O interior das provincias de Lugo e A Coruña son as zonas con superficies máis amplas dedicadas a cultivos e prados, o que se explica sobre todo polo desenvolvemento da gandaría, unha actividade que necesita amplas extensións de terreo
Galicia leva décadas perdendo terras de cultivo, dedicando cada vez menos superficie á produción agrícola, cen mil hectáreas menos tan só nos últimos vinte anos. Neste proceso, cada vez foi medrando máis o terreo dedicado á produción forestal e tamén o destinado a 'outras superficies'. Con todo, como explicaba nesta reportaxe o enxeñeiro técnico agrícola Óscar Antón Pérez, a evolución da superficie agrícola utilizada varía moito dunhas a outras zonas de Galicia.
O seguinte mapa amosa a porcentaxe de terreo destinada a cultivos e prados en cada concello, segundo os datos da Consellaría de Medio Rural e do Censo Agrario correspondentes ao ano 2020. Neste caso, o interior das provincias de Lugo e A Coruña son as zonas con superficies máis amplas dedicadas a estes usos, o que se explica sobre todo polo desenvolvemento da gandaría nestas zonas, unha actividade que necesita amplas extensións de prados e outros terreos.
Case a metade dos concellos do país, uns 155, dedican a terras de cultivo e prados menos do 20% da súa superficie e en 57 deles esta porcentaxe non chega ao 10%
Cospeito, onde as terras de cultivo e prados ocupan o 59% da superficie total do termo municipal, Sarria (53%) ou Xinzo de Limia, A Pastoriza, Santa Comba, Taboada, Betanzos, Boimorto e Castro de Rei (todos por riba do 45%) son os concellos que destacan neste senso. Pero son a excepción: tan só 58 localidades sitúanse por riba do 33,3% de superficie dedicada a estas actividades.
No outro extremo, case a metade dos concellos do país, uns 155, dedican a terras de cultivo e prados menos do 20% da súa superficie e en 57 deles esta porcentaxe non chega ao 10%. Xunqueira de Espadanedo, Avión, A Illa de Arousa, Entrimo, Melón, A Lama, Lobios, Oia e Sada pechan esta lista, todos por debaixo do 5%, mesmo por debaixo das sete cidades.
En 39 concellos os terreos forestais ocupan máis do 80% da superficie e tan só 48 localidades teñen unha porcentaxe inferior ao 50%
Na distribución de usos da terra en Galicia o uso principal é o forestal, que ademais está a medrar nas últimas décadas. O mapa amosa que a provincia de Ourense (agás a Limia), o intrerir da provincia de Pontevedra, a montaña de Lugo, a Mariña, o Ortegal e a Costa da Morte son as zonas de Galicia cunha maior porcentaxe do territorio dedicada a usos forestais.
En 39 concellos os terreos forestais ocupan máis do 80% da superficie e tan só 48 localidades teñen unha porcentaxe inferior ao 50%. Laza, A Veiga, Avión e Chandrexa de Queixa, todos eles en Ourense, encabezan a lista, por riba do 90% do seu territorio, o mesmo que Muras, no norte de Lugo. No outro extremo, Betanzos, Oleiros, A Coruña, Cospeito e Cambados son os concellos con menor superficie forestal.
Finalmente, as 'outras superficies', nomeadamente espazos urbanizados e infraestruturas, ocupan porcentaxes pequenas do territorio, agás nas cidades e algúns outros concellos moi densamente construídos. É o caso de Oleiros, A Coruña, Mugardos, Sada, Vigo e A Illa de Arousa, onde estas 'outras superficies' ocupan máis do 50% da superficie total.
En comarcas coma O Morrazo ou O Ribeiro perdéronse case o 30% das terras de cultivo e prados dende o ano 2006
E como evolucionou esta distribución de terras nos últimos anos? O censo agrario ofrece información comarca a comarca, que permite comparar o cambio nos usos dos terreos nos últimos 15 anos. O mapa permite observar que son máis as comarcas que perden terras de cultivo e prados, un descenso que é máis importante nas zonas moi urbanizadas (área metropolitana da Coruña, O Morrazo, A Mariña, Ferrolterra, Santiago, O Salnés, Vigo e Baixo Miño..., pero tamén no Ribeiro e en boa parte da provincia de Lugo e do interior da Coruña.
En comarcas coma O Morrazo ou O Ribeiro perdéronse case o 30% das terras de cultivo e prados dende o ano 2006. Hai, con todo, excepcións. As terras de cultivo e prados incrementáronse dende o 2006 en Tabeirós e Terra de Montes, parte da Costa da Morte, Deza, Melide, Allariz ou Sarria.
A superficie forestal incrementouse dende o 2006 na maior parte de Galicia (en 215 dos 313 concellos)
Mentres, a superficie forestal incrementouse dende o 2006 na maior parte de Galicia (en 215 dos 313 concellos), encabezados por Cambados, Ribadumia, Beade, Vedra, Vilanova de Arousa, O Bolo, O Barco de Valdeorras, Boqueixón e A Baña. En cambio, a superficie forestal descendeu no Deza, na Paradanta, na comarca de Sarria e na Costa da Morte.
En conxunto, a superficie forestal vén experimentando un crecemento continuo en Galicia nas últimas décadas. Dende o 2006 sumáronse outras 28.586 hectáreas (+1,6%), ata un total de 1,8 millóns de hectáreas. Neste tempo perdéronse 45.151 hectáreas de terras de cultivo (-8,4%), mentres que a evolución dos prados e pasteiros foi positiva, con 27.060 hectáreas máis (+6,1%).