"Asistimos aos inicios da crise social máis importante en décadas. O freo dos ingresos en moitos miles de fogares está a xerar unha situación de emerxencia que deixa a moitas familias sen poderen cubrir necesidades básicas". A ONG Igaxes, centrada na atención á infancia e a xuventude en situación vulnerable, presentou este mércores un informe "urxente", que amosa o impacto da crise sanitaria nas crianzas e mocidade en Galicia.
A ONG Igaxes presentou este mércores un informe "urxente", que amosa o impacto da crise sanitaria nas crianzas e mocidade en Galicia
O documento, baixo o título de Do confinamento á exclusión, foi realizado nas ultimas semanas a partir da consulta á mocidade e ás familias coas que a entidade traballa nos seus diferentes programas de atención directa. Nesa consulta participaron un total de 123 nais e pais de 80 familias diferentes e, ademais, 436 mozas e mozos entre 16 e 29 anos.
A entidade alerta de que se multiplican as solicitudes de axuda aos servizos sociais municipais e ONGs e medra cada día o número de persoas que gardan fila ás portas dos centros de reparto de alimentos. "Situacións que criamos superadas reaparecen con forza: a alimentación e as necesidades máis básicas non están aseguradas en miles de fogares", salienta Carlos Rosón, director de Igaxes, que fai un chamamento a "buscar novas maneiras de loitar contra vellos problemas e propoñer e esixir políticas apropiadas que dean resposta a esas situacións".
"Situacións que criamos superadas reaparecen con forza: a alimentación e as necesidades máis básicas non están aseguradas en miles de fogares"
Toda a poboación analizada atopábase xa en risco de pobreza ou exclusión antes do estado de alarma. De feito a ONG lembra que mesmo antes desta crise un de cada cinco nenos, nenas e adolescentes de Galicia vivían nun fogar pobre, un total de 80.000 crianzas e mozos e mozas.
Porén, ata hai dous meses o 74% das nais e pais con crianzas consultados estaban empregados, e hoxe só o 43% seguen traballando e o 18% están afectados por ERTE. Tendo en conta que a meirande parte delas carecían de aforros, a perda do emprego ou os ERTE lévaos a afrontar os gastos diarios só con prestacións e axudas. Se antes chegaban a fin de mes con dificultades, agora deben facelo cun 30% menos de ingresos, no mellor dos casos, destaca o informe, que engade que por sectores, o maior impacto concéntranse nos servizos non esenciais máis orientados ao consumo: hostalería e comercio. Ademais, 6 de cada 10 fogares en situación ou risco de pobreza onde viven menores ven agravada ou moi agravada a súa situación, que xa era precaria.
Ata hai dous meses o 74% das nais e pais con crianzas consultados estaban empregados, e hoxe só o 43% seguen traballando e o 18% están afectados por ERTE
O informe subliña igualmente que os efectos da destrución de emprego están a ter un peso maior sobre as mulleres, que xa partían dunha taxa de inserción sete puntos inferior á dos homes. O estudo revela que unha de cada dúas traballadoras viu alterada a súa situación laboral nesta crise. "O risco de empobrecemento é, polo tanto, superior entre as mulleres. E a vulnerabilidade é aínda máis acusada no caso das nais soas con fillos/as a cargo", destaca Igaxes.
"O risco de empobrecemento é, polo tanto, superior entre as mulleres. E a vulnerabilidade é aínda máis acusada no caso das nais soas con fillos/as a cargo"
Segundo datos da Rede Galega contra a Pobreza, un 47% das familias con crianzas e un único adulto están en situación de pobreza ou exclusión. Esta taxa duplica a do resto de familias. Do total de familias cun único adulto consultadas neste informe, o 78% eran monomarentais. E Igaxes lembra que "as súas posibilidades de inserción ou mellora de emprego están seriamente limitadas polas súas dificultades para a conciliación familiar". O informe advirte de que de cada dez familias con fillos/as encabezadas por unha muller soa (monomarentais), catro sairán do estado de alarma sen emprego e outras dúas en ERTE.
