Ángela Troitiño e Sebastian Villasante, profesores da Facultade de Económicas da USC, coordinan un número monográfico da Revista Galega de Economía centrado na Economía da desigualdade. No volume, que vén de ver a luz inclúese unha decena de traballos que afondan na influencia das políticas neoliberais e das medidas de austeridade sobre os niveis de vida e de benestar da poboación. Destacan que a "precariedade laboral e desemprego estenderon a pobreza nas súas distintas versións" e sinalan que en Galicia, o mapa da desigualdade e a pobreza "estase modificando", de maneira que os maiores incrementos de pobreza se están a dar nas provincias atlánticas e non, como era tradicional, nas interiores. Estes resultados obedecen a que as áreas interiores, cunha poboación máis avellentada, teñen ingresos máis estables e igualitarios, mentres que as atlánticas, con maiores niveis de poboación en idade de traballar, presentan uns ingresos moito máis dependentes das flutuacións económicas.
"Nun escenario de continuación de altas taxas de desemprego e salarios insuficientes, o máis probable é que a situación de desigualdade e pobreza se incremente e o benestar destas persoas se reduza notablemente"
Esta crise está xerando un novo tipo de pobreza e exclusión, que afecta a sectores da sociedade que até agora ficaran lonxe deste problema?
Poderiamos dicir que si. A nova pobreza ten moito que ver co mal funcionamento do mercado do traballo: desemprego, salarios baixos, etc. Hai décadas o retrato da pobreza estaba moi ligado coa xente maior, áreas rurais, fogares monoparentais,… Na actualidade, aínda que as pensións non subiron ó mesmo ritmo que o IPC, si foron capaces de manterse como un ingreso bastante estable, medrando non menos do que o fixo a renda mediana, o que permitiu que os nosos maiores deixaran de estar sobrerrepresentados na poboación pobre. Pola contra, o conxunto da poboación en idade de traballar, e moi especialmente os nosos mozos e mozas, sofren fortemente as consecuencias da crise, perdendo o seu emprego ou non atopando o primeiro traballo. Nun escenario de continuación de altas taxas de desemprego e salarios insuficientes, o máis probable é que a situación de desigualdade e pobreza se incremente e o benestar destas persoas se reduza notablemente. Ademais estase a dar o fenómeno de que mozos e mozas ben formados vense forzados a emigrar a outros países porque aquí non teñen una saída laboral. Que o noso capital humano emigre supón un despilfarro de recursos para o país e un empobrecemento das súas capacidades, feitos que deberían facer reflexionar aos nosos políticos.
"A austeridade e a restrición do crédito fan que a grande maioría da poboación teña que reducir o seu consumo, que as empresas pechen porque non teñen demanda nin crédito"
De que parte da pobreza son responsables as medidas de austeridade?
Non é unha cuestión doada de medir porque os seus efectos son múltiples, en moitos casos non facilmente cuantificables e con repercusións non só no presente senón tamén cara o futuro. As medidas de austeridade están a afectar no presente á calidade dos servizos públicos básicos (educación, sanidade, …), así como á implantación daqueles que empezaban a tomar corpo na última década (dependencia, …), provocando un claro retroceso no benestar e na igualdade de oportunidades da poboación. Tamén está a atrasar a recuperación da economía. A austeridade e a restrición do crédito fan que a grande maioría da poboación teña que reducir o seu consumo, que as empresas pechen porque non teñen demanda nin crédito, que cada vez haxa máis persoas desempregadas con ingresos que dependen fundamentalmente das prestacións por desemprego, que os salarios se reduzan,… É dicir, unha espiral na que a austeridade non parece estar facendo moito ben nin á recuperación da economía nin ao benestar da poboación.
"Por si mesmo, o crecemento económico non reduce a desigualdade. É máis, o crecemento que ten como base o uso dos recursos naturais finitos foi o principal causante dos desaxustes orixinados na actividade económica da economía española"
O crecemento económico por si só reduce a desigualdade?
Non. Depende do tipo de crecemento. Un crecemento de calidade debe ser equitativo e sustentable, mais o tipo de crecemento que se estivo a dar antes da crise non parece que atenda moito a estas cualidades. Segundo a coñecida hipótese de Kuznets, o efecto do crecemento económico sobre a desigualdade depende do nivel de desenvolvemento dos países. Nunha primeira etapa do proceso de desenvolvemento, un maior crecemento produce maior desigualdade; mais acadado un nivel medio de desenvolvemento, o crecemento tornaríase máis igualitario. Pero o crecemento da desigualdade que algúns países e áreas desenvolvidas experimentaron nas últimas décadas non se axusta á tese de Kuznets, amosando que a equidade do crecemento depende da distribución que faga o mercado e do papel redistributivo dos poderes públicos, e non tanto da etapa de desenvolvemento na que se atopen. Si é certo, que en situacións como a actual, o crecemento económico pode contribuír a reducir a débeda pública e o déficit, liberando fondos públicos que poderían ser destinados á diminución das desigualdades, sempre que se lle dea prioridade a este obxectivo respecto a outros posibles. Pero, por si mesmo, o crecemento económico non reduce a desigualdade. É máis, o crecemento que ten como base o uso dos recursos naturais finitos foi o principal causante dos desaxustes orixinados na actividade económica da economía española, que depende fortemente da importación de recursos para desenvolver a súa actividade produtiva, tendo centrado o seu crecemento en bases moi febles como unha forte aposta polo sector da construción e a creación de emprego temporal.
