Comezamos este décimo quinto episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao -en galego, coma todos os anteriores e todos os que virán-, cun número: 597.993. Son as hectáreas da superficie agrícola utilizada en Galicia no ano 2020, practicamente cen mil menos que vinte anos antes
Tras a perda de 100.000 hectáreas de superficie agraria útil en apenas vinte anos, buscamos entender por que amplas superficies do campo galego deixaron de utilizarse para producir alimentos
Por tras destas cifras hai unha realidade que agora, ao fío da guerra da Ucraína e das dificultades para certos subministros, por exemplo de cereais, volveu ao centro das reivindicacións dos sindicatos agrarios ou organizacións ecoloxistas, que xa a puñan no foco dende hai anos, pero recibindo moita menos atención. A importancia da superficie agraria utilizada é clave, por exemplo, para a soberanía alimentaria.
No novo capítulo poñémoslles contexto aos datos con Marcos Pérez Pena e Ana G. Liste. Para entendermos, por exemplo, por que amplas superficies do campo galego deixaron de utilizarse para producir alimentos e cambiaron de uso. Mentres, máis de tres cuartas partes da superficie agrícola utilizada xa corresponden a explotacións de 10 hectáreas ou máis, contradicindo ou cando menos matizando o lugar común do minifundio.
Tras un percorrido polo país para sabermos, por exemplo, en que concellos queda máis superficie agraria ou en cales abondan máis cada tipo de explotación, escoitamos voces expertas que nos axuden a entender mellor a situación, as causas do abandono da superficie agraria útil e tamén as posibles solucións. Falámolo co enxeñeiro técnico agrícola Óscar Antón Pérez e mais con Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego.
Pérez e Vilalba sinalan, por exemplo, que a perda de superficie agraria utilizada non é un problema específico de Galicia, se ben o noso país si adoece dun plan a longo prazo para abordar a situación e tentar invertela. A máxima responsable do SLG tamén sinala como afectan a este fenómeno accións "especulativas" que, por exemplo, tentan convencer os propietarios de que resulta "máis rendible" dedicar as terras ao eucalipto que á produción alimentaria.
En VINTE, das Letras Galegas a Cans pasando por Eurovisión
Neste novo episodio do Fálase, un chisco máis extenso do habitual, achegámonos tamén a coñecer do que se fala en VINTE coa axuda da súa directora, María Yáñez. Comezamos escoitando De Córgomo a Fair Oaks, o EP co que Raúl Díz, d'Os amigos dos músicos, puxo música a poemas de Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado no Día das Letras. O videoclip dun dos temas, Liorta, foi estreado en VINTE.
Tamén na senda do Día das Letras vai o novo VINTE na rede, que trae consigo moitos contidos en internet para dar folgos ao galego alén do 17 de maio. E, alén da data sinalada, nos últimos días VINTE non faltou á súa cita con Eurovisión, con todas as claves do certame (e algún eurodrama) da man de Héctor Anllo.
Con VINTE escoitamos músicas dende o Día das Letras a Eurovisión pasando polo FaCeLa Fest de Lugo ou un concerto de Ortiga en Santiago, observamos disidencias téxtiles e poñemos rumbo ao Festival de Cans
Pero hai moitas máis músicas que as de Eurovisión, vén un verán cargado delas, e en VINTE xa imos tendo algúns petiscos. É o caso do FaCeLa Fest de Lugo ou do recente concerto de Ortiga na sala Capitol de Santiago, que VINTE recolleu nunha crónica de Ana G. Liste cun título que convida a afacerse á festa nos tempos posCOVID.
As disidencias téxtiles da galería lucense Solaina ou a ollada artística de Damián Ucieda ás historias, realidades e espazos en torno ao oleoduto da Coruña pasan tamén por este novo episodio do Fálase. Tampouco falta, no espazo de VINTE, a cita co Café Derby 21, que nos seus últimos capítulos convidou a Helena Girón e Samuel Delgado e mais a Bernardo Pajares.
Rematamos con VINTE poñendo rumbo á nova edición do Festival de Cans, que regresa ás súas datas habituais de maio. VINTE estará no festival e o festival estará en VINTE, xa que un ano máis as curtas da sección Novas Camadas poderán verse en exclusiva na revista.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Podes escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, Spotify, Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.