A Comisión Galega da Competencia conclúe unha investigación por amaño de contratos do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) coa que xa multara outras dúas empresas da área de Santiago
O pasado 22 de outubro Praza.gal avanzou que a Comisión Galega da Competencia viña de multar dúas funerarias con 75.000 euros por repartirse contratos para o transporte de cadáveres que requiren autopsia na área de Santiago e o sur da provincia da Coruña. Agora o mesmo organismo fai pública unha nova resolución coa que multa con algo máis de 400.000 euros a outras catro empresas do sector que tamén estaban a ser investigadas por facer o mesmo nas áreas de Vigo e Pontevedra.
Foi en 2024 cando unha mesa de contratación da Xunta alertou a Competencia da posible existencia de irregularidades. A Consellería de Presidencia e Xustiza convocara un concurso público para o servizo de transporte de cadáveres e apoio loxístico nas autopsias que realiza o Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga). Dividiuno en 11 lotes segundo áreas xeográficas galegas, á maioría das cales só se presentou unha oferta dun única funeraria.
Pero en tres lotes, os correspondentes a Vigo, Pontevedra e Santiago, a única oferta recibida foi de unións temporais de empresas (UTE) conformadas por funerarias que "poderían contar con capacidade suficiente para concorrer individualmente", segundo a investigación que iniciou Competencia ao recibir a alerta da mesa de contratación.
Tras recibir unha alerta da mesa de contratación Competencia iniciou unha investigación que agora conclúe que o amaño do mercado supuxo un prexuízo aos contribuíntes
O ente galego que vela polo libre mercado analizou o comportamento dun total de sete empresas nesas tres áreas xeográficas e agora vén de sancionar a seis delas por un amaño que en última instancia acabou prexudicando aos contribuíntes. Tras descartar responsabilidades dunha das investigadas, hai unhas semanas Competencia multou na área de Santiago a Pompas Fúnebres del Noroeste SA con 70.380,94 euros e a Funeraria Casablanca SL con 4.863,89 euros, o 2,78% e o 3%, respectivamente, dos seus volumes de negocio en 2025. E agora fai públicas multas similares nas áreas de Vigo e Pontevedra.
As agora multadas son Pompas Fúnebres del Atlántico SA con 175.601,19 euros (o 2,95% do seu volume de negocio), Sepelios San Marcos SL con 131.773,11 euros (o 3%), Pompas Fúnebres de Arosa SL con 73.500,64 euros (o 3%) e Pompas Fúnebres Santa Tegra SL con 26.815,29 euros (o 3%). Competencia tamén prohibe que sexan contratadas por administracións públicas en Galicia durante seis meses.
Unha das empresas agora multadas xa o fora por outro caso no que o TSXG acabou confirmando en 2024 que supuxera un "monopolio" por dificultar o uso do único tanatorio de Poio a outras empresas
Unha das empresas agora multadas, Sepelios San Marcos, fora xa sancionada por Competencia xunto con outra firma vinculada, Tanatorio de Poio SL, por dificultar o uso do único tanatorio de Poio a outras empresas do sector. Os investigadores consideraron o acontecido como un "abuso de posición de dominio" e "monopolio", unha conduta prohibida "moi grave". As familias, salientara Competencia, están nunha "situación psicoloxicamente vulnerable" cando contratan servizos funerarios e priorizan o lugar do velorio sobre outros factores, polo que obstáculos para acceder a un tanatorio afectan o mercado e a cidadanía. Así, Sepelios San Marcos fora multada con 81.526,66 euros e Tanatorio de Poio con 1.888,25 euros.
Esa sanción de Competencia foi avalada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a finais de 2024 nunha sentenza na que lembrou que Tanatorio de Poio xa fora condenada noutro caso previo pola Audiencia de Pontevedra ante unha demanda doutra competidora, Funeraria San Mauro, por un caso no que condicionou unha familia en situación de "angustia" por unha morte forzándoa a mudar de empresa funeraria se quería celebrar o velorio nas súas instalacións.