Só un terzo dos positivos por coronavirus activos este 7 de maio en Galicia non tiña relación directa con centros sanitarios ou residencias de maiores. É a conclusión que cabe tirar ao combinar os datos dispersos que, ao longo da xornada, diferentes departamentos do Goberno galego ofreceron, verbalmente ou por escrito, da situación da pandemia no país, segundo os cales máis da metade deses positivos activos son de persoal sanitario ou de persoas que traballan en residencias de maiores e dependentes.
A información a respecto da evolución dos contaxios entre o persoal sanitario, especialmente exposto á covid-19, non consta nas cifras que o Servizo Galego de Saúde divulga cada día sobre a pandemia á prensa e á cidadanía en xeral. Tampouco nos informes diarios que distribúe o Ministerio de Sanidade, construídos cos datos remitidos polas comunidades autónomas e que, no caso galego, fan públicos indicadores clave sobre o coronavirus en Galicia que a Xunta transmite ao Estado, pero non fai públicos.
Os positivos activos por coronavirus entre persoal sanitario son un total de 1.162 e outros 546 xa "están dados de alta", segundo ratifica Sanidade ao fío do dato aludido por Feijóo no Parlamento
Pero este dato si o mencionou verbalmente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na súa comparecencia na Deputación Permanente do Parlamento. "Seguiremos tentando garantir a máxima seguridade dos profesionais dos centros de saúde, dos hospitais e das residencias", sinalou Feijóo antes de indicar que "xa o fixemos a través de probas a estes traballadores", entre os que "detectamos 1.708 casos positivos, dos que afortunadamente, case o 32% están dados de alta", indicou, antes de asegurar que a Xunta prevé facer probas -mediante test de anticorpos- a todo este persoal.
Preguntada ao respecto por Praza.gal, a Consellería de Sanidade ratifica a cifra aludida por Feijóo e confirma que se refire unicamente a persoal sanitario. Daquela, con data de 7 de maio os positivos activos pola covid-19 entre este persoal ascendían a 1.162 persoas, mentres que outras 546 tamén padeceran a doenza, pero xa deron negativo nalgún test. Esa é a vía, segundo o protocolo vixente, pola que calquera persoa que dese positivo anteriormente pasa a desaparecer do cómputo de "positivos activos" e engrosa o de "curacións", no caso do Sergas, ou de "infeccións resoltas", no caso do Ministerio.
Tendo en conta os 262 positivos de persoal de centros de maiores e outros 417 de residentes, só un terzo dos positivos activos por covid-19 que contabiliza o Sergas son de persoas alleas a centros sanitarios e de maiores
Neste cómputo de 1.162 integrantes do cadro de persoal dos servizos sanitarios galegos con positivos activos por coronavirus non se inclúen, daquela, os 262 positivos que, segundo o Sergas, permanecían activos este 7 de maio entre o persoal das residencias de maiores e dependentes. Destes centros, segundo a Consellería de Sanidade, contabilizábanse nesa mesma xornada 417 residentes con positivos activos -340 deles, nas propias residencias e os restantes, nas residencias "integradas" habilitados para persoas anciás contaxiadas ou nos hospitais-.
Deste xeito, tendo en conta o novo cómputo de "positivos activos" do Sergas, afectado pola distorsión que a pasada semana trouxo consigo a introdución de máis de 3.000 "curacións" dun golpe sen referencia temporal, na actualidade o 42% dos positivos activos son de persoal sanitario e outro 10%, de persoal das residencias. A este persoal engádese o 15% que supoñen as infeccións de persoas residentes en centros de maiores -a Xunta vén reiterando nos últimos días que os positivos son menos do 2% do total de residentes-.
Daquela, apenas un terzo dos 2.747 positivos activos que o Sergas contabilizaba este 7 de maio, un total de 906 persoas, son pacientes alleos ao cadro de persoal dos centros sanitarios e mais ás residencias de maiores. Os restantes dous terzos están compostos na actualidade por persoas que traballan nestes servizos sanitarios e sociais e por persoas que residen en centros de maiores e dependentes.