A Consellería de Sanidade rematou este venres a primeira parte do estudo de seroprevalencia iniciado o pasado 23 de abril e co que pretende trazar un mapa epidemiolóxico do coronavirus en Galicia. Case 51.000 foron as probas --50.925 en concreto-- levadas a cabo nesta primeira vaga dun proceso que abranguerá máis de 100.000 persoas e que ergueu moitas dúbidas pola ínfima cantidade de positivos detectados entre a cidadanía. Persoal sanitario encargado deste traballo e médicos da Atención Primaria advertiron da escasa fiabilidade dos tests.
Case 52.000 persoas foron sometidas aos tests para esta primeira fase do estudo de seroprevalencia do Sergas
Segundo aclara a Consellería de Sanidade, os resultados desta primeira vaga serán analizados "nos vindeiros días" polo Instituto Galego de Estatística (IGE) "para a obtención da información precisa por áreas territoriais e grandes núcleos poboacionais". En total, foron contactadas máis de 61.000 persoas para lograr finalmente esas case 51.000 probas na mostra inicial, na que o número de mulleres supón o 49,19% e o dos homes, o 50,81%. En canto á idade, os menores de 19 anos son o 15,84%; entre os 20 e os 64 anos son o 58,59%, e os maiores de 65 anos on o 25,28% do total.
Á espera dos resultados, persoal sanitario encargado das probas xa vaticinou no inicio do estudo que sería de "arredor do 1% de positivos" e ante a escasa fiabilidade que lle presupoñen aos tests. Outros profesionais inclínanse pola posibilidade de que o virus circulase pouco en Galicia e que se concentrase, sobre todo, en focos moi determinados que non están a ser analizados en detalle.
Médicos de familia piden que se paralice o estudo ante a ínfima porcentaxe de positivos, que non vai mudar xa; persoal sanitario dubida da fiabilidade dos tests
Ademais, a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) instou directamente o Sergas a que paralizase a realización do estudo ao considerar que o resultado final non vai mudar, sendo ata agora dese 1% aproximado de positivos. Pola contra, quéixanse de que as probas "sobrecargan" de maneira importante o traballo nos centros de saúde, tras lamentar que sigan facéndose estes tests mentres os equipos de Atención Primaria non poden realizalos a doentes sospeitosos de covid-19 que están nas súas casas ou mentres aínda hai persoal sanitario --Feijóo anunciou que en dúas semanas testaríanse todos os profesionais do Sergas-- sen ter acceso ás probas.
En declaracións a Europa Press, representantes de varios colexios médicos de Galicia advertiron mesmo de que os tests "deron negativo en xente qeu pasou o virus". E advirten, como Manuel Rodríguez Piñeiro, vicepresidente do colexio ponteved´res, que só hai dúas opcións: "Ou se están facendo mal a toma ou os tests non valen". "Non ten sentido ningún esta porcentaxe tan alta de negativos; a fiabilidade deste estudo non vai ser ningunha", insistiu. "Un 40% dos positivos vaise escapar", advertían desde a entidade da provincia de Ourense.
Os resultados do estudo en varios centros de saúde urbanos, de vilas medias e do rural consultados por Praza.gal sitúanse entre o 0,1% e o 0,83% de positivos
Rematada a primeira vaga do estudo, e tras as consultas feitas por Praza.gal, nun centro de saúde dun barrio dunha gran cidade galega, a porcentaxe de positivos non acadara o 0,6% ao detectarse tan só u n (0,57%).. Noutro ambulatorio, situado nunha vila media da área metropolitana desa mesma urbe, a cifra sobe ao 0,76%, mentres que noutro do mesmo Concello queda no 0,83%. En ambos casos tamén cun único positivo. Noutras localidades, máis rurais e menos poboadas, profesionais do Sergas informan de porcentaxes aínda menores, mesmo do 0,1%.
Malia todo, para Feijóo, tal e como asegurou na súa comparecencia na Deputación Permanente, os resultados acabarán por confirmar "que en Galicia o virus circulou menos", o que ten a parte "boa" de que "moita xente se librou da enfermidade", e a "mala" de que o país está "máis exposto" aos posibles rebrotes.
Preguntado pola suposta escasa fiabilidade dos tests, o conselleiro de Sanidade, Jesús Imaxe close delete_forever swap_vert Vázquez Almuíña, asegurou o pasado mércores que este tipo de probas "é certo que no mercado levan moi pouco tempo", polo que "hai que seguir validándoos", do mesmo xeito que hai que conseguir "unha forma clara de utilización". Aínda así, entende que son válidos para un estudo epidemiolóxico coma este que, con todo, será combinado co que o Ministerio de Sanidad está facendo en todo o Estado, coa súa parte en Galicia, cuxas persoas serán tamén analizadas para o do Sergas.
"Os resultados do estudo terán que adaptarse á sensibilidade que mostre a proba", admite o conselleiro de Sanidade
"Ao final do estudo teremos todos os resultados, que terán que adaptarse á sensibilidade que mostre a proba", admitiu Almuíña.
Desde o Sergas aclárase que o estudo "permitirá ter unha visión máis nítida e ampla do Covid-19 en Galicia, repercutindo, dun xeito beneficioso, en toda a poboación, xa que os resultados do traballo, permitirán acadar un coñecemento profundo da epidemia". Os resultados, engade, "posibilitarán adoptar as medidas sanitarias máis axeitadas". Dará opción, aclara, a "coñecer a súa incidencia de acordo as variables de sexo, idade, área territorial; poder programar ordenadamente o regreso á normalidade dos sectores produtivos e, sobre todo, poder anticiparse perante á posibilidade de novos contaxios potenciais".
Segundo explica Sanidade, estes tests de anticorpos totais utilizados para o estudo "teñen o aval do Centro Nacional de Microbioloxia e do Instituto de Saúde Carlos III do Ministerio de Sanidade". Ademais, di, a Organización Mundial da Saúde "recomenda este tipo de test rápidos so para estudos poboacionais e, en xeral, descártanos para o diagnóstico, coincidindo coa conclusión da Comisión de Expertos da Xunta do pasado 8 de abril".
Plan de reactivación na Atención Primaria
Por outra banda, Feijóo avanzou este venres na rolda de prensa tras o Consello da Xunta o plan de reactivación asistencial da Atención Primaria que "optimizará o funcionamento dos centros e garantirá a seguridade dos profesionais e doentes". Segundo dixo, estará estruturado en varias fases que se desenvolverán de xeito progresivo desde agora e ata o mes de xuño.
Segundo Feijóo, cada centro sanitario procurará contar con "dous circuítos diferenciados: un destinados aos pacientes covid e outro para o resto de doenzas". Ademais, pediu a colaboración dos pacientes e agradeceu o labor do persoal sanitario e non sanitario que traballa nos centros de saúde e nos puntos de atención continuada.