A crise do viño na Ribeira Sacra continúa: "Seguimos igual, pero cun ano máis enriba"

Vendima na Ribeira Sacra © CRAEGA

O pasado ano unha grave crise afectou ao sector do viño na Ribeira Sacra. Moitas adegas presentaron grandes excedentes de viño de anos anteriores e deixaron sen recoller moita uva, especialmente das pequenas e medianas produtoras

O pasado ano unha grave crise afectou ao sector do viño na Ribeira Sacra. En realidade, a crise é global e golpea á produción de tinto en todo o planeta. Dende hai anos consúmese no mundo menos viño tinto, subsituído moitas veces polo viño branco que mesmo comeza a presentar prezos superiores, e por variedades máis lixeiras e refrescantes, coma os espumosos e rosados. Moitas adegas presentaron grandes excedentes de viño de anos anteriores e deixaron sen recoller moita uva, especialmente das pequenas e medianas produtoras. Calcúlase que a cantidade de uva recollida na Ribeira Sacra pasou de 6,6 millóns de quilos a pouco máis de 5. 

O problema na Ribeira Sacra é máis grave polos maiores custos de produción nesta zona -debido nomeadamente ás especiais condicións orográficas dos seus socalcos- e ten efectos máis importantes debido ao papel que o cultivo dos viñedos nas ladeiras xoga na definición da paisaxe, que aspira a ser recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

O efecto da crise na Ribeira Sacra foi maior pola falta de resposta da Xunta de Galicia, que a pesar de que o problema se coñecía dende moitos meses antes, só no final do ano -e ante as críticas de produtores e sindicatos-artellou algunha medida semellante á que xa puxeran en marcha outras comunidades autónomas. 

Mobilización dos viticultores da Ribeira Sacra en Lugo, o pasado ano © SLG

O Sindicato Labrego Galego iniciou o 7 de marzo, en colaboración coa Deputación de Lugo, un ciclo de conferencias que busca achegar información ás persoas produtoras "ante a ausencia de accións de apoio ás produtoras por parte da Consellaría do Medio Rural"

Falta moito para a vendima deste ano, pero pénsase que a situación non será moi diferente á do pasado. A crise de excedentes do viño tinto continúa e é moi probable que, de novo, unha parte importante da uva da Ribeira Sacra quede sen recoller.

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas iniciou o 7 de marzo, en colaboración coa Deputación de Lugo, un ciclo de conferencias que baixo o título de “O futuro das persoas viticultoras na Ribeira Sacra”, busca achegar información ás persoas produtoras "ante a ausencia de accións de apoio ás produtoras por parte da Consellaría do Medio Rural" e crear un espazo "no que debater sobre o futuro do sector do viño nesta Denominación de Orixe".

A primeira cita foi en Chantada, onde se informou -coa intervención de Leticia Olasolo Viteri, Secretaria Técnica da Unión de Agricultores y Ganaderos de la Rioja (UAGR)- dos fondos da Política Agraria Común (PAC) que financian, entre outras intervencións, a reestruturación e reconversión de viñedo e a colleita en verde. Esta exposición foi completada cunha análise e aplicación práctica das axudas da Política Agrícola Común para o viñedo da Ribeira Sacra, conferencia a cargo de Andrés Castro Ramos, Responsable Técnico do Sindicato Labrego Galego.

A segunda xornada do ciclo terá lugar xa preto da vendima, centrada neste caso na Lei de Cadea Alimentaria aplicada ao sector vitivinícola, nomeadamente a obriga de formalizar nun contrato por escrito a entrega de uva ás adegas e o Modelo de contrato da Interprofesional do Viño. Así mesmo, debaterase sobre as distintas realidades que afrontan as microadegas, as adegas pequenas e as adegas grandes.

