O custo do gas desbócase coa guerra, dispara o recibo da luz e evidencia as eivas do sistema de fixación de prezos

Planta de gas CC-BY Patrick Hendry

A invasión rusa de Ucraína desboca o importe do gas e eleva a máximos históricos o prezo medio da electricidade: 545 euros/MWh este martes

A luz desbócase ata alcanzar prezos récord en España nunca vistos. Neste luns, o Operador do Mercado Ibérico de Electricidade (OMIE) marcou un importe medio diario do megavatio hora de 442,54 euros, o máis alto da historia, case 400 euros máis que hai un ano e uns 300 máis que hai tan só un mes. O récord durou pouco. Baterase este martes, cando marque 544,98 no mercado maiorista, con moitos tramos horarios superando os 600 e sen baixar dos 400 en momento ningún

A suba sen precedentes do importe da factura eléctrica chega de novo por unha tormenta perfecta de condicionantes que, desta vez, teñen a invasión rusa de Ucraína como o principal e máis importante. Por moito. A posibilidade de que a guerra free as exportacións do gas natural que chega de Rusia -o segundo maior produtor de gas natural do mundo e o primeiro provedor europeo- está a impulsar como nunca o importe da enerxía. 

Por cada euro que sobe o gas nos mercados, increméntase dous euros o prezo da electricidade; o MW/h de gas supera xa os 300 euros

Así, nese mercado maiorista, do que se derivan as tarifas reguladas de máis de dez millóns de fogares e pemes no Estado, disparou o seu prezo este luns ata picos de 500 euros por MWh, o que se traduciu en máximos de máis de 71 céntimos por KWh ás sete da tarde para esas casas e empresas, que o martes verán como a suba e aínda maior. No caso de quen estea no mercado libre, a suba notarase no momento de renovar o contrato e as condicións establecidas. 

Resumindo: por cada euro que sobe o gas no mercado holandés TTF (Title Transfer Facility, a principal referencia no sector), sobe dous euros o prezo da electricidade e o importe na tarifa regulada. E o megavatio hora de gas xa superou os 300 euros, a maior marca desde que hai rexistros. 

O incremento espectacular da demanda deste produto na pasada primavera e verán en Europa e sobre todo Asia -logo da fin das principais restricións da pandemia-, o altísimo prezo dos dereitos de emisión de CO2 e o clima pouco propicio para as renovables provocaran xa unha escalada histórica dos prezos da luz daquela. Nesta altura, o importe da factura eléctrica multiplícase case por tres. 

O prezo medio dos dereitos de emisión de CO2 rolda os 68 euros por tonelada en marzo fronte aos 40 de hai un ano e tras superar os 90 en febreiro

Porque o elevado prezo dos dereitos de emisión de CO2, que son adquiridos polas empresas eléctricas para sufragar as emisións contaminantes das súas centrais térmicas e de gas, non só se mantén senón que supera en moito ao de hai un ano. Rolda os 68 euros por tonelada neste mes de marzo fronte aos 40 de hai un ano e tras superar os 90 en febreiro, 52 menos que no mesmo mes de 2021. 

Con todo, é a guerra en Ucraína a que dispara os prezos. Malia que o gas desde Rusia segue a fluír, tanto en Europa como desde os Estados Unidos debátese se dar o paso de vetar as importacións rusas, o que cortaría ao réxime de Putin unha importante fonte de ingresos pero suporía tamén graves consecuencias económicas para a UE, España e Galicia. Desde a Casa Branca mesmo meditan facelo pola súa conta e á marxe dos seus aliados europeos para intentar afogar máis economicamente o Kremlin. 

Refuxiados de Ucraína, agardando na fronteira con Polonia © UNICEF/UN0601722/Arkady/VII Photo

Aínda así, a nai do año segue a estar no sistema de fixación de prezos. Ese que provoca que malia que nos últimos días case a metade da enerxía xerada chegase da eólica e da solar, dúas fontes moi baratas, o importe no mercado maiorista batese todos os récords. 

