A Xunta revela datos do coronavirus non comunicados ata agora na súa defensa da convocatoria electoral no verán

Os informes de Saúde Pública manexados pola Xunta para convocar as eleccións inclúen parte da serie histórica da covid-19 que o Goberno galego evita divulgar CC-BY-NC-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Este mércores o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a súa intención de convocar as eleccións ao Parlamento galego no mes de xullo. Fíxoo aludindo a unha serie de informes sanitarios que manexa o Goberno galego que analizan o estado actual da pandemia e as posibilidades de evolución futura e argumentando que fronte á actual mellora da situación, cabe a posibilidade de que nos meses seguintes se produzan rebrotes da enfermidade.

Algúns dos datos incluídos nos informes ata agora non viñan sendo difundidos pola Xunta e permiten coñecer mellor o estado da epidemia no país

Nos informes sanitarios difundidos pola Xunta para apoiar a súa intención de convocar os comicios este verán, inclúense un gran número indicadores epidemiolóxicos manexados polo Goberno galego. Nalgúns casos, trátase de datos que ata agora non viñan sendo difundidos pola Xunta e que permiten coñecer mellor o estado da epidemia no país. Galicia é unha das comunidades autónomas que está a ofrecer a información relacionada co coronavirus con máis opacidade.

Un deles é o da taxa de incidencia da enfermidade en cada área sanitaria, é dicir, o número de casos novos por cada 100.000 habitantes detectados cada día. Ata agora coñecíamos unicamente a incidencia acumulada total en Galicia, un indicador que a diario difunde o Ministerio de Sanidade a través da información que lle vai proporcionando a Xunta.

No informe sanitario asinado por Xurxo Hervada (subdirector xeral de Información sobre a Saúde e Epidemioloxía) e Andrés Paz-Ares Rodríguez (director xeral de Saúde Pública) atopamos a incidencia en cada área sanitaria nos últimos 3 días, 7 días e 14 días. Iso si, referida unicamente a "transmisión comunitaria", é dicir, excluíndo os contaxios que se produciron entre o persoal sanitario do Sergas e as persoas internas nas residencias socio-sanitarias. Ademais, recóllense unicamente os positivos detectados por PCR e non por tests de anticorpos e outras "probas rápidas". [Un doutor que asesora á Xunta prevé "un pequeno rebrote" do coronavirus en xuño e outro "máis duro" contra a fin de xullo]

Os datos revelados pola Xunta amosan que Ourense e a área sanitaria que se atopa nunha peor situación, seguida das áreas sanitarias da Coruña-Cee e de Vigo. E, pola contra, amosan que nas áreas sanitarias de Lugo-A Mariña-Monforte e Pontevedra-Salnés practicamente non están detectando casos novos nas últimas dúas semanas. 

Ourense e a área sanitaria que se atopa nunha peor situación, seguida das áreas sanitarias da Coruña-Cee e de Vigo

Mentres que a incidencia total en Galicia (de transmisións comunitarias) é de 12 casos por cada 100.000 habitantes en 14 días, en Ourense a taxa é máis do dobre (24,70). A Coruña (18,97) tamén está por riba da media, na que se sitúa Vigo (12,53). As restantes áreas están moi por debaixo: Santiago (9,85), Ferrol (7,41), Pontevedra (2,61) e Lugo (2,43). 

De feito, en toda a provincia de Lugo non se detectara un só caso de coronavirus nos tres días anteriores e apenas houbera un positivo na semana precedente. Pontevedra, con só dous casos en tres días presenta igualmente unha situación moi favorable. Pola contra, neses mesmos tres días houbo ao redor de 21 casos na Coruña, 11 en Vigo e 4 en Ourense.

Nas últimas dúas semanas practicamente dous de cada tres casos novos de coronavirus corresponderon a persoal sanitario do Sergas ou a persoas internas en residencias socio-sanitarias

Os datos do informe tamén revelan que nas últimas dúas semanas practicamente dous de cada tres casos novos de coronavirus corresponderon a persoal sanitario do Sergas ou a persoas internas en residencias socio-sanitarias. En concreto, entre o 30 de abril e o 11 de maio detectáronse un total de 605 positivos por proba PCR e deles 365 corresponderon a estes dous colectivos (o 60%) e só 240 foron "transmisións comunitarias". 

Esa proporción, que coincide cos datos que o Sergas confirmara a pasada semana, repítese nos datos da incidencia acumulada, que o 11 de maio se situaba ao redor de 30 casos por cada 100.000 habitantes (en 14 días) para o coxunto de Galicia, e que excluíndo persoal sanitario e persoas internas en residencias fica en 12 casos, o 40%.

264 concellos sen positivos na última semana

Outro dos datos presentes neste informe refírese ao número de concellos nos que non se detectaron novos casos de coronavirus nos días precedentes. En concreto, nos tres días anteriores ao 11 de maio, nun total de 291 concellos (nos que viven 1,7 millóns de galegos) non houbera positivos nas probas PCR. Entre eles están os 67 concellos da provincia de Lugo e 88 dos 92 da provincia de Ourense. Nos 22 termos municipais restantes (cunha poboación próxima ao millón de habitantes) si houbo algún caso. 

Nos tres días anteriores ao 11 de maio, nun total de 291 concellos (nos que viven 1,7 millóns de galegos) non houbera positivos nas probas PCR. Entre eles están os 67 concellos da provincia de Lugo e 88 dos 92 da provincia de Ourense

Se ampliamos a análise aos 7 días precedentes o número de localidades sen casos segue a ser moi importante, un total de 264 (1,37 millóns de habitantes). E tamén o é se abranguemos os 14 días anteriores (229 concellos). O informe revela que existen 145 localidades nas que en 28 días non se rexistrou ningún caso de coronavirus.

Nas últimas dúas semanas foron varias as ocasións en que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo empregou estes datos para defender o paso de Galicia á Fase 1 do desconfinamento, para reclamar a liberdade de movementos en toda a comunidade autónoma ou para apuntar a conveniencia de celebrar as eleccións "axiña". Porén, ata agora o Goberno galego non os fixera públicos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.