A superficie agrícola utilizada en Galicia leva anos en descenso, unha tendencia negativa que fixo desaparecer ao redor de cen mil hectáreas nas últimas dúas décadas, segundo vén de revelar a estatística do Censo Agrario do ano 2020, publicada hai uns días polo INE. En concreto, a Superficie Agraria Utilizada (SAU) é na actualidade de 597.993 hectáreas, 50 mil menos que no ano 2009 (647.598) e case 100 mil menos que no ano 1999 (696.691).
Sindicatos agrarios e grupos ecoloxistas veñen criticando esta redución da superficie agraria, ao tempo que se incrementan os terreos dedicados á produción forestal ou a outros usos
Dende hai anos sindicatos agrarios e grupos ecoloxistas veñen criticando esta redución da superficie agraria en Galicia, ao tempo que se incrementan os terreos dedicados á produción forestal ou a outros usos. Estas voces reivindican o potencial desaproveitado dos solos galegos e a súa importancia de cara a un incremento da produción de alimentos, de cara a asegurar a soberanía alimentaria e a potenciación das producións agrarias e desenvolvemento rural.
As explotación cun tamaño inferior á hectárea seguen a ser as máis habituais (son 23 mil, case unha de cada tres), pero están en regresión
En paralelo coa estatística principal da superficie agrícola, os datos do censo agrario permiten constatar unha mudanza moi importante na estrutura da terra en Galicia, sempre marcada polo minifundio e as explotacións de superficie limitada, sobre todo en comparación coas grandes extensións habituais noutras zonas da Península. Segue a haber un gran número de explotacións (74.757), pero a cifra está por debaixo do dato de 2009 (79.481) e, sobre todo, moi lonxe do indicador que reflectía o Censo Agrario do ano 1999, que recollía a existencia de 268.995 explotacións.
Os datos do ano 2020 amosan que as explotacións galegas teñen unha superficie media de algo menos de 8 hectáreas. Porén, as que contan cun tamaño inferior á hectárea seguen a ser as máis habituais (son 23 mil, case unha de cada tres) e as inferiores a cinco hectáreas son maioría, algo máis de dous terzos do total.
As explotacións con superficie agrícola superior ás 30 hectáreas gañan cada vez máis peso e representan xa o 43% da SAU total galega
En calquera caso, as pequenas explotacións inferiores á hectárea de superficie suman unha extensión total moi cativa, apenas o 1,6% do total. Pola contra, as explotacións con superficie agrícola superior ás 30 hectáreas gañan cada vez máis peso e representan xa o 43% da SAU total galega, contradicindo o tradicional esquema minifundista do territorio galego. O 76% da superficie agrícola utilizada en Galicia corresponde a expotacións de 10 hectáreas ou máis.
Vilalba e Lalín son os concellos cunha maior superficie agrícola utilizada
Cales son os concellos con máis superficie agrícola? En que zonas de Galicia se dedica máis espazo a estas producións? O seguinte mapa amosa que os concellos do centro da provincia de Lugo (especialmente da Terra Cha), do norte da provincia de Pontevedra (sobre todo no Deza) e tamén dalgunhas áreas da provincia da Coruña (en Arzúa e na Costa da Morte) e Ourense (na Limia) son os que acollen as maiores superficies agrícolas en uso.
Vilalba, con máis de 13 mil hectáreas, e Lalín, con máis de 12 mil, encabezan esta lista, na que Sarria, A Pastoriza, Lugo, A Fonsagrada, Friol, Abadín, Castro de Rei, Arzúa, Santa Comba, Mazaricos, Chantada, Rodeiro, Xinzo, Silleda ou Guitiriz presentan tamén datos moi elevados.
Montederramo é o concello con explotacións de maior tamaño, mentres que en Pontevedra e no Ribeiro mantense a superficie máis reducida
O segundo mapa presenta os datos da superficie media das explotacións activas en cada concello, un indicador que revela que Lugo e Ourense rexistran as explotacións cun tamaño meirande, un dato encabezado polo de Montederramo, A Mezquita ou A Veiga, pero moi elevado tamén na Capela. Pola contra, a maior parte da provincia de Pontevedra e a comarca do Ribeiro son as zonas coas explotacións agrícolas máis pequenas, con tamaños medios que non chegan a unha hectárea en moitos casos.
