Tan só o 41% da poboación galega está nunha situación de integración plena. No outro extremo, case un de cada cinco galegos e galegas (470.000 persoas) atópase en situación de exclusión social. Deles, o 9,1% da poboación (245.858 persoas) está nunha situación de exclusión moderada e o 8,4% (226.946 persoas) en exclusión severa. Ademais, o 41,6% da poboación galega atópase nunha situación precaria e conta cunha alta taxa de vulnerabilidade social e con risco de caer en situacións de pobreza ou exclusión, sobre todo no escenario dunha nova crise económica.
Case un de cada cinco galegos e galegas (470.000 persoas) atópase en situación de exclusión social
O 30% de familias numerosas, o 23,3% das familias con fillos e o 22% das familias monoparentais están en situación de exclusión social. Constátase, ademais, unha maior feminización da pobreza, pois o 20% dos fogares sustentados por mulleres están en situación de exclusión.
Este xoves foi presentada en Compostela a edición 2019 do Informe FOESSA sobre Exclusión e Desenvolvemento social en Galicia, unha análise impulsada por Cáritas da situación das persoas e os fogares en situación de exclusión no país. O documento constitúe "unha mirada á nosa cohesión social para analizar como vivimos e reaccionamos ante a gran recesión, como estamos a enfocar a saída e cales son as consecuencias da crise na poscrise", salientou na presentación Guillermo Fernández Maíllo, coordinador da investigación e membro do Comité Técnico da Fundación FOESSA.
Cáritas sinala Galicia como a comunidade con máis persoas "na antesala da exclusión" nunha nova crise
No seu informe estatal, presentado hai uns meses, Cáritas sinalaba a Galicia como o territorio con máis persoas "na antesala da exclusión" nunha nova crise. "Este grupo da sociedade insegura móvese no gume da navalla. E intúe que ante unha eventual acudida, nunha nova crise, o seu sostén económico crebará. Indígnalle que a sociedade segura se desentenda do resto e colla máis impulso ata desconectarse", destacaba o informe.
Entre as conclusións do informe, destaca a énfase posta no papel da vivenda para inclusión ou exclusión. O documento salienta que en Galicia a vivenda "pasou a ocupar o primeiro lugar como causa xeradora de exclusión social no ámbito das persoas e fogares con maior dificultade", desprazando ás dificultades relacionadas co emprego. Así, o 64,9% das persoas en exclusión atópanse afectadas por esta dimensión. En total, o 5,5% da poboación galega atópase nunha situación de vivenda inadecuada (149.000 persoas) e o 7,6% nunha situación de vivenda insegura (205.000 persoas).
149.000 persoas habitan en vivendas inadecuadas en Galicia, e 205.000 fano en vivendas inseguras
Así mesmo, o 28,1% da poboación galega viuse obrigada a reducir os gastos de subministracións da vivenda (electricidade, auga, gas), o 17,6% tivo que reducir os gastos de teléfono, televisión ou internet, o 9,8% viuse sen diñeiro suficiente para o pago de gastos relacionados coa vivenda e o 5,1% tivo que facer fronte a avisos de corte na subministración de luz, auga ou teléfono.
O informe tamén destaca que a precariedade laboral se "converteu nunha forma de vida estrutural na nosa sociedade" e explica que "a taxa de traballadores pobres é do 12,2%, e que do total da poboación excluída, 4 de cada 10 está a traballar", o cal racha a idea de que "un posto de traballo e un salario saca ás persoas das situacións de exclusión".
A crise e a política de austeridade "meteunos como sociedade nun estado de inseguridade e escaseza como forma de vida", sinalan os autores do informe
Na presentación deste xoves Raquel Martínez Buján e Antonio Izquierdo Escribano, profesores da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña e autores do Informe, presentaron o relatorio "A sociedade desordenada e insegura. Riscos globais aos que nos enfrontamos". Os dous profesores salientan que a crise financeira, a perda de emprego e as políticas de austeridade experimentadas na última década impulsaron "o aumento da desigualdade social" e que a puxanza da desregulación no marco económico e laboral "meteunos como sociedade nun estado de inseguridade e escaseza como forma de vida". "A precariedade está a configurarnos como ser social e nos descompromete coa vida en común", concluíron.
A maior parte da poboación galega (o 75,1%) non percibe a chegada dos efectos da recuperación económica ao seu fogar
O Informe revela que os efectos da recuperación económica non parecen facerse notar con claridade en Galicia: a maior parte da poboación galega (o 75,1%) non percibe a chegada dos efectos da recuperación económica ao seu fogar, porcentaxe que se amplía até o 80,8% no caso das persoas que viven en fogares en situación de exclusión. A situación galega é, a este respecto, moi similar á do conxunto de España, onde o 71% da poboación sinala non percibir no seu fogar os efectos da recuperación económica.