Feijóo amosou o seu moderado optimismo e considera que a "fase crítica" da pandemia "xa está pasando". O presidente da Xunta compareceu ante a Deputación Permanente e asegurou que Galicia cumpre todos os requisitos do Goberno central para pasar o vindeiro luns á fase 1 e advertiu de que "en 214 concellos non se rexistran casos desde hai tres días, en 169 desde hai sete e en 118 dende hai 14 días".
Feijóo considera que "a fase crítica xa está pasando" e reclama a "cogobernanza" entre Estado e autonomía para o desconfinamento
Feijóo insistiu en que a área sanitaria e non a provincia sexa a unidade de referencia para continuar co desconfinamento, propuxo que nos posibles rebrotes se poidan confinar ámbitos máis pequenos, como concellos ou distritos sanitarios, e volveu reclamar a "cogobernanza" entre Estado e autonomías para esta desescalada. Todo entre múltiples reproches ao Executivo de Sánchez, ao que acusou de provocar "confusión", de "torpeza" e de tomar decisións "inxustas" ou "indefendibles".
Entre o "indefendible", Feijóo referiuse ás cifras achegadas polo Goberno central sobre o impacto da epidemia. Segundo o presidente da Xunta, e malia que o Estado achega os datos fornecidos polas comunidades autónomas, o Executivo non ofrece "a mellor información posible" e acúsao de "cambiar o criterio para contabilizar os falecidos e os infectados" ou de que "non exista unha serie histórica" sobre a evolución da pandemia en España. Esa serie en realidade si existe e é pública a través do Instituto de Salud Carlos III do Ministerio de Ciencia, aínda que está construída cos datos das autonomías e non está completa. "É indefendible porque non se permite analizar nada e estes dous últimos meses é o único que temos", dixo.
Feijóo acusa o Goberno central de crear "confusión" cos datos da pandemia malia que a Xunta modificou varias veces a información e rachou a serie histórica
Feijóo cargou contra a transmisión dos datos malia que o Goberno central está a divulgar cifras da evolución do coronavirus en Galicia transmitidas pola Xunta pero non feitas públicas, especialmente dende a mudanza na presentación dos datos introducida esta semana polo Ministerio. Tamén advertiu da falta dunha serie histórica a pesar de que desde San Caetano non se contempla publicar unha estatística completa de ámbito galego que corrixa as distorsións dos últimos días: primeiro, a suma de 3.552 "curacións" sen referencia temporal que rachou a estatística de referencia no país e despois, a aparición de outras 180 recuperacións que, xunto coa adaptación aos criterios estatais sen actualizar as cifras previas, acabaron por invalidar o groso da serie.
"A xente non merece confusión senón claridade", insistiu Feijóo, que dixo que se vía obrigado a recorrer a medios "como El País ou La Voz de Galicia" para coñecer os datos dos falecidos nas residencias no conxunto de España.
O presidente da Xunta vestiu desta vez o traxe autonomista para insistir na "cogobernanza" xunto ao Estado na desescalada porque "non pode gobernarse o conxunto das comunidades mirando o que ocorre no centro da capital do Estado". Pediu o papel que "lles corresponde" ás autonomías e volveu acusar o Executivo de Sánchez de que as limitacións horarias para as saídas se apliquen tamén en núcleos de poboación pequenos, malia que Asturias puido esquivar esa medida a través dunha petición que non chegou a formalizar o Goberno galego. "España non é uniforme", teimou.
Feijóo propón acoutar "microzonas" como concellos ou distritos sanitarios no caso de rebrote para "esquivar as restricións en grandes áreas"
Respecto ao plan, que considera "inacabado", para ese desconfinamento, Feijóo pediu máis concreción, mesmo nas datas, e insistiu en que "se permita a mobilidade en todo o territorio de Galicia" na fase 1 se todas as áreas están na mesma fase epidemiolóxica. Logo, dixo, a Xunta podería acoutar zonas máis pequenas, desde concellos a distritos ou áreas, no caso de haber un rebrote.
"Trátase de desactivar axilmente microzonas para esquivar as restricións en grandes áreas, porque estas teñen grandes consecuencias laborais e sociais", dixo Feijóo.
Entre as múltiples críticas, o presidente da Xunta tamén se queixou da falta de concreción nos indicadores para pasar ás distintas fases, da mala comunicación ou da "improvisación" e "cambios de criterio" nos protocolos de seguridade. En canto ao estado de alarma, volveu amosar dúbidas e pediu que se especifique "durante canto tempo e en que condicións" se vai "estirar". Así, optou por outros mecanismos e cualificou de "inaceptable que se subestime a responsabilidade dos cidadáns".
Na confrontación coa oposición, Feijóo foi máis alá. Xustificou non ter un plan de desescalada a nivel galego no "impedimento" provocado "polo estado de alarma que algúns defenden fervorosamente". Ademais, presumiu da "anticipación" e do bo facer da Xunta e renegou mesmo do comité de expertos que asesora ao Goberno central. "Non é o meu comité clínico". Así, preguntou a Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, se o seu modelo era o da "estampida da Comunidade de Madrid cara á Galicia".
Desde a oposición, todos os grupos políticos criticaron a "propaganda" de Feijóo e censuraron o que consideran "uso partidista" da TVG en favor da súa figura e do seu Goberno. Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, acusouno de "pór a estratexia do PP por riba dos intereses dos galegos" por opoñerse á prórroga do estado de alarma" e lembrou a importancia das "prestacións sociais" do Estado.
A oposición censura a "propaganda" de Feijóo e o "uso partidista" da TVG; o presidente da Xunta nega calquera recorte na sanidade pública
Desde o Grupo Común da Esquerda, o seu voceiro, Antón Sánchez, lamentou que Feijóo falase de "ocultación de datos" mentres, ao seu parecer, a Xunta "manipula datos á súa comenencia". Ademais, lembroulle que o PP foi "o único partido" que non presentou no Congreso unha alternativa ao estado de alarma ou que Galicia "é unha das poucas autonomías sen axudas directas aos autónomos". Ana Pontón, portavoz do BNG, reclamou tamen máis medidas de apoio económico social, propuxo un "gran pacto" para a reconstrución e acusou o presidente de "precipitarse" porque iso pode provocar "que a recuperación da normalidade se faga máis tarde".
Todos os grupos da oposición lembráronlle a Feijóo, mesmo con datos do IGE, os recortes en persoal sanitario, camas hospitalarias ou recursos para o sistema sanitario público, cifras que Feijóo negou acusando aos partidos políticos de "mentir".