Unha ínfima porcentaxe da poboación galega pasou xa o coronavirus e tería desenvolvido inmunidade á Covid-19, segundo as primarias fases dos estudos de seroprevalencia do Goberno central e do Sergas adiantados este mércores. Mentres a Xunta adianta que as cifras do seu estudo indican que arredor dun 1% da cidadanía foi infectada, o Ministerio de Sanidade sitúa entre o 1,8% da provincia da Coruña e o 2,8% da de Ourense a afectación en Galicia do virus.
O estudo da Xunta apunta a que só un 1% da cidadanía galega foi infectada, mentres que o do Estado varía entre o 1,8% da Coruña e o 2,8% de Ourense
Persoal sanitario encargado das probas do estudo encargado pola Xunta xa vaticinou no seu inicio que o resultado sería de "arredor do 1% de positivos", ante a escasa fiabilidade que lle presupoñía. A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec), pola súa banda, instou directamente o Sergas a que o paralizase ao considerar que o resultado final non ía variar. Feijóo, o pasado venres, abría a porta a suspendelo logo de dar por concluída a primeira vaga, con case 51.000 tests e ante a ínfima cantidade de positivos detectados. Este mércores, o presidente da Xunta aseguraba que o avance de datos provisionais desta primeira parte do estudo permitía "chegar a unha conclusión: Galicia contivo máis o virus e a poboación galega afectada sitúase na contorna do 1%".
Así o aseguraba, tirando destas cifras provisionais que xa advertira que ía "cruzar" coas máis de 5.000 probas encargadas polo Ministerio de Sanidade en Galicia no seu estudo epidemiolóxico estatal para comprobar se houbo "disfuncións" no do Sergas e dado que o do Goberno central usaba tests máis fiables, de dobre banda e con extracción sanguínea.
En Galicia, e tendo en conta estas estimacións do estudo do Ministerio, serían unhas 60.000 persoas as que tiveron contacto co coronavirus
Os resultados de ambos estudos para Galicia indican escasa afectación pero con diferenzas. Mentres a Xunta indica unha porcentaxe de cidadanía que desenvolveu anticorpos é de arredor do 1%, o Goberno central adianta que a porcentaxe se eleva ao 1,8% na provincia da Coruña, un 2,3% na de Lugo, ao igual que na de Pontevedra, e un 2,8% en Ourense, segundo as cifras derivadas da primeira fase levada a cabo polo Ministerio de Sanidade e o Instituto de Saúde Carlos III, presentado este mércores.
Galicia é, xa que logo, un dos territorios con menor afectación do virus. No conxunto do Estado, sería tan só un 5% da poboación a que pasou xa a doenza, unha estimación que supón que sobre 2,3 millóns de persoas superou o coronavirus. Con todo, as diferenzas son importantes por territorios, xa que a Comunidad de Madrid ou outras provincias achegadas superan o 11%, fronte ao menos do 2% en provincias como Asturias, A Coruña ou Murcia.
En Galicia, e tendo en conta estas estimacións do estudo do Ministerio, serían unhas 60.000 persoas as que tiveron contacto co coronavirus.
Segundo o ministro de Sanidade, Salvador Illa, os resultados do estudo de serprevalencia non suporá cambios no proceso de desescalada previsto, máis alá de ter en conta a situación da epidemia en cada unidade territorial.