O lento camiño de Galicia cara á converxencia con Europa e o Estado

O PIB galego sitúase no 84% da media da UE ©

No ano 2024 o PIB per capita en Galicia situouse nos 30.105 euros, un 92,3% da media española (32.633 euros). Entre os anos 2022 e 2024 Galicia non avanzou na súa converxencia, pero si o fixo se observamos o dato de hai unha década, 2014, cando o PIB por habitante galego era o 88,8% do español 

É Galicia un territorio rico ou pobre? Pois depende. Depende en primeiro lugar do criterio que se empregue para medir a riqueza, ben o deostado indicador do PIB, ben outro tipo de referencias. E depende, sobre todo, de con que outros países comparemos a situación galega. Analizada no contexto do Estado español e no contexto da Unión Europea, Galicia vén presentando nas últimas décadas unha posición inferior á media, en canto ao Produto Interior Bruto por habitante e a converxencia cos niveis medios da contorna española e europea ten sido sinalada como un obxectivo a atinxir.

Os últimos datos da Contabilidade Rexional de España, publicados polo INE a pasada semana, amosan que esa converxencia cos valores medios do conxunto do Estado están un pouco máis preto que hai uns anos. No ano 2024 -con datos que aínda son un avance e poden verse modificados en posteriores revisións- o PIB per capita en Galicia situouse nos 30.105 euros, un 92,3% da media española (32.633 euros).

Entre os anos 2022 e 2024 Galicia non avanzou na súa converxencia coa media española non avanzou, pois a diferenza mantívose totalmente estable. Porén, si o fixo se observamos o dato de hai unha década, 2014, cando o PIB por habitante galego era o 88,8% do español e, sobre todo, se a comparación a facemos co ano 2000, cando era o 77,6%.

No 2000 Galicia era a terceira comunidade autónoma máis pobre, superando unicamente os datos de Andalucía e Estremadura. 24 anos despois o PIB galego xa mellora os datos de oito comunidades autónomas

Nese ano 2000 Galicia era a terceira comunidade autónoma máis pobre, superando unicamente os datos de Andalucía e Estremadura. 24 anos despois o PIB galego xa mellora os datos de oito comunidades autónomas (Cantabria, Asturias, Comunidade Valenciana, Castela-A Mancha, Murcia, Canarias, Estremadura e Andalucía). 

Ou o que é o mesmo, Galicia é xa o noveno territorio máis rico. Iso si, aínda case oito puntos por debaixo dunha media estatal elevada polos datos de País Vasco, Madrid, Navarra, Cataluña, Aragón, Baleares e A Rioxa, todos por riba da media, e de Castela e León, con cifras algo por riba das galegas.

No ano 2024 o PIB per capita galego aumentou un 5,3%, o mesmo avance experimentado no conxunto do Estado. O incremento en Baleares e Canarias superou o 6% e, pola contra, na Comunidade Valenciana, que sufriu o impacto da DINA no outono de 2024, o aumento ficou no 4,3%.

Porén, se o espello no que Galicia se Galicia se quere mirar é o conxunto da Unión Europea, a converxencia co PIB medio fica aínda lonxe. Na actualidade, o PIB per capita galego é un 84% da media da UE dos 27

Porén, se o espello no que Galicia se Galicia se quere mirar é o conxunto da Unión Europea, a converxencia co PIB medio fica aínda moi lonxe e, ademais, non está máis preto que antes da crise da Gran Recesión. Na actualidade, o PIB per capita galego é un 84% da media da UE dos 27, unha enorme fenda aínda por cubrir, malia a importante recuperación dos últimos catro anos. 

O dato galego do pasado ano, por ter máis referencias, sitúase moi preto do nivel medio de Portugal (32.400 euros) ou do de Polonia ou Estonia, que roldan os 31 mil euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.