A ONG lembra, ademais, que "as dificultades de moitos fogares para seguir a actividade escolar durante a crise sanitaria puxeron en evidencia unha realidade moi anterior: o alumnado máis desfavorecido non pode aprender en igualdade de condicións". E pide "políticas educativas orientadas a facer posible que todos os alumnos e alumnas poidan partir cada novo curso desde a mesma liña de saída". Ademais, propón a implantación en Galicia dun sistema de medición do éxito educativo desagregado por índices de renda, "para observar ata que punto as desigualdades sociais están na base de moitas desigualdades educativas".
A ONG pide "políticas educativas orientadas a facer posible que todos os alumnos e alumnas poidan partir cada novo curso desde a mesma liña de saída"
Igaxes lembra qua a mocidade que xa parte dunha situación de maior fraxilidade sofre máis a precariedade, unha precariedade laboral que xa existía antes desta crise e que agora se ven incrementada. O impacto da crise sobre o mercado de traballo foi máis forte nas categorías laborais máis precarizadas e de máis baixa cualificación e afectou de forma especial á mocidade: o número de mozos e mozas de 16 a 29 anos rexistrados en abril nas oficinas dos servizos públicos de emprego aumentou un 16% con respecto a marzo.
Neste senso, sinala o informe, mentres que antes da crise do coronavirus o 23% das mozas e mozos (16-29 anos) en risco de exclusión estaban empregados, actualmente só seguen traballando o 8,5% e o 10,8% están en ERTE. Nesa franxa de poboación de 16 a 29 anos, un 84% das mulleres en risco de exclusión están agora desempregadas (6 puntos máis ca os homes) e outro 9% están afectadas por un ERTE. Con moita diferenza, o sector económico no que máis se inserta a mocidade en situación vulnerable é a hostalería (38,01%), precisamente un dos que se verá máis afectados pola crise sanitaria a longo prazo.
O impacto da crise sobre o mercado de traballo foi máis forte nas categorías laborais máis precarizadas e de máis baixa cualificación e afectou de forma especial á mocidade
O informe de Igaxes chaman a atención, especialmente sobre a situación da mocidade tutelada e ex tutelada. A crise frea as súas posibilidades de inserción laboral na sociedade, fundamental para que poidan acadar unha verdadeira autonomía, senón que tamén "frea en seco todas as oportunidades formativas (formación profesional, cursos AFD, prácticas en empresas, etc.) que lles permiten a estas mozas e mozos adquirir unha mínima empregabilidade".
Tamén chaman a atención sobre a mocidade migrante, nunha situación semellante aos mozos e mozas tutelados. Igaxes reclama "que se estableza unha moratoria automática do seu permiso de traballo", algo que teñen garantido só mentres son menores de idade- polo menos ata os 21 anos. E, igualmente, demanda "estender a protección a aquelas mozas e mozos estranxeiros maiores de idade, moitos dos cales veñen de perder o seu traballo", pois "só un novo contrato por un ano e a xornada completa os habilitará para renovaren os seus permisos.
Igaxes aposta pola implantación "dunha renda mínima universal ambiciosa" para "manter a cohesión social e impedir que as desigualdades se extremen aínda máis e se cronifiquen durante varias xeracións"
A entidade lembra que ao longo do mes de abril, o Goberno central foi poñendo en funcionamento un catálogo de axudas para dar resposta aos distintos supostos nos que podían verse os millóns de persoas que viron de algún xeito alterada a súa situación laboral. Porén, salienta que "sería prematuro valorar en que grao estas axudas permitirán aliviar as cargas dos fogares". E subliña que "a pandemia está a poñer de manifesto que o actual sistema de protección social non é suficiente para afrontar unha crise desta magnitude".
Igaxes aposta pola implantación "dunha renda mínima universal ambiciosa". "Só así será posible manter a cohesión social e impedir que as desigualdades se extremen aínda máis e se cronifiquen durante varias xeracións. Non facelo implicaría condear a miles de nenas, nenos e adolescentes a unha vida en exclusión que a inmensa maioría non lograrían abandonar", destaca a ONG.