O monopolio da morte: Competencia multa unha funeraria con 83.000 euros por impedir usar un tanatorio a competidoras

Tanatorio de Poio, controlado por Sepelios San Marcos © Google

A investigación salienta a “situación psicoloxicamente vulnerable” das familias ao contratar servizos funerarios e como priorizan o lugar do velorio sobre outros factores, polo que os obstáculos para acceder a un tanatorio afectan o mercado e a cidadanía

A Comisión Galega da Competencia vén de facer pública unha resolución coa que multa con 83.000 euros e impón medidas correctivas a dúas empresas funerarias de Poio ligadas entre si, Sepelios San Marcos SL e Tanatorio de Poio SL, por impedir ou dificultar o uso do único tanatorio desa localidade a outras competidoras. Os investigadores consideran o acontecido como un “abuso de posición de dominio” e “monopolio”, o que é unha conduta prohibida “moi grave”. As familias, di Competencia, están nunha “situación psicoloxicamente vulnerable” cando contratan servizos funerarios e priorizan o lugar do velorio sobre outros factores, polo que obstáculos para acceder a un tanatorio afectan o mercado e a cidadanía. 

Tanatorio de Poio, controlado por Sepelios San Marcos © Google

O único tanatorio que hai en Poio é propiedade de Tanatorio de Poio SL, que á súa vez é propiedade de Sepelios San Marcos SL, empresa que presta servizos funerarios. Foron denunciadas ante Competencia por unha competidora, Albia, do Grupo Santa Lucía, que fixou o inicio das prácticas contrarias ao libre mercado en 2019, cando se soubo da súa intención de abrir un tanatorio propio na veciña cidade de Pontevedra.

Competencia censura que as empresas sancionadas do mesmo grupo "trasladan o monopolio lexítimo do que unha delas dispón no mercado de tanatorio de Poio (Tanatorio de Poio SL) a outros conexos, como o que desenvolve Sepelios San Marcos, coa finalidade de excluír os competidores"

Segundo constatou Competencia, a empresa propietaria do tanatorio de Poio puxo en marcha unha serie de medidas para que os servizos funerarios conexos co uso das súas instalacións beneficiasen á súa matriz, Sepelios San Marcos, e mesmo para dificultar ou impedir o uso do seu local por outras empresas. Así, detectouse un “sistema de reservas de salas do tanatorio de Poio para uso exclusivo da empresa funeraria Sepelios San Marcos”, “uso de descontos das tarifas do tanatorio de Poio de forma non equitativa e discriminatoria entre as empresas funerarias”, “utilización das tarifas do tanatorio de Poio de forma non equitativa entre as empresas funerarias” e “exclusión do uso de salas do tanatorio de Poio a empresas funerarias que o solicitan”.

No expediente agora feito público relátase mesmo a existencia dunha sentenza ratificada pola Audiencia de Pontevedra en 2021 que condenou a Tanatorio de Poio a pagar 1.600 euros a unha terceira empresa, Funeraria San Mauro, por impedirlle realizar un velorio nas súas instalacións. Tamén San Mauro denunciaría ante Competencia tras a denuncia de Albia.

Resolución da Comisión Galega da Competencia sobre o tanatorio de Poio CC-BY-SA Praza Pública

Competencia reflexiona na súa resolución que para a cidadanía “en xeral, a decisión de contratar os servizos funerarios tómase de forma imprevista e con carácter urxente e —non o esquezamos— nunha situación psicoloxicamente vulnerable”. A familia elixe unha empresa funeraria, sexa de xeito directo no momento do falecemento ou de xeito indirecto e previo a través dunha compañía aseguradora de decesos, “descoñecendo, polo xeral, se esa empresa funeraria dispón ou non de tanatorio propio”. Despois, é esa empresa funeraria elixida, que pode non ter un tanatorio no lugar, “a que contrata o servizo co tanatorio da localidade que se lle solicita, integrando o seu custo na factura dos seus servizos”

“Se o acceso [ao tanatorio da localidade elixida pola familia] non é posible ou lle é denegado, como se expón no presente caso, a familia pode verse obrigada a cambiar de compañía funeraria motivado pola única razón de poder dispoñer da sala de velorio no lugar que desexa”, di Competencia, o que supón non só unha perda económica para a funeraria afectada senón tamén un impacto na súa reputación “ao non poder, na práctica, prestar o servizo que se lle require”. E iso é o que certificou Competencia neste caso, no que di que “máis do 93% de persoas que eran clientes de Albia” e que solicitaron que o velorio se celebrase no tanatorio de Poio non o consideraron substituíble por outro noutra localidade e “cambiaron de empresa funeraria, abandonando Albia” ante as dificultades que atopaba para usar esas instalacións e pasaron a contratar “a aquela outra que lles aseguraba unha sala no devandito tanatorio, Sepelios San Marcos, por ser a empresa matriz do titular dese tanatorio”.

Ignacio López-Chaves na súa toma de posesión como presidente da Comisión Galega da Competencia CC-BY-SA Xunta de Galicia

Competencia conclúe que as dúas empresas "actuando con unidade de decisión trasladan o monopolio lexítimo do que unha delas dispón no mercado de tanatorio de Poio (Tanatorio de Poio SL) a outros conexos, como o que desenvolve Sepelios San Marcos, coa finalidade de excluír aos competidores nese mercado".

Ademais da multa económica, Competencia obriga a regular un sistema de uso das salas do tanatorio por orde de solicitude e a que lle envíen "as copias exactas de todas as facturas emitidas" nos próximos tres anos

Competencia considera os feitos descritos como unha conduta prohibida moi grave de “abuso de posición de dominio” recollida pola lei como “imposición, de forma directa ou indirecta, de prezos ou outras condicións comerciais ou de servizos non equitativos” e como unha “negativa inxustificada a satisfacer as demandas de compra de produtos ou de prestación de servizos”. Por iso, impón dúas multas, a Sepelios San Marcos SL de 81.526,66 euros, “que se corresponde co 2,5% do volume de negocio total de 2021”, e a Tanatorio de Poio SL de 1.888,25 euros, o “5% do volume de negocio total de 2021”

Competencia tamén dita medidas correctivas, de xeito que Tanatorio de Poio deberá implantar “un sistema co que poida acreditar que o uso das salas do tanatorio concédese pola orde da súa solicitude e que esa concesión ou denegación notifícase ao interesado”. Tamén deberá “fixar criterios obxectivos de descontos nas contías e modalidades que a propia empresa determine e que poidan coñecer todos os usuarios dese tanatorio”. E deberá enviar a Competencia durante tres anos “as copias exactas e completas de todas as facturas emitidas” para comprobar que se corrixiron os comportamentos agora sancionados. 

A resolución de Competencia non é recorrible en vía administrativa pero si no contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Interesouche esta información?

Editamos un xornal plural grazas ao apoio das socias e socios. Dende moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas. Podes optar por unha cota mensual ou faceres unha achega puntual, agora tamén con tarxeta ou a través do Bizum.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.