O número de explotacións de gando bovino pasou de 79.630 en 1999 a 39.220 en 2009 e a 28.283 nos datos máis recentes. Porén, o número de cabezas mantense case inalterable
A tendencia de redución (e concentración) do número de explotacións con superficie agrícola utilizada reprodúcese de forma aínda máis clara nas explotacións gandeiras. Mentres que hai unhas décadas o número de granxas era moitísimo maior e era moi frecuente que cada unha delas tivese un número reducido de animais, na actualidade as cousas mudaron de forma substancial.
O número de explotacións de gando bovino pasou de 79.630 en 1999 a 39.220 en 2009 e a 28.283 nos datos máis recentes. Porén, o número de cabezas mantense case inalterable, só cunha pequena redución nas últimas dúas décadas: de 1.084.912 a 971.540 entre 1999 e 2009 e mesmo cun aumento no ano 2020 (994.515).
O mesmo sucede nas granxas de gando ovino, caprino, porcino e nas aves de curral. Hai moitas menos explotacións, pero as que se manteñen posúen un número de animais maior.
O número medio de porcos por granxa pasou de 37,5 a 204 na última década.Tamén se multiplicou no caso das aves de curral: de 430 a 3.570 por explotación
No caso do gando ovino e caprino si que se observa unha redución clara no número de cabezas, que caeu case á metade dende o ano 1999. Porén, o número de porcos nas graxas galegas aumentou de forma importante na última década, pasando de 1.154.403 a 1.408.818 animais. Isto significa que o número medio de animais en cada granxa pasou de 37,5 a 204.
O mesmo sucede no caso das aves de curral: o número de animais medrou en tres millóns na última década, mentres que a cifra de explotacións pasou de 48.847 a 6.723. O número medio de polos e galiñas por granxa pasou de 430 a 3.570. Grupos ecoloxistas levan anos advertindo dos riscos medioambientais da concentración de explotacións e da instalación de macrogranxas cun potencial de xeración de residuos moi elevado.
A Pastoriza, Lalín e Mazaricos compiten por ser o concello con máis vacas e bois de Galicia, os tres concellos por riba das 27 mil cabezas
Os seguintes mapas amosan a distribución do gando ao longo de Galicia, coas zonas nas que vacas, porcos, ovellas e aves de curral son máis habituais. O gando bovino é moito máis numeroso no centro do país, nas provincias de Lugo e A Coruña e tamén na comarca do Deza. A Pastoriza, Lalín e Mazaricos compiten por ser o concello con máis vacas e bois de Galicia, os tres concellos por riba das 27 mil cabezas, aínda que é a capital do Deza a que por pouco encabeza a lista. Castro de Rei, Sarria, Vilalba, Lugo, Friol, Santa Comba, Paradela, Rodeiro, Frades ou Arzúa superan tamén as 15 mil cabezas.
No gando porcino, Maceda, Silleda, Rodeiro e Lalín encabezan a lista
En canto ao gando porcino, Maceda, Silleda, Rodeiro e Lalín encabezan a lista, seguidos de Dozón e Xinzo de Limia, cunha gran concentración nas comarcas do Deza e tamén na Limia. O gando porcino é o que presenta máis problemas medioambientais no caso das macrogranxas e de concentracións excesivas de animais en determinadas zonas.
A Estrada, Viana do Bolo, Monfero ou Allariz son as localidades con máis ovellas e cabras
O gando ovino e caprino foi diminuíndo nos últimos anos en Galicia, pero segue a ter unha gran presenza na Estrada, Viana do Bolo, Monfero ou Allariz, e tamén en Xinzo de Limia, Vilariño de Conso, Lalín, A Pontenova ou San Sadurniño
Friol, Sarreaus, Lalín, Silleda e Xinzo de Limia son os concellos con máis aves de curral
Finalmente, as máis de 24 millóns de aves de curral nas granxas galegas distribúense por un gran número de comarcas, sumando máis dun millón de cabezas en Friol, Sarreaus, Lalín, Silleda e Xinzo de Limia, e acadando tamén cifras moi importantes en Sarria, Maceda, Rodeiro, Palas de Rei e Calvos de Randín