus en xuño e outro "máis duro" contra a fin de xullo]
A información do Ministerio, que a Xunta manexa pero non divulga malia mencionala parcialmente nos informes sanitarios sobre a data electoral, indica que o enlentecemento da pandemia nos últimos días permite que a incidencia acumulada -novos casos por cada 100.000 habitantes- nas últimas dúas semanas siga por segundo día consecutivo por baixo da media estatal tras superala a pasada semana. Ese indicador está agora en Galicia nos 22,97 casos e o estatal, en 24,52. [A Xunta revela datos do coronavirus non comunicados ata agora na súa defensa da convocatoria electoral no verán]
A Xunta segue manexando os "positivos activos" como principal indicador; quedan en 2.074 tras diminuír en 105 mentres. As persoas falecidas xa son 601 tras certificarse catro mortes máis
O indicador de referencia nas publicacións da Xunta segue sendo o dos "positivos activos", sen detallar diagnósticos novos nin o seu método de obtención. Este valor está agora nos 2.074. Son 105 menos que un día antes -un descenso do 4,82%- e segue descendendo menos do que soben o que o Ministerio reflicte como infeccións "resoltas" -porque inclúen negativos en test de anticorpos de persoas que non chegaron a desenvolver un "momento de enfermidade"- e o Sergas, como "curados". Ese indicador de recuperacións chega ás 8.157 persoas, son 161 máis que o día anterior.
No quinto día sen falecementos de persoas infectadas pola covid-19 que vivisen en residencias de maiores, o número total de vítimas mortais da pandemia en Galicia segue aumentado a menor ritmo que en semanas previas e sobe en catro, o maior incremento nunha semana. O total de falecementos chega polo momento aos 601, segundo os datos oficiais. Delas, 269 persoas viviran en centros de maiores e persoas dependentes.
Dez novas hospitalizacións, 22 menos en total
Para observar a evolución do impacto da pandemia nos hospitais galegos cómpre seguir acudindo ao Ministerio e ao Sergas para obter unha imaxe máis precisa dos feitos. Así, o dato estatal -que a Xunta fornece ao Goberno de España, pero non publica- indica que nas últimas vinte e catro horas se rexistraron en Galicia 10 novas hospitalizacións a causa do coronavirus, ningunha delas en coidados intensivos.
Ningunha das dez novas hospitalizacións foi na UCI
Mentres, o Sergas segue ofrecendo a foto fixa da ocupación hospitalaria a causa da covid-19, sen datos acumulados nin especificacións de casos novos. Así, Sanidade indica que o total de persoas hospitalizadas a causa do coronavirus son agora 144, vinte e dúas menos. Delas, 21 están na UCI -unha menos que o día anterior- e outras 123, en unidades ordinarias -en planta-, o que supón unha diminución de 19. Estes datos non implican necesariamente que todas estas diminucións se deban a altas hospitalarias, xa que o protocolo vixente estipula que se unha persoa ingresada pola covid-19 pasa a dar negativo nun test, desaparece da lista aínda que siga hospitalizada.
Mentres, as persoas illadas a domicilio con test positivo de coronavirus son agora 1.930, segundo o Sergas. Supón unha diminución do 4,12% e inclúe 132 persoas residentes de centros de maiores, o mesmo número que o día anterior.
Redución de positivos activos en Vigo tras a forte suba da pasada semana
Por áreas sanitarias segue sen existir a referencia do dato estatal e a Xunta, aínda que dispón do indicador, non especifica o número de diagnósticos novos e a súa distribución territorial, ficando só como indicador os "positivos activos". Algo máis da metade da devandita redución de 105 positivos activos das últimas vinte e catro horas concéntrase na área sanitaria de Vigo, con 53 menos, compensando en boa medida a forte suba da pasada semana -debérase, segundo aclarou o Sergas ao Faro de Vigo, á incorporación dun golpe dos resultados de varios días de test de anticorpos a persoal sanitario-.
A área de Ourense segue sendo a que rexistra maior incidencia e a única con máis de 100 casos activos por cada 100.000 habitantes
As seguintes reducións máis intensas de positivos activos son as indicadas para a área sanitaria da Coruña -16 menos- e as de Ourense e Santiago -12 menos-. A maior incidencia -positivos activos por cada 100.000 habitantes- segue en calquera caso na área ourensá, a única por riba de 100. O dato ourensán tamén destaca na información que a Xunta non fai pública nos seus partes diarios pero que si reflicte nos informes que manexa para defender a convocatoria das eleccións no mes de xullo.