É preciso establecer as bases dun sistema económico e social que poña o benestar do conxunto da poboación como o seu obxectivo prioritario, que estableza as normas e servizos que permitan unha verdadeira igualdade de oportunidades, unha economía máis produtiva"
Que medidas serían, ao teu xuízo, máis efectivas para reducir a pobreza?
Para paliar temporalmente o problema podemos pensar en medidas conxunturais. Neste senso, a Comisión Europea recomenda reforzar as políticas activas dirixidas ao mercado de traballo. Mais a solución do problema en si precisa de medidas estruturais. Cómpre cambiar o paradigma existente, pero non na dirección na que imos. É preciso establecer as bases dun sistema económico e social que poña o benestar do conxunto da poboación como o seu obxectivo prioritario, que estableza as normas e servizos que permitan unha verdadeira igualdade de oportunidades, unha economía máis produtiva (menos especulativa) que distribúa a produción de forma máis igualitaria favorecendo e incentivando a participación de toda a poboación, unha conciencia social, económica e política máis ética e xusta,… De aí a importancia de que os poderes públicos nacionais e internacionais actúen realmente como o que son, representantes electos da poboación no seu conxunto, e sexan quen de enfrontarse (e non sumarse) aos intereses dos grandes lobbies económicos (financeiros,…) establecendo normas que permitan un desenvolvemento económico máis equitativo e sustentable. A loita contra a pobreza non está en darlle o peixe ao pobre (aínda que conxunturalmente si é imprescindible), senón en establecer e facer funcionar un sistema que permita que todas as persoas poidan pescar en igualdade de condicións, protexendo ós membros da sociedade que non o poden facer por eles mesmos (nenos, discapacitados, maiores, …)
Podemos ser optimistas de cara ao futuro? É posible cumprir os obxectivos da axenda 2020 de redución da pobreza?
Optimistas? Non moito, mais a esperanza din que é o último que debemos perder. E a estas alturas da crise, o optimismo pode vir xustificado polo feito de que cando se chega ao fondo só queda subir de novo. Pero os cambios que se están a dar non auguran un futuro cunha maior igualdade de oportunidades, nin con servizos públicos máis amplos e de maior calidade, nin novos avances nos servizos sociais. Ao contrario, o desmantelamento que estamos a vivir non semella só conxuntural senón estrutural. En canto aos obxectivos da axenda 2020, a propia Comisión Europea nas súas recomendacións relativas ao Programa Nacional de Reformas de 2013, recoñece explicitamente que a pobreza e a exclusión social van en aumento en España debido principalmente á situación do mercado de traballo, aínda que tamén á limitada eficacia da protección social á hora de reducir a pobreza, indicando que hai que tomar medidas para mellorar a eficacia das políticas neste campo.
A este respecto, que nos din as estatísticas? Se nos fixamos na evolución do índice que a nivel europeo se emprega para cuantificar o risco de pobreza ou exclusión social (taxa AROPE), o dato provisional que o INE achega como avance para o ano 2012 (e utilizado polo Goberno no seu Programa Nacional de Reformas 2013) sitúa esta taxa nun 26,8%, dúas décimas por debaixo do dato para 2011. Cando menos o resultado sorprende. E, malia que os microdatos da ECV 2012 nos que se basea o cálculo desta taxa aínda non están dispoñibles, os avances facilitados polo INE permítennos afirmar (coa cautela que supón non dispor aínda de toda a información) que a caída na taxa AROPE se debe a que diminuíu a taxa de risco de pobreza (definida como a proporción de persoas con renda dispoñible equivalente inferior ó 60% da renda mediana). Mais, a caída desta última non significa que a situación da poboación pobre mellorara, senón simplemente que a liña de pobreza diminuíu como consecuencia da caída que está a experimentar a renda mediana dende 2009. Así, a liña de pobreza para un fogar de 2 adultos e 2 nenos en 2011 situábase en 15.768€ baixando a 15.445€ en 2012, o que indica que, por exemplo, un fogar deste tipo cun ingreso equivalente de 15.500€ sería clasificado como pobre en 2011 e, co mesmo ingreso, non o sería en 2012, cando en realidade o seu poder adquisitivo baixou debido ó incremento dos prezos ao consumidor.
"A sociedade está a ser máis sensible aos graves problemas que sofre a poboación do que parecen selo os poderes públicos, que ocupados en satisfacer as necesidades da banca e dos lobbies financeiros están a esquecerse do que sería o seu principal deber"
A actividade de Cáritas e outras ongs son un bo complemento ás políticas redistributivas? Corremos o risco de que o Estado desatenda as súas obrigas?
Sen dúbida, estas organización están a desenvolver un rol clave na atención básica de alimentos e outros servizos á poboación. En teoría o Estado debería ser quen de atender estas necesidades básicas, pero o actual escenario de crise económica xunto coas políticas de austeridade e a falla de políticas que reforcen a loita contra a pobreza, fixo que a actividade destas organizacións aumentara considerablemente. Quizais isto sexa unha mostra de que a sociedade está a ser máis sensible aos graves problemas que sofre a poboación do que parecen selo os poderes públicos, que ocupados en satisfacer as necesidades da banca e dos lobbies financeiros están a esquecerse do que sería o seu principal deber: velar polo benestar do conxunto da poboación á que representan.