Radiografía do agro galego: envellecemento, menos terras e maioría feminina

Un tractor nunha explotación agrogandeira. © Xunta

A superficie agrícola utilizada en Galicia pasou entre 2016 e 2023 de 621.644 a 579.160 hectáreas, un período no que o número de explotacións descendeu aínda máis, aínda que aumentou o tamaño medio das mesmas

Quen traballa no agro? Estase a incorporar unha nova xeración ás explotacións agogandeiras? Que papel xoga a muller? A pasada semana o INE publicou a Enquisa sobre a Estrutura das Explotacións Agrícolas correspondente ao ano 2023, que actualiza os indicadores, que contaban ata agora co ano 2016 como a información máis actualizada. 

O traballo recolle datos de 41.507 explotacións en Galicia, unha cifra notablemente inferior ás 74.994 existentes no ano 2016 e máis aínda se nos remontamos ás 101.537 de 2003. Tamén descendeu neste tempo a superficie agrícola utilizada, que entre 2016 e 2023 pasou de 621.644 a 579.160 (continuando a tendencia á baixa dende as 724.624 de 2003). Con todo, a redución é neste caso inferior, o que tamén nos fala dun proceso de concentración: menos explotacións, pero cada vez de maior tamaño.

As explotacións cunha Superficie Agrícola Utilizada superior ás 20 hectáreas pasaron de sumar menos de 300.000 hectáreas en 2003 a representar en 2023 unhas 413.000

De feito, no gráfico vemos como as explotacións cunha Superficie Agrícola Utilizada (SAU) superior ás 20 hectáreas pasaron de sumar menos de 300.000 hectáreas no ano 2003 a representar en 2023 unhas 413.000. Pola contra, as explotacións de menos de 5 hectáreas reduciron a súa superficie total neste tempo dende unhas 129 mil hectareas a tan só 28 mil.

As mulleres son maioría entre as persoas que dirixen as explotacións e son, ademais, titulares. Galicia é a comunidade autónoma en que iso sucede

Quen traballa nestas explotacións? O INE ofrece nesta entrega datos detallados sobre os xefes e xefas das explotacións e titulares das mesmas. Son un total de 41.507 persoas que na maior parte dos casos son ademais os e as titulares (31.655). Os datos galegos amosan unha paridade case perfecta entre homes (21.511) e mulleres (19.997), unha realidade que vén sendo unha constante no agro galego nas últimas décadas e que establece unha gran diferenza co que sucede no resto do Estado. De feito, os datos de 2023 amosan un incremento da proporción de homes e un descenso da de mulleres, que ata o ano 2016 eran maioría. 

En todo caso, as mulleres son maioría entre as persoas que dirixen as explotacións e son, ademais, titulares. E, de feito, Galicia é a comunidade autónoma en que iso sucede e só Asturias (46% de mulleres) se achega a este indicador. En Catabria, Euskadi, Murcia, Andalucía, Canarias, Baleares e Castela-A Mancha a porcentaxe de mulleres titulares e xefas de explotación rolda o 30% e no resto do Estado a porcentaxe está moi por debaixo.

O traballo no campo está avellentado e son clara maioría os maiores de 55 anos. En Galicia son o 62,94%, o que supón un significativo descenso dende o 67,8% do ano 2016

En canto á idade dos xefes e xefas de explotación e titulares das mesmas, Galicia segue unha dinámica semellante á do resto do Estado. O traballo no campo está avellentado e son clara maioría os maiores de 55 anos. En Galicia son o 62,94%, o que supón un significativo descenso dende o 67,8% do ano 2016. Pola contra, a porcentaxe aumenta no conxunto de España (68,5%) e por primeira vez supera á media galega

Pola contra, a porcentaxe de xefes de explotación menores de 35 anos é moi cativa en Galicia (3,9%) e no conxunto do Estado (4,3%), aínda que experimenta unha leve suba nos últimos anos, despois de ter acadado un mínimo entre 2013 e 2016. O ascenso, con todo, aínda non permite recuperar os niveis que se rexistraban nos datos de 2003.

En canto á idade dos xefes e xefas de explotación, Galicia ocupa unha posición intermedia no conxunto do Estado. Apenas o 4% ten menos de 35 anos e outro 33% se sitúa entre os 35 e os 54 anos. Por riba desa idade, outro 29% ten entre 55 e 64 anos e un 34% supera os 65 anos

En canto á idade dos xefes e xefas de explotación e titulares Galicia ocupa unha posición intermedia no conxunto das comunidade autónomas. A pesar de ser un territorio cunha maior idade media no conxunto da súa poboación, o nivel de avellentamento no agro é semellante á doutros territorios. Apenas o 4% ten menos de 35 anos e outro 33% se sitúa entre os 35 e os 54 anos. Por riba desa idade, outro 29% ten entre 55 e 64 anos e un 34% supera os 65 anos.

Porén, tan só en Cantabria, A Rioxa, Asturias e Euskadi os xefes e xefas de explotación e titulares son máis novos e novas que en Galicia.

Dende o ano 2016, a porcentaxe de xefes/as de explotación e titulares maiores de 65 anos descendeu en Galicia dende o 37% ao 34%, mentres que os que se sitúan entre os 55 e 64 anos aumentaron do 30% ao 34%. No resto de franxas de idade, a distribución apenas se moveu.

Nos últimos anos cada vez son máis os labregos e gandeiros que contan con cursos de formación, formación profesional agraria e mesmo estudos superiores agrarios

Esta nova xeración de xefes e xefas de explotación agrícola preséntase cunha formación máis completa que as xeracións anteriores. Mentres que as persoas de máis de 65 anos apenas contan con cursos de formación agraria, nos últimos anos cada vez son máis os labregos e gandeiros que contan con cursos de formación, formación profesional agraria e mesmo estudos superiores agrarios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.