Levamos uns días de moito ruído. De buguinas de camións parados, de megáfonos, de altofalantes… E tamén dun pouco de medo. Neste oitavo episodio do Fálase, o podcast informativo de Praza.gal conducido por David Lombao, tentamos achegar un chisco de pausa e contexto. Que pasa no agro? Por que protestan os gandeiros? Están do mesmo lado que os transportistas, prexudícanos os camioneiros?
Aínda que nos últimos anos practicamente todo sexa histórico e polo tanto, se todo é histórico, todo deixe de selo, é especialmente significativo que haxa organizacións agrarias que estes días coincidan en advertir de que o campo galego está pasando polo peor momento da súa historia. Miguel Pardo, xornalista de Praza, falou con representantes destas organizacións, do Sindicato Labrego Galego e de Unións Agrarias e mais con algún gandeiro que lle contou como está a vivir esta treboada perfecta de prezos altos, transporte bloqueado e temor pola supervivencia das explotacións
Unha das reivindicacións que están moi presentes nas reivindicacións agrogandeiras destes días é que se cumpra a lei de cadea alimentaria. Con Ana G. Liste coñecemos o que di, por que é importante e por que os gandeiros e as gandeiras reclaman que se aplique.
O que queda de Pokémon
Na segunda parte deste episodio lembramos aquela frase de "faite con todos" que ilustraba o anime xaponés e os videoxogos de Pokémon e como este nome acabou ligado á política galega a través da a operación xudicial que hai xa máis dunha década emanou do xulgado de instrución número un de Lugo, que daquela dirixía a xuíza Pilar de Lara, sancionada dende 2019 por alargar macrocausas coma estas.
Aquel "faite con todos" referíase aos contratos públicos que quería captar unha rede de empresas do grupo Véndex e cando a xuíza De Lara lanzou a operación foron detidos ou imputados varios cargos políticos, alcaldes, concelleiros de diversos partidos. Foi unha operación realmente espectacular, contribuíu á caída de gobernos municipais e ao ascenso doutros, pero o certo é que, máis dunha década despois, ningunha das pólas do caso chegou a xuízo.
Un dos políticos máis arquivados nestes anos foi Xosé López Orozco, que foi alcalde socialista de Lugo dende 1999 e ata despois das eleccións municipais de 2015. Nos últimos días Orozco recibía a confirmación de que era arquivada a última causa que o atinxía, a peza na que De Lara o acusara de recibir cartos das empresas da Pokémon a cambio de adxudicar o servizo da ORA do Concello de Lugo. Unha vez coñecido ese peche, López Orozco compareceu ante os medios e neste episodio escoitamos e damos contexto a parte do que dixo.
Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Poderás escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, en Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.