A guerra de Ucraína e o temor ao veto ao gas ruso encarece o ciclo combinado, que marca o importe final da luz malia ser minoritario na xeración eléctrica

A fonte de enerxía que achega o último megavatio que entra no mercado e máis cara é a que acaba fixando o valor da electricidade en cada tramo horario, así como a retribución que reciben o resto de fontes, alén do seu custo de xeración. Así, os ciclos combinados de gas natural fixaron o prezo este luns en dez franxas horarias, provocando, co seu actual prezo no mercado, o incremento tamén no prezo da electricidade. No entanto, a xeración a través deste sistema non chegou ao cuarto do total e no conxunto de 2021 supuxo o 17,6% da produción, segundo datos de Red Eléctrica Española (REE). 

"A situación é xa inxustificable, máis tendo en conta o que supón o gas na produción de electricidade no Estado ou o produto financeiro especulativo no que se converteron os dereitos de emisión de CO2; a bomba que supón este sistema e a fixación de prezos estourou de todo porque é absolutamente ineficiente e non pode ser que hidroeléctricas e hidráulicas sigan cobrando por custos que non soportan pero se lles remuneran", di Rosa Regueiro, doutora en Economía, profesora de Economía Aplicada na USC e experta en enerxía. 

Ante esta escalada sen fin, a presión a Bruxelas para que rache con este vínculo entre o prezo de gas e da electricidade é cada vez maior. En definitiva, para mudar ese sistema de fixación de prezos, tal e como pediu España, unha demanda á que se unen Alemaña ou Francia agora ante unha situación cada vez máis insostible para a cidadanía. 

Alemaña e Francia únense á demanda de España para mudar o actual sistema de fixación de prezos

"A situación é inasumible para moitas familias e moitos negocios que xa meditan se producir ou non porque o incremento dos prezos non lles dá marxe para trasladalo ao produto final", insiste Regueiro, que cre que o elevado custo da luz tamén en países como Alemaña, Francia ou Italia "abre unha vía alternativa na UE". "Non son optimista, pero non hai moita opción; hai que mudar o modelo porque a guerra de Ucraína vaino complicar todo moito máis; o triste é que se aposte por amañar agora algo que se leva décadas denunciando", di. 

De feito, Regueiro cre que a situación europea pode tirar tamén do Goberno central que, advirte, "ten mecanismos legais, lícitos e lexítimos para aplicar medidas que reduzan o prezo da factura da luz". "Se non se fai é polo enorme poder do lobby enerxético e das empresas do sector", asegura, tras aclarar que a reforma que prevé reducir os denominados beneficios caídos do ceo das centrais nucleares e hidráulicas e que suporán un recorte duns 1.000 millóns de euros na retribución das eléctricas non supón case nada. "É como poñer un pequeno apósito nunha ferida de dez centímetros... Vai seguir sangrando", explica. 

Detalle dunha factura da luz CC-BY-SA Praza Pública

Sobe a gasolina

Ao tempo, os prezos dos carburantes tamén manteñen unha suba sen paraxe nas últimas semanas. O barril de cru brent roldou este luns os 130 dólares por barril, sendo os 140 de 2008 o máximo histórico. As incertezas que a guerra causan tamén na economía impactan de cheo, máis tendo en conta que Rusia é o terceiro exportador de cru do mercado mundial e ante os temores de que Putin busque tamén no petróleo unha arma de guerra máis. 

No entanto, as tensións xeopolíticas e o conflito en Ucraína non son a única causa desta suba de prezos tan apreciable á hora de encher o depósito do coche. Leva meses ocorrendo, logo de que o aumento de mobilidade tras a fin dos confinamentos en todo o mundo increméntase moito a demanda pero non así a produción. Ademais, o incremento no imposto aos carburantes en moitos países da UE acabaron tamén por repecutir no prezo final do diésel e da gasolina. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.