O artigo clave da lei da cadea alimentaria que o sector agrogandeiro esixe cumprir: prohibido vender a perdas

Vacas dunha explotación gandeira galega CC-BY-NC-SA Unións Agrarias

O sector agrogandeiro está en plena convulsión. Hai xa practicamente un ano que retomou as mobilizacións fronte á suba dos custos de produción, unha inflación galopante tras os meses con máis restricións da pandemia que agora se ve agravada polas consecuencias da guerra na Ucraína e as sancións a Rusia, entre outros factores.

O sector vive unha forte convulsión por mor das subas de prezos, agora agravada polas consecuencias da guerra na Ucraína

Nas protestas máis recentes onde participaron algunhas das principais organizacións agrarias galegas conflúen reivindicacións dispares. Dende a denuncia polos prezos insostibles dos combustibles ou de diversas materias primas a outra, se cadra menos sonora, que pasa polo cumprimento dunha lei que leva uns poucos meses en vigor, a da cadea alimentaria. Concretamente, da lei da cadea alimentaria tras a reforma aprobada definitivamente polo Congreso en decembro de 2021 cos votos a prol dos grupos do Goberno (PSOE, UP) e varios dos seus socios habituais e co voto en contra do PP e mais Vox ás emendas finais -previamente, para o conxunto do texto, abstivéranse-.

Mobilización de gandeiros en Lugo en novembro de 2021 para esixir prezos xustos para o leite CC-BY-NC-SA SLG

Unha das claves desa reforma foi a nova redacción do seu artigo 12 para introducir máis garantías nunha das reivindicacións históricas dos sectores agrario e gandeiro: a prohibición da venda a perdas. Así, a norma ampliou o contido sobre a "destrución de valor na cadea". "Cada operador -sinala- deberá pagar ao (...) inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo de produción" e ademais, agregou, "para protexer a capacidade de comercialización dos produtores primarios", os responsables da venda final ás persoas consumidoras (por exemplo, os supermercados) "non poderán aplicar nin ofertar un prezo de venda ao público inferior ao prezo real da adquisición do mesmo".

"Cada operador deberá pagar ao inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo de produción", di a lei, aprobada definitivamente polo Congreso a finais de 2021

Nesta mesma liña, a lei fixou que "en ningún caso as ofertas conxuntas ou os obsequios aos compradores poderán utilizarse para evitar" a prohibición da perdas e sinala que incumprilo "terá a consideración de venda desleal". A norma inclúe esta práctica como infracción grave, sancionada con entre 3.001 e 100.000 euros, pero pasa a ser moi grave se é repetida en menos de dous anos. Nese caso, vira en moi grave, con multas de ta un millón de euros". 

Ademais, especifica, a "autoridade que resolva o expediente sancionador poderá acordar tamén que se poña termo á práctica comercial prohibida". Engade, ao tempo, que "a comisión de infraccións non poderá resultar máis beneficiosa para infractor que o cumprimento da norma", polo que "o montante final das sancións non pode ser inferior" ao beneficio obtido por quebrantar a norma.

Mobilización gandeira en Ortigueira a finais de 2021 CC-BY-SA UUAA

A responsable do cumprimento da lei é a Xunta para negocios no interior de Galicia e o Estado se as partes do contrato están en comunidades autónomas diferentes

E, quen son esas autoridades responsables de facer cumprir a lei da cadea alimentaria? Se as "partes contratantes" teñen as súas sedes en comunidades autónomas diferentes, "corresponde á Administración Xeral do Estado", o mesmo que se o contrato afecta a un ámbito superior ao dunha única autonomía ou se unha das partes é estranxeira. Se o negocio se produce dentro dunha única autonomía, a competente é a Administración autonómica, a Xunta no caso galego. "Se o órgano competente dunha comunidade autónoma non actúa nos prazos establecidos"  (o primeiro é dun mes), "o denunciante poderá acudir á Administración Xeral do Estado".

Malia á letra da norma, organizacións como Unións Agrarias veñen afirmando que "a venda a perdas é unha realidade xeneralizada" nun sectro "que percibe prezos de hai 30 anos". "Por iso non abonda con dicir que é ilegal vender por baixo do que custa producir", senón facer cumprir a lei con medidas como un observatorio público de custos de referencia combinadas neste momento con axudas directas, reclaman.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.