A xustiza ratifica unha sanción de Competencia de 83.000 euros polas restricións para empregar o único tanatorio de Poio e lembra que levaron a unha familia a cambiar de empresa se quería facer o velorio onde desexaba
Hai dous anos, en decembro de 2022, a Comisión Galega da Competencia multou con 83.000 euros a dúas empresas funerarias de Poio ligadas entre si, Sepelios San Marcos SL e Tanatorio de Poio SL, por impedir ou dificultar o uso do único tanatorio desa localidade a outras competidoras. As empresas recorreron aquela sanción pero o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avala a multa, segundo unha sentenza que vén de facerse pública nas últimas semanas.
A resolución xudicial lembra que "os comportamentos sancionados deron lugar a prexuízos económicos" xa recoñecidos noutro caso previo no que outro tribunal xa considerara probado que Tanatorio de Poio SL condicionara unha familia en situación de "angustia" por unha morte a mudar de empresa se quería celebrar o velorio onde desexaba. Pola súa banda, Sepelios San Marcos SL segue a ser investigada por Competencia xunto con outras funerarias galegas por posibles acordos entre elas contrarios ao libre mercado en relación cun contrato do Instituto de Medicina Legal de Galicia.
O único tanatorio que hai en Poio é propiedade de Tanatorio de Poio SL, que á súa vez é propiedade de Sepelios San Marcos SL, empresa que presta servizos funerarios. No seu momento foron denunciadas ante Competencia por unha competidora, Albia, do Grupo Santa Lucía, que fixou o inicio das prácticas contrarias ao libre mercado en 2019, cando se soubo da súa intención de abrir un tanatorio propio na veciña cidade de Pontevedra. Despois tamén outra competidora, Funeraria San Mauro, denunciou igualmente os feitos ante Competencia.
Competencia considera as prestacións funerarias un "servizo esencial" que se produce "nunha situación psicoloxicamente vulnerable" e ten aberta outra investigación a sete funerarias galegas
Segundo constatou Competencia, a empresa propietaria do tanatorio de Poio puxo en marcha unha serie de medidas para que os servizos funerarios conexos co uso das súas instalacións beneficiasen á súa matriz, Sepelios San Marcos, e mesmo para dificultar ou impedir o uso do seu local por outras empresas. Así, detectouse un "sistema de reservas de salas do tanatorio de Poio para uso exclusivo da empresa funeraria Sepelios San Marcos", "uso de descontos das tarifas do tanatorio de Poio de forma non equitativa e discriminatoria entre as empresas funerarias", "utilización das tarifas do tanatorio de Poio de forma non equitativa entre as empresas funerarias” e “exclusión do uso de salas do tanatorio de Poio a empresas funerarias que o solicitan”.
Competencia considera as prestacións funerarias un "servizo esencial" xa que para a cidadanía “en xeral, a decisión de contratar os servizos funerarios tómase de forma imprevista e con carácter urxente e —non o esquezamos— nunha situación psicoloxicamente vulnerable”. Nese estado, a cidadanía contrata servizos funerarios priorizando o lugar do velorio sobre outros factores, polo que os obstáculos para acceder a un tanatorio, con independencia da súa propiedade, afectan ao libre mercado.
A sanción de Competencia foi recorrida ante a xustiza polas dúas empresas afectadas pero o TSXG desestimou as súas alegacións. No proceso compareceu tamén unha das competidoras, Funeraria San Mauro, cuxas alegacións en defensa da sanción son avaladas polo tribunal fronte a falta de novos argumentos por parte das sancionadas. A sentenza non só ratifica a tramitación e consideracións tidas en conta por Competencia para chegar á sanción senón que tamén lembra que Tanatorio de Poio xa fora condenada noutro caso previo pola Audiencia de Pontevedra ante unha demanda de Funeraria San Mauro por un caso no que condicionou unha familia en situación de “angustia” por unha morte a mudar de empresa funeraria se quería celebrar o velorio nas súas instalacións.
A sentenza do TSXG, que conclúe considerando a sanción "conforme a dereito", mesmo engade ás dúas empresas sancionadas o pagamento de 2.000 euros de costas xudiciais.
Por outra banda, unha das sancionadas, Sepelios San Marcos SL, segue a ser investigada pola Comisión Galega da Competencia por outro caso de posibles acordos contrarios á libre competencia xunto con outras seis empresas do sector: Funerarias Casablanca SL, Pompas Fúnebres del Noroeste SA, Cardelle Vaz&Rey SL, Pompas Fúnebres del Atlántico SA, Pompas Fúnebres de Arousa SL e Pompas Fúnebres Santa Tegra SL. Unha investigación que Competencia abriu o pasado outubro hai tras unha denuncia do Imelga, cuxo órgano de contratación advertiu "indicios" de condutas contrarias ao libre mercado por parte das empresas no marco dunha contratación de servizos forenses.