A sentenza salienta que a adega coñecía do "carácter prohibido" da súa actuación e non ofreceu "xustificación algunha" para a presenza nas súas instalacións de mosto concentrado rectificado, "polo que ha de considerarse que a única finalidade é o aumento do alcol"
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de confirmar unha sanción de 90.000 euros que a Xunta impuxo en 2024 a Adegas Terras Gauda por utilizar "produtos non permitidos, en contra das normas da Denominación de Orixe Rías Baixas". A sentenza considera acreditado que a empresa usou unha substancia non autorizada na elaboración dos viños.
O tribunal salienta que, tras analizar os resultados e o resto de informes analíticos do expediente, a inspección constatou "a presenza de mosto concentrado rectificado nos depósitos de polietileno situados nas instalacións da adega". A iso engade que non se trataba de abono orgánico rectificado como constaba na súa etiqueta.
O TSXG asegura que a empresa non ofreceu "xustificación algunha á existencia do mosto concentrado rectificado, polo que ha de considerarse que a única finalidade é o aumento do grao de alcol dos seus viños". Polo tanto, rexeita o recurso interposto por Adegas Terras Gauda contra a resolución da Xunta na que lle impuxo unha sanción total de 90.000 euros como responsable da comisión de tres infraccións administrativas de 30.000 euros cada unha.
A sanción tivo en conta "a intencionalidade, a reiteración, o volume de vendas e a posición da empresa infractora no sector"
En contra das alegacións da parte demandante, os maxistrados explican na sentenza que "nin se trata de viños novos, nin dunha adega que elabore algún tipo de bebida na que se utilice o mosto concentrado, sen que haxa constancia de que se atope autorizada para iso". Ademais, indica que "se omite nos libros de rexistros da adega a entrada do mosto concentrado rectificado, identificado nos contedores de poliéster branco que figuran nas fotografías, coas etiquetas adhesivas parcialmente deterioradas".
O TSXG considera que a Xunta motivou a sanción de 30.000 euros imposta por cada unha das infraccións, ao ter en conta "a intencionalidade, a reiteración, o volume de vendas e a posición da empresa infractora no sector vitivinícola e o volume e valor das mercadorías ou produtos afectados pola infracción".
Na sentenza, a Sala fai "especial mención" ao volume do mosto concentrado rectificado adquirido pola adega, que foi de 67.000 quilos, investindo un total de 334.120 euros na súa adquisición. "En conclusión, trátase dunha conduta intencional de tenza nas súas instalacións, almacenado, un produto non autorizado; de realización de prácticas enolóxicas prohibidas, non rexistrando a tenza do citado produto nin as prácticas enolóxicas realizadas; e sendo coñecedora, atendida a súa pertenza a unha Denominación de Orixe, do carácter prohibido das condutas", destaca o TSXG. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.