Viticultura na Ribeira Sacra © SLG

O 30 de decembro, Medio Rural publicou unhas axudas para o mantemento da paisaxe que para o SLG "discriminan as persoas produtoras a favor das grandes extensións de terreo" e que "non chegaron a tempo para evitar que moitas viticultora viran como as súas uvas podrecían por falta de saída ou foran obrigadas a vender a prezos de miseria"

Ana Rodríguez, do SLG de Chantada, resume así a situación que se presenta para esta campaña: "seguimos igual que o ano pasado, pero cun ano máis enriba" e alerta de que "as adegas que non recolleron o ano pasado, non teñen previsto recoller, sobre todo a que máis recolle". A situación de crise crecente que vive o sector amósase en que "o ano pasado estreámonos en Galicia coa petición de destilación de crise e este ano estreámonos coa petición de colleita en verde, que é a primeira vez que se pide aquí, unhas 170 hectáreas", detalla.

O pasado 30 de decembro, a Consellaría de Medio Rural publicou unhas axudas para o mantemento da paisaxe que para o SLG "discriminan as persoas produtoras a favor das grandes extensións de terreo" e que, ademais, "non chegaron a tempo para evitar que moitas viticultoras/es viran como as súas uvas podrecían por falta de saída ou foran obrigadas a vender a prezos de miseria, ademais de non supor ningún tipo de protección ante unha nova crise na Ribeira Sacra na vendima 2025".

O SLG reclama axudas para as persoas produtoras ás que lles quedou uva sen recoller: "xa dicíamos o ano pasado que o peor que se podía facer era non facer nada, que foi o que pasou"

"Esas axudas para mantemento da paisaxe eran algo que se levaba pedindo moitos anos, son axudas para o mantemento dos socalcos e non deberían ter que ver coa crise dos excedentes", explica Ana Rodríguez, que ademais sinala que "estas medidas van tardísimo, porque son as que se deberían ter posto en marcha o ano pasado". A representante do SLG incide na necesidade de poñer en marcha outras medidas, como axudas para as persoas produtoras ás que lles quedou uva sen recoller. "Xa dicíamos o ano pasado que o peor que se podía facer era non facer nada, que foi o que pasou", di.

Mobilización do SLG na Ribeira Sacra © SLG

Ana Rodríguez alerta de que "estamos nunha situación de cambio, vai haber un antes e un despois para a produción de viño na Ribeira Sacra" e engade que "os pequenos e pequenas viticultores e a xente que decidiu facer disto a súa actividade principal van ser moi prexudicados"

O SLG considera que é necesario convocar unha mesa de traballo na que participen todos os actores do sector na definición dunha "folla de ruta" para o futuro da viticultura na Ribeira Sacra. "Chegouse a esta situación despois de moitos anos cometendo erros", di Ana Rodríguez, que alerta de que "estamos nunha situación de cambio, vai haber un antes e un despois para a produción de viño na Ribeira Sacra e eu non sei o que sairá de todo isto". Engade que "os pequenos e pequenas viticultores e a xente que decidiu facer disto a súa actividade principal van ser moi prexudicados".

De cara ao futuro da produción sinala que "unha zona como a Ribeira Sacra non pode ir a viños moi baratos, non podemos competir en prezo con outras denominacións de orixe de España, porque iso é imposible. Na Ribeira Sacra os custos superan o euro por quilo que uva, porque boa parte do traballo nos socalcos non é mecanizable, hai que facelo todo a man".

En relación á posibilidade de mudar a produción de tinto pola de branco, Rodríguez amósase prudente: "hai zonas, como en Quiroga, onde din que se dá ben o godello. Noutras en cambio dinche que o godello necesita moita atención, que é unha uva moi delicada, mentres que a mencía é máis resistente"

De igual xeito, en relación á posibilidade de mudar a produción de tinto pola de branco a través de enxertos de Godello e outras variedades na Ribeira Sacra, Ana Rodríguez amósase prudente: "hai temos moitas opinións distintas. Hai zonas, como en Quiroga, onde din que se dá ben o godello. Noutras en cambio dinche que o godello necesita moita atención, que é unha uva moi delicada, mentres que a mencía é máis resistente". 

Despois, engade, "hai que ter en conta que o godello xa se está a plantar a esgalla en Monterrei e noutros lugares. Corremos o risco de plantar todos godello e que dentro duns anos pase o mesmo que co tinto, que non se venda. Ou que compitamos en prezo con outras denominacións de orixe, e na Ribeira sacra non podemos competir en